Galiza Pola Paz clama “Non á guerra!” nas rúas e prazas das cidades galegas

Demandan unha desescalada militar e esforzos diplomáticos no marco da ONU e da OSCE
Nacional - 20 Mar 2022

Centos de persoas, convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz, reclamaron esta mañá o cesamento das accións de guerra e a volta á diplomacia como única vía para a resolución do conflito en Ucraína. Nas mobilizacións, que tiveron lugar nas sete cidades galegas de forma simultánea, foi un clamor o berro “Non á Guerra!” mais tamén as críticas á OTAN.

Ao remate das concentracións personalidades do mundo da cultura como Suso de Toro ou Elvira Souto, en Compostela; Ramón Rozas e Sabela Méndez, en Pontevedra; Antonio Reigosa, en Lugo; Isabel Risco, na Coruña; Pepablo Patinho, en Ferrol ou Vítor Vaqueiro en Vigo,  deron lectura a un manifesto que, de seguido reproducimos. Manifesto ao que engadiron, ademais, a exixencia dun Sáhara libre.

MANIFESTO DA PLATAFORMA “GALIZA POLA PAZ”
DIANTE DO CONFLITO DA UCRAÍNA
NON Á GUERRA!

As organizacións e entidades que conformamos a Plataforma Galiza pola Paz, facéndonos eco dos desexos de paz e contrarios á guerra da inmensa maioría da sociedade galega, queremos manifestar:

1º) Reiteramos o noso máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno, e reclamamos a retirada inmediata das tropas rusas.

2º) Expresamos a nosa plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito.

3º) Chamamos, por tanto, ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito. Cómpre atopar o camiño para unha desescalada militar e unha política de paz, que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz.

4º) En consecuencia, reclamamos o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática.

5º) Lembramos, porque é de xustiza, as accións previas de hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk e o silenciamento destes ataques por parte da comunidade internacional, malia as advertencias reiteradas da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE). Unha situación que se estende desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk.

6º) Consideramos lamentábel o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como títere dos intereses da OTAN e os EUA. A UE e o seu portavoz para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, súmanse ás declaracións ameazantes, que crean aínda máis tensión. A Unión Europea debe deixar de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pasar a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada.

7º) Reclamamos a neutralidade activa do estado español neste conflito, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no irresponsábel envío de armamento á Ucraína. Se o estado español quer contribuír á resolución deste conflito, debe facelo non enviando ametralladoras, senón apoiando e reforzando a vía diplomática.

8º) Somos conscientes do impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares. Mais tamén sabemos que o que fixo a guerra foi agravar unha crise xa preexistente, previa ao inicio dos ataques militares.

A carestía da vida, a suba brutal de prezos en produtos básicos de alimentación, nos combustíbeis, na electricidade, ou no gas, está a provocar o sufrimento e a desesperación na maioría dun pobo galego que mantén salarios e pensións moi por baixo da media estatal.

Resulta indecente que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos -a comezar polos propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas- a costa do empobrecemento das maiorías sociais.

Por esa mesma razón, rexeitamos con toda a nosa enerxía o incremento do gasto militar anunciado esta mesma semana polo Goberno español seguindo, tamén, o mandato de Estados Unidos: nunha situación económica e social extrema como a que estamos a vivir, dun impacto brutal sobre as clases populares, resulta irresponsábel destinar máis cartos públicos para armamento, no canto de os dirixir a cubrir as graves carencias e necesidades sociais, os servizos públicos e a defensa do emprego digno.

9º) A nosa solidariedade coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína non nos fai esquecer a existencia doutras guerras e doutros dramas na humanidade. Non hai vítimas de primeira e de segunda. Todas elas, todas, son merecentes da nosa solidariedade, recoñecemento e apoio.

10º) As nosas únicas armas, as únicas que queremos empregar, son a palabra, a solidariedade e a mobilización social. O galego é un pobo que ten demostrado historicamente a súa adhesión fraternal ás causas xustas en calquera parte do mundo, e así o facemos tamén agora, alzando a nosa voz.

GALIZA POLA PAZ
NON Á GUERRA!