Centos de persoas claman contra a estafa da luz e por unha tarifa eléctrica galega
Centos de persoas sumáronse as concentracións convocadas pola CIG en cidades e vilas para dicir “Non á estafa da luz”, demandar a recuperación das centrais hidroeléctricas e exixir unha tarifa eléctrica galega. Mobilizacións lanzadas pola central sindical para que se recoñeza a enerxía como un dereito universal, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril “ante a escalada imparábel do aumento do prezo da luz, ante a impunidade coa que actúan as eléctricas e ante o nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a ter para frear a suba da factura e garantir con políticas públicas o acceso á electricidade polo conxunto do pobo en condicións asumíbeis”.
Na súa intervención ao remate da concentración convocada na Praza Roxa, en Compostela, o secretario xeral da CIG cualificou de “especialmente lamentábel e desprezábel” o papel do PP e da Xunta, máis despois das súas políticas en favor das empresas eléctricas, nomeadamente “as que explotan os nosos ríos, e da súa permanente oposición a que en Galiza poidamos dar solucións como as que desde a CIG temos defendido e levado ao Parlamento Galego”.
Lembrou as diferentes propostas e ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da Tarifa Eléctrica Galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas, ou as propostas para dar solución á industria electrointensiva, así como as alegadas na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, e nas Propostas feitas en outubro do ano pasado para unha saída galega xusta.
Propostas que, asegurou que son a demostración de que “existen mecanismos legais, que é posíbel, se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía” porque a enerxía “non é un ben de consumo calquera, senón que é un ben de primeira necesidade” afirmou. E isto “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social, e a tomar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.
Proceso de colonización enerxética
O secretario xeral da CIG denunciou que esta estafa da luz ten lugar cando Galiza coincidindo cun novo proceso de “colonización enerxética” a través dos macroparques eólicos que “ameazan os nosos montes e terras, despois de que no franquismo se destruíran ríos e terras produtivas, mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras da Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos”.
Carril clamou ademais contra as grandes empresas eléctricas que “están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.
Por iso reclamou unha verdadeira transición ecolóxica galega “ordenada, xusta, ao servizo do país”, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas e “non cunha actuación dos gobernos que facilitan ás eléctricas este proceso, creándolle os marcos legais e financiando as súas inversións”. Nese sentido, advertiu que os famosos fondos europeos Next Generation “teñen como principal destino financiar a descarbonización e a implantación da electrificación da economía que estamos a vivir”.
Valor estratéxico do sector enerxético
O secretario xeral da CIG subliñou o valor estratéxico do sector enerxético para Galiza, polo que representa para o seu PIB e por ser un factor relevante para poder vivir e traballar dignamente, así como para a actividade económica e a produción industrial. Fronte a iso denunciou que, ao longo dos anos, por decisións políticas, “Galiza foise especializando na xeración de electricidade con enormes custos sociais e medioambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”.
E denunciou tamén como, máis unha vez, “o PP e o PSOE seguen a ser en Galiza culpábeis desta situación por renegar da terra que lle dá de comer, por ser máis españolistas que os madrileños, cando seguen negando a Tarifa Eléctrica Galega”.
Nese sentido, cuestionou como poden PP e PSOE explicar a súa “fanática oposición á Tarifa Eléctrica Galega, cando o presidente de Castela e León ou o presidente de Aragón están a pedir beneficios e compensacións polo dano que lle causan as centrais hidroeléctricas que existen nestes territorios”.
Lembrou que en Galiza temos o maior número de centrais hidráulicas; que 8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración de electricidade, sen contar os proxectos que están en tramitación; que exportamos nos últimos anos unha media do 30% en favor doutros territorios e do seu desenvolvemento económico, social e industrial, mentres pechan empresas, medra o desemprego e continúa a emigración.
Solucións xa
Demandou, en nome da central sindical, “solucións xa” e debullou as propostas da CIG, a comezar polo recoñecemento da enerxía como dereito fundamental e por aprobar políticas públicas de intervención no sector eléctrico para garantir o acceso á electricidade ao conxunto do pobo en condicións asumíbeis.; a reversión ao público das centrais hidroeléctricas que rematen a concesión e a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas e a participación noutras empresas eléctricas.
Xunto a isto, demandou a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor, para garantir que a enerxía reservada ás administracións se destina a baixar o prezo da luz, ademais da modificación do sistema tarifario, limpando a factura de peaxes que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, que serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de polas consumidoras.
Propuxo a retirada das centrais hidráulicas e nucleares do pool do mercado maiorista para fixar o prezo da electricidade e a modificación transitoria dos impostos que están presentes na tarifa eléctrica, aplicando o tipo mínimo do IVE (4%), e eliminando do imposto á xeración (7%) que as empresas repercuten nas persoas consumidoras.
Isto xunto a implantación da Tarifa Eléctrica Galega, unha tarifa máis baixa na Galiza, empezando por unha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, por ser Galiza produtora excedentaria de enerxía.
O secretario xeral da CIG concluíu anunciando unha nova convocatoria de mobilizacións en toda Galiza, ás mesmas horas e nos mesmos lugares que hoxe, para o día 3 de outubro. Concentracións nas que chamou a levar as facturas eléctricas para así “facer unha queima pública das empresas eléctricas”.