Cazolada do persoal do Programa Lecer do Concello da Coruña para exixir o cobro dos salarios e o inicio das actividades
Persoal do Programa de Lecer do Concello da Coruña continuou este xoves co calendario de mobilizacións para reclamar o cobro do seus salarios e a posta en marcha do novo prego de condicións do servizo. A protesta-cazolada, realizada na Praza de María e que contou co apoio de numerosos usuarios e usuarias do programa, desenvolveuse coincidindo coa celebración do pleno municipal.
Ademais, logo de Serviplus (a empresa que xestionaba o servizo) cedera a débeda salarial ao Concello para que sexa a administración municipal a que directamente pague ás traballadoras e traballadoras as contías pendentes polo traballo xa feito. Esta empresa é a mesma que tiña o contrato das escolas deportivas municipais da Coruña, que o Concello tivo que pasar temporalmente a Emvsa tamén a causa dos incumprimentos laborais e dos impagos.
Con respecto ao inicio do programa, que xa debería estar en activo, o Goberno municipal informou que está agardando a que empresa ceda o contrato, pero de momento non está preparada ningunha programación, nin o persoal comezou a cobrar as contías pendentes, que nalgúns casos acadan os 4.000 euros.
O persoal docente tamén aproveitou para reclamar que os novos pregos de condicións inclúan melloras salariais e laborais.