Centos de mulleres da CIG claman en Pontevedra pola erradicación de toda violencia machista
Arredor de 300 mulleres da CIG participaron hoxe en Pontevedra no Encontro Nacional organizado pola Secretaría das Mulleres no marco da campaña do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres. Ao remate tivo lugar unha manifestación polas rúas da cidade para reclamar a erradicación de toda forma de violencia machista.
Durante o Encontro Nacional celebrado na biblioteca pública Antonio Odriozola abordouse o contido da campaña que a central sindical desenvolveu este ano con motivo do 25N baixo o lema ‘Óllate no espello. Rompe co machismo’. Unha campaña que pon o foco nos agresores e que interpela os homes para que rexeiten as agresións dos seus compañeiros.
E na que se demanda dos homes que non comungan con este tipo de condutas a súa maior implicación, para non consentir que nos círculos de relación entre iguais, nos círculos de relación entre homes, se consinta ou non se sinale como agresión machista, como un “acto repugnante” que hai que erradicar.
“É necesario construír novas masculinidades” que rompan coa “masculinidade hexemónica tradicional”, xa que “sen facer este cambio vai ser inevitábel que sigan aumentando as agresións contra as mulleres”.
Ademais, dende o Gabinete Técnico Confederal ofreceuse unha palestra sobre identificación e actuación ante as violencias no traballo. E tamén se abordaron casos concretos de acoso e violencia contra as mulleres en sectores como a industria, a banca, o ensino ou a sanidade.
E é que, lonxe de erradicarse, cada vez se interpoñen máis denuncias por violencia machista e aumenta o número de casos tanto de feminicidios como de agresións sexuais. Isto tendo en conta que mesmo se sabe que “a maior parte das agresións sexuais fican, por desgraza, sen denunciar”.
Ao remate do Encontro tivo lugar unha manifestación até a Praza da Peregrina, onde a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, apelou á necesidade de que tanto as Administracións públicas como as empresas se impliquen na loita pola eliminación de toda violencia contra as mulleres, “xa que as desigualdades son a principal causa da violencia que padecemos dende que nacemos por sermos mulleres e que logo se perpetúa ao longo de toda a nosa vida”.
Neste senso, sinalou cuestións como “cobrar menos por facer un traballo de igual valor, ter que abandonar a nosa carreira profesional para dedicarnos aos coidados ou ser máis pobres na vellez logo dunha vida de traballo porque percibimos pensións máis baixas”.
Ao mesmo tempo, quixo deixar claro que o combate contra a violencia nas empresas é unha cuestión de saúde laboral e denunciou que moitas delas carecen hoxe en día de protocolos contra o acoso, algo que é ilegal, e que a maioría das que os teñen non os aplican. Por iso incidiu na importancia do traballo sindical “para lograr que afloren estas violencias e impedir que os agresores queden impunes”.
Porque, tal e como se recolle na propia campaña da CIG neste 25N, controlar é violencia, humillar é violencia, insultar é violencia, ridiculizar é violencia, illar é violencia, someter é violencia, menosprezar é violencia, presionar é violencia, chantaxear é violencia, vixiar é violencia, tocar o corpo sen consentimento é violencia, enviar ou solicitar imaxes ou vídeos de contido sexual é violencia, acosar é violencia.
Críticas ás Administracións
Castro amosouse especialmente crítica co papel que están a xogar as Administracións públicas na loita contra a violencia contra as mulleres. “Están a relaxar as políticas de xénero; a Xunta, por exemplo, liquidou a Secretaría de Igualdade de Xénero, dividíndoa en dúas Direccións Xerais: a de violencia de xénero e a de igualdade de xénero”. O que considera un “erro tremendo”, porque “a violencia procede da desigualdade, e non se pode combater a violencia sen políticas de igualdade”.
Finalmente, fixo un chamamento a participar a tamén nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) de Galiza, da que a CIG fai parte. E a sumarse, alí onde non haxa convocatoria da MMM, ás mobilizacións que convoque o movemento feminista galego.