Centos de delegados/as da CIG mobilízanse en Vigo para denunciar a grave situación laboral da comarca
Alberte Gonçalves, secretario comarcal da CIG-Vigo, aproveitou a asemblea de delegados/as para debullar a grave situación económica, laboral e social que atravesa a bisbarra, fronte á que puxo en valor a acción sindical da CIG como primeira central da comarca e principal axente mobilizador. Alertou sobre a cada vez maior precariedade no emprego e sobre o risco de exclusión social no que viven milleiros de persoas.
O responsábel sindical botou man dun informe elaborado pola CIG a nivel comarcal “para desmontar a propaganda que anuncia a recuperación económica” e cualificou de “emerxencia social, laboral e produtiva” a situación que padece a comarca. Neste senso, denunciou a desertización industrial que se está a producir e que ten como consecuencia o esmorecemento dos principais sectores produtivos.
Retirada das reformas
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na asemblea e na mobilización posteior, salientou os principais eixos da campaña da central de cara ao 10 de Marzo, reivindicando a retirada das reformas laborais e das pensións, da 'lei mordaza' e incidindo na necesidade da soberanía nacional para reactivar a economía do país ao servizo da clase traballadora.
Seixo advertiu que a actual ofensiva do capital baséase en dous aspectos fundamentais, como son o ataque aos dereitos conquistados coa loita obreira ao longo dos anos e unha maior represión para impedir a capacidade de resposta.
Para rematar, os dous dirixentes sindicais lembraron que fronte a esta situación de desemprego e precariedade a CIG ten presentado unha serie de medidas alternativas encamiñadas a favorecer un maior desenvolvemento económico e un reparto da riqueza máis xusto e quitativo. Boa parte delas foron recollidas na ILP que a central promoveu e que chegou ao Parlamento galego, sendo botada abaixo polo PP.
Unha vez finalizada a asemblea a militancia da CIG rematou a xornada concentrándose diante da delegación da Xunta en Vigo, despois dunha manifestación polas rúas da cidade. Alberte Gonçalves, que se dirixiu alí aos presentes, esixiu por segunda vez unha reunión co delegado da institución autonómica para achegarlle as reivindicacións que a central ten para a comarca.