Catro meses de prisión por agredir a un técnico de emerxencias do 061 en Cangas

Profesionais do sector agardan que a sentenza sirva como medida disuasoria para que este tipo de feitos non se sigan producindo “con total impunidade”
Cangas - 12 Mar 2025

OXulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas ditou onte unha condena firme de catro meses de prisión por agredir a un técnico de emerxencias do 061. Profesionais do sector agardan que a decisión xudicial sirva como medida disuasoria para que este tipo de feitos non se sigan producindo “con total impunidade”.

A sentenza cualifica os feitos acontecidos no servizo de urxencias do centro de saúde de Cangas en marzo de 2023 como un delito de atentado á autoridade recollido no Código Penal, por exercer violencia contra un sanitario na prestación dun servizo público. 

A sentenza cualifica os feitos como un delito de atentado á autoridade recollido no Código Penal, por exercer violencia contra un sanitario na prestación dun servizo público

Ese día unha paciente que estaba a ser atendida golpeou o sanitario sen motivo aparente aproveitando que este se atopaba de costas. Segundo se recolle nos feitos probados da sentenza, a acusada agrediu ao sanitario que a atendía <<coa intención de menoscabar a súa integridade corporal, golpeándoo sen a debida consideración ás funcións que desempeñaba como persoal sanitario>>.

A resolución xudicial, contra a que non cabe recurso, condena a paciente a catro meses de prisión, inhabilitación para o sufraxio pasivo polo mesmo período, pago das costas procesais e abono dunha indemnización de 250 euros. Con todo, a acusada puido beneficiarse dunha redución de pena ao aceptar unha condena por conformidade para non ter que chegar a xuízo.

Os profesionais do sector agardan que esta sentencia sirva como medida disuasoria para que este tipo de agresións ao persoal técnico en emerxencias sanitarias “non se sigan producindo con total impunidade”.

Segundo indican, até o de agora o máis habitual era que estas condenas se saldasen con pequenas multas como “delito leve de lesións” por mor de que o persoal técnico en emerxencias, pese a prestar un servizo público esencial, non está contratado directamente pola Administración (faise a través dunha contrata privada), e polo tanto non teñen a condición de funcionario.

O Xulgado de Cangas ten pendente de resolución tres casos de agresión a persoal técnico do 061 por feitos producidos entre os anos 2022 e 2023. Entre eles, atópase o suceso máis grave, no que un técnico foi agredido por tres persoas ao mesmo tempo. Nesa ocasión, a Garda Civil tivo que intervir para evitar que continuasen mallando con patadas e puñadas ao sanitario, ao tempo que auxiliaba ao persoal do centro de saúde que se atopaba parapetado nunha consulta para evitar ser agredido tamén.

Desprotección do persoal

Os profesionais do sector coinciden de forma unánime na súa total desprotección, xa que a pesar de que existe un protocolo de actuación asinado e publicado no DOG “ningunha das empresas en Galiza o está a cumprir”. 

Ningunha das empresas que operan en Galiza está a cumprir o protocolo de actuación ante as agresións

A CIG, sindicato maioritario no sector, vén de solicitar recentemente que se convoque a “mesa de seguimento dos concursos públicos de ambulancias” comprometida pola Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Sanidade durante o conflito coa empresa Ambulancias do Atlántico o ano pasado.

Dende a central nacionalista denuncian que ningunha das empresas de ambulancias está a formar o seu persoal en técnicas de autodefensa nin está a dotar de medios de protección en caso de agresións, tal e como se recolle no protocolo (<<O persoal de ambulancias non dispón nin tan sequera dun radioteléfono portátil para cada sanitario co que poder comunicarse para pedir auxilio, tendo que compartir un por ambulancia>>).

Ademais, sinalan que ao non dispoñer de ningunha ferramenta defensivo-disuasoria -como chalecos anti-trauma e anti-pinchazos ou cámaras subxectivas- o persoal ten que depender exclusivamente do auxilio das forzas da orde pública, pese a que habitualmente non contan con patrullas dispoñíbeis

Por último, lamentan que debido a que o persoal técnico de emerxencias realiza unha función pública por medio de empresas concesionarias privadas quedará fóra da lei que a Xunta prometeu reformar para protexer tan só ao seu persoal en caso de agresións. Polo tanto, esixirán que se inclúa a todo o persoal que depende de empresas privadas entre os que se atopa o persoal de ambulancias, de limpeza ou dos hospitais privados.