CCOO, UGT e a patronal intentan boicotear a folga convocada pola CIG no sector do siderometal de Ourense
Dende a federación de Industria da CIG de Ourense denuncian os intentos tanto de CCOO e UGT como da patronal de obstaculizar a convocatoria dos paros promovidos pola central no sector do siderometal para este mércores 22 e para o vindeiro día 29. No caso da UGT a través da distribución de notas informativas nas que manifesta o seu “malestar y desacuerdo” coa medida adopatada pola CIG ao considerala “desproporcionada y no adecuada en este momento, puesto que todavía estamos en el proceso de negociación del convenio”.
O sindicato español entende que a convocatoria dos paros “puede empeorar unas relaciones con la patronal ya de por si complicadas”. Con todo, considera que “una huelga es posible, pero no en este momento puesto que una acción de este tipo lo único que va a hacer es perjudicar a los trabajadores y al futuro de la negociación”.
Pola súa banda, CCOO está a celebrar asembleas nas empresas en horas de traballo -facilitadas polas propias direccións, como no caso de Gestamp, a compañía máis importante do sector en Ourense- para intentar convencer os traballadores/as de que asinen o convenio. Un convenio que, tal e como denuncian dende a CIG, incluiría a proposta da patronal de ampliar a xornada laboral ás fins de semana.
Diante disto, a CIG-Industria mantén a convocatoria de dúas xornadas de folga no sector. A primeira terá lugar este mércores 22, mentres que a segunda está fixada para o vindeiro día 29. A central fai un chamamento ao conxunto dos traballadores/as a participar na asemblea fixada para hoxe no local do sindicato en Ourense ás 20.00 horas para organizar os piquetes que comezarán ás 6.00 horas do mércores a percorrer os principais polígonos e empresas da provincia.