Cento vinte centros de Infantil e Primaria trasladan incidencias por falta de persoal no comezo de curso
A CIG-Ensino anuncia que exixirá explicacións sobre os recortes en centos de centros educativos coincidindo coa comparecencia do conselleiro de Educación no Consello Escolar de Galiza. O sindicato denuncia a “campaña de manipulación sobre a situación do comezo de curso” e que xa trasladaron incidencias por falta de persoal 120 centros de Infantil e Primaria e por diversas casuísticas outros 375 centros de ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial.
O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello denuncia que “a mentira ten as pernas curtas”. Unha cuestión que considera que debería ter aprendido ben o conselleiro de Educación, ao que acusa de “levar faltando á verdade desde o comezo de curso”, por cualificalo como o da “maior modernización do sistema educativo galego”.
Lonxe disto, o sindicato afirma que nunca tantas protestas se deron como neste mes de setembro. Un curso que entende que se caracteriza, “por ser un exemplo de manipulación informativa” e, sobre todo, de recortes e de falta de iniciativa na mellora do ensino público, especialmente no que atinxe á atención á diversidade e nas condicións de traballo do profesorado.
A realidade dos centros fronte á propaganda da Consellaría
Cunha chea de concentracións e mobilizacións en diferentes centros educativos ao longo e largo do país, con moitas máis incidencias que nos cursos anteriores, a CIG-Ensino alén de apoiar e participar nelas, vai presentar nas primeiras reunións das permanentes das Xuntas de Persoal coas Xefaturas provinciais de Inspección e coas Direccións territoriais da Consellaría unha listaxe con 120 centros de Infantil e Primaria que trasladaron, ben a través da dirección ou de profesorado do centro, incidencias de falta de persoal no comezo de curso. A relación de centros representa un número inédito até agora.
O número de centros afectados é con seguridade superior e desde a CIG-Ensino animan a todo o profesorado a trasladarlle todas as problemáticas ao sindicato e facelas públicas para romper o “muro de desinformación promovido pola administración” e seguido por quen agora, despois de asinar un acordo vergoñento, ve “luces e sombras” na aplicación do mesmo.
Do mesmo xeito anima a aquelas direccións que recibiron “avisos” de cargos da Consellaría ou de responsábeis da Inspección, para que fagan caso omiso da censura que lles pretenden impoñer e proporcionen toda a información da que dispoñan para denunciar a situación na que se atopan nestes momentos no seu centro.
Dentro da relación de centros que pode consultarse no documento anexo figuran algúns IES por casuísticas concretas que agravan un deterioro que, con carácter xeral, se estende ao total de 375 centros nos que se imparte ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial.
Segundo a CIG-Ensino, nestes centros non se aplicou ningunha das cuestión comprometidas no acordo, como o cómputo de alumnado repetidor dentro da ratio máxima da aula ou o cómputo como dobre ou triplo daquel con trastornos de conduta, con discapacidade ou con dependencia e tampouco se produciu “ningunha redución do sobrecargado horario lectivo do profesorado, que neste curso empeora pola redución de docentes aplicada pola Consellaría, agás en etapas como a Formación Profesional, polo incremento da oferta destas ensinanzas nos últimos anos”.
Polo tanto, e a falta de recibir información de moitos centros de infantil e primaria, os centros afectados, dun ou doutro xeito, polos efectos do “Acordo que chaman de melloras” e que a CIG-Ensino sempre cualificou “de renuncias” chega a un mínimo de 495 centros, o que representa un 46,13% do total de centros dependentes da Consellaría. Este é o mellor exemplo do “novo camiño” do que volveu falar o conselleiro de Educación hoxe.