CCOO, UGT e CONFEMETAL asinan o convenio estatal de Metal de costas a traballadores/as
CCOO, UGT e CONFEMETAL asinaron este mércores o Convenio Estatal do sector do Metal cuxo contido descoñecen todas as traballadoras e traballadores do sector, non xa en Galiza, senón tamén no resto do Estado e sen sequera proporcionarllo ao resto de organizacións sindicais máis representativas. Un convenio co que obrigan a todo o persoal do sector a realizar cursos de prevención e de reciclaxe que só poden impartir as organizacións asinantes do convenio.
Así o denuncia o secretario nacional de Negociación Colectiva de CIG-Industria, Manuel Simón, quen sinala que onte, ás 12:00 horas comezaba a primeira reunión de negociación colectiva do convenio estatal do Metal coa asistencia presencial, en Madrid, de CCOO, UGT e a patronal e telemática da CIG e 3 empresarios. Unha xuntanza á que non asistiron os outros dous sindicatos representativos, ELA e LAB.
Simón lembra que tras da constitución da mesa, no mes de marzo de 2020, e o intercambio de plataforma non se volveu a convocar ningunha outra xuntanza até a data de onte, primeira reunión de negociación do convenio. Unha xuntanza na que, o primeiro que dixeron foi “que teñen un preacordo CCOO, UGT e a patronal e que onte mesmo ían proceder a asinalo e ratificalo”.
Unha "pantomima"
Diante deste anunciou, o representante da CIG manifestou a súa disconformidade denunciando que “isto non é unha reunión de negociación, porque nesta mesa non se negociou nada”. Lonxe disto Simón asegura que “foi unha pantomima para blanquear un acordo alcanzado por parte de algúns dos integrantes da mesa de costas ao resto”.
Manuel Simón lembra que a CIG é o sindicato maioritario en Galiza e denuncia que “as traballadoras e traballadores galegos non teñen coñecemento nin do que se acordou, nin do que se asinou. É máis de momento nós tampouco sabiamos o que asinaran porque non tiveron nin a decencia de mandarnos antes da reunión o preacordo que tiñan”.
Na mesa, as organizacións asinantes indicaron unicamente que se introduciran no convenio cuestións en materia de Igualdade, Teletraballo e Formación en Prevención. Unha cuestión, esta última, que precisamente rexeita e denuncia a CIG porque segundo Simón, “realmente este convenio é para o que é, para cobrarlles a todos os traballadores e traballadoras cursos de 20 horas obrigatorios para todo o sector do Metal”. Cursos que, matiza, antes só eran obrigatorios para o sector Naval.
Deste xeito, o persoal do sector terá que facer, cada catro anos, un curso de reciclaxe de 8 horas. Unha formación que ademais “só a poden impartir os asinantes do convenio CCOO, UGT e CONFEMETAL, e aquelas academias ou entidades que, previo pago dun imposto revolucionario a estas tres partes, de 70 euros por alumno, lles permiten facer a formación”.
Afastar a negociación dos centros de traballo
Diante disto, Manuel Simón denuncia tanto o procedemento como as formas. Afirma que “a CIG está en contra deste tipo de convenios a nivel estatal onde se afasta a negociación dos centros de traballo, porque non hai ningún traballador, non só de Galiza senón do Estado español, que coñeza o que están asinando estes señores por detrás”.
Sinala ademais que neste intre se está falando de derrogar a reforma laboral que dá prevalencia ao convenio estatal e ao convenio de empresa por encima dos convenios provinciais e sectoriais. Por iso cre que “é un mal momento para asinar algo” e que “o que deberían facer estes sindicatos é agardar a que se faga esta reforma, mirando cal é o poder que ten realmente cada convenio e cal é o que prevalece por encima dos demais”.
Propostas da CIG-Industria
Na súa plataforma a CIG-Industria levaba cuestións como a xubilación parcial. “Presionar ao goberno de que para o sector industrial manufactureiro se manteña, xa que é efectiva para rexuvenecer os cadros de persoal, a maiores conseguir coeficientes redutores para o sector, por ser un sector con risco e que require moito esforzo físico”. Isto xunto á subrogación para empresas públicas e privadas e melloras nos desprazamentos, entre outras cuestións que “non sabemos sequera se tiveron en conta ou ignoraron, porque aínda recibimos o convenio onte e temos que revisar o seu contido”.