Centos de persoas concéntranse nas universidades en repulsa ao asasinato dunha educadora social e pola dignificación do sector

Nas protestas realizadas nos campus da Coruña, Compostela, Lugo e Ourense denunciouse a falta de medios técnicos e económicos
Nacional - 13 Mar 2025

Traballadores e traballadoras de intervención social, estudantes, membros da comunidade educativa das tres universidades galegas e representantes das centrais sindicais, entre as que está a CIG, participaron esta mañá nas catro concentracións realizadas diante das facultades de Educación da Coruña, Santiago, Ourense e Lugo (adscrita á UNED) en repulsa ao asasinato dunha traballadora social en Badaxoz.

Nas concentracións, que xuntaron a varios centos de persoas, gardouse un minuto de silencio en recoñecemento público ao labor de Belén e quíxose trasladar a solidariedade e apoio a súa familia e as súas compañeiras e compañeiros de traballo.

No manifesto lido ao remate das protestas incidiuse na necesidade de non caer no sensacionalismo e o morbo e coidar a información que se está trasladando estes días nos medios de comunicación xa “que contribúe á estigmatización dos nenos e nenas que están no sistema de protección coa confusión constante entre centros de medidas xudiciais e centros de protección”.

Por iso, fíxose un chamado a que este tráxico suceso “sirva para facer un traballo de reflexión e reparación necesaria neste sector”, descoidado polas administracións públicas. Denunciouse á falta de medios técnicos e económicos “que fai que o noso traballo estea desprotexido e, en consecuencia, os dereitos dos nenos e nenas con quen traballamos, que precisan de profesionais que acudan a realizar o seu traballo con seguridade”.

Neste senso, a CIG, sindicato maioritario en Galiza neste sector, leva anos denunciando a falta de cobertura de baixas, o infrafinanciamento dos recursos tanto materiais como persoais, a externalización na prestación destes servizos que deberían ser de xestión directa e pública, o estado das instalacións, en moitos casos obsoletas e sen o acondicionamento adecuado, a precariedade laboral, así como o exceso de rateos en todos e cada un dos centros.

No propio manifesto refírese que, nas situacións de medidas xudiciais, a externalización constante dos servizos “afecta gravemente á calidade da atención socioeducativa que require esta poboación e pon en perigo a profesionais que no día a día realizamos o noso traballo”.

“A Educación Social é unha profesión que traballa para a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, recalcouse, “e require que de forma continuada como profesionais do social reiteremos ás institución o compromiso firme que garanta o seu adecuado exercicio e a protección efectiva das súas profesionais”.

Con tal obxectivo, demandouse que o conxunto da profesional social estea blindada pola administración e que de inmediato se faga a avaliación de cada un dos recursos de reeducación que hai na Galiza “para evitar que esta penosa realidade se repita e se implementen medidas e reforcen recursos que veñan a dar calidade e seguridade á profesión”

Na mesma liña, para a CIG resulta especialmente grave o desinterese das administracións públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza que ten as competencias nesta materia, á hora de destinar os orzamentos suficientes para atender os e ás menores, tanto no sistema de protección como ás que teñen que cumprir algún tipo de medida xudicial ou de reforma, cando son un colectivo altamente vulnerábel e en risco social.

E agarda que, dunha vez, a Consellaría de Política Social responda á solicitude de reunión presentada pola central sindical en diversas ocasións para tratar a situación dos centros de menores na Galiza e as condicións laborais dos e das profesionais.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.