Catro leccións desde Ucraína
A falta de vontade dos medios occidentais de contextualizar a decisión rusa de invadir nunha análise máis ampla -e obvia- de como cambiaron as regras do xogo internacional en 2003 é bastante desconcertante. É difícil atopar ningunha análise que apunte a que os Estados Unidos e Gran Bretaña violaron a lei internacional sobre a soberanía dun estado cando os seus exércitos, cunha coalición de países occidentais, invadiron Afganistán e Iraq
O USA Today informou de que se fixo viral que unha foto dun edificio alto en Ucraína alcanzado polos bombardeos rusos resultou ser un edificio da Franxa de Gaza, demolido pola Forza Aérea de Israel en maio de 2021. Uns días antes diso, o ministro de Asuntos Exteriores ucraíno queixouse ao embaixador de Israel en Kiev de que “nos estás tratando como a Gaza”; estaba carraxento porque Israel non condenara a invasión rusa e só estaba interesado en evacuar os cidadáns israelís do país (Haaretz, 17 de febreiro de 2022). Estábase á referir á evacuación ucraína de cónxuxes ucraínos de homes palestinos da Franxa de Gaza en maio de 2021, así como dun recordatorio a Israel do apoio total do presidente ucraíno ao asalto de Israel na Franxa de Gaza aquel mes (vou volver a iso ao final do artigo).
Os asaltos de Israel a Gaza deberían, de feito, ser mencionados e considerados ao avaliar a crise actual en Ucraína. Non é unha coincidencia que as fotos estean a ser confundidas: non hai moitos edificios altos que foran derrubados en Ucraína, pero hai unha chea de edificios altos en ruínas na Franxa de Gaza. Porén, non é só a hipocrisía sobre Palestina a que xorde cando consideramos a crise de Ucraína nun contexto máis amplo; son os dobres estándares de Occidente o que deberían ser examinados sen, nin por un momento, sermos indiferentes ás novas e ás imaxes que nos chegan desde a zona de guerra de Ucraína: nenos traumatizados, fluxos de refuxiados, vistas de edificios arruinados polos bombardeos e o inminente perigo de que este sexa só o comezo dunha catástrofe humana no corazón de Europa.
Ao mesmo tempo, os que vivimos, informamos e asimilamos as catástrofes humanas en Palestina non podemos fuxir da hipocrisía de Occidente e podemos sinalala sen menosprezar, por un momento, a nosa solidariedade e empatía humana coas vítimas de calquera guerra. Necesitamos facelo, xa que a deshonestidade moral que sustenta a enganosa axenda establecida polas elites políticas e os medios occidentais permitirá unha vez máis agochar o seu propio racismo e impunidade, xa que seguirá proporcionando inmunidade a Israel e á súa opresión dos palestinos. Detectei catro supostos falsos que están na cerna do compromiso da elite occidental coa crise de Ucraína, até o de agora, e encadreinos como catro leccións.
Lección Unha: Os refuxiados brancos son benvidos; outros menos
A decisión colectiva sen precedentes da UE de abrir as súas fronteiras aos refuxiados ucraínos, seguida dunha política máis cautelosa por parte de Gran Bretaña, non pode pasar desapercibida en comparanza co peche da maioría das portas europeas aos refuxiados procedentes do mundo árabe e de África desde 2015. A clara priorización racista, distinguir entre quen procura unha nova vida en función da cor, relixión e etnia é aborrecíbel, pero é improbábel que cambie moi axiña. Algúns líderes europeos nin sequera teñen vergoña de transmitir o seu racismo publicamente como fai o primeiro ministro búlgaro, Kiril Petkov: "Estes [os refuxiados ucraínos] non son os refuxiados aos que estamos afeitos... estas persoas son europeas. Estas persoas son intelixentes, son persoas educadas… Esta non é a vaga de refuxiados á que estivemos afeitos, persoas das que non estabamos seguros da súa identidade, persoas con pasado pouco claro, que poderían ser incluso terroristas…”.
Non está só. Os medios occidentais falan todo o tempo do "noso tipo de refuxiados", e este racismo maniféstase claramente nos pasos fronteirizos entre Ucraína e os seus veciños europeos. Esta actitude racista, de fortes matices islamófobos, non vai cambiar, xa que os dirixentes europeos seguen a negar o tecido multiétnico e multicultural das sociedades de todo o continente. Unha realidade humana creada por anos de colonialismo e imperialismo europeo que os actuais gobernos europeos negan e ignoran e, ao mesmo tempo, estes gobernos levan a cabo políticas de inmigración que se basean no mesmo racismo que impregnaba o colonialismo e o imperialismo do pasado.
Lección dúas: Podes invadir Iraq pero non Ucraína
A falta de vontade dos medios occidentais de contextualizar a decisión rusa de invadir nunha análise máis ampla -e obvia- de como cambiaron as regras do xogo internacional en 2003 é bastante desconcertante. É difícil atopar ningunha análise que apunte a que os Estados Unidos e Gran Bretaña violaron a lei internacional sobre a soberanía dun estado cando os seus exércitos, cunha coalición de países occidentais, invadiron Afganistán e Iraq. Ocupar un país enteiro con fins políticos non foi inventado neste século por Vladimir Putin; foi introducido como unha ferramenta política xustificada por Occidente.
Lección tres: ás veces o neonazismo pódese tolerar
A análise tampouco salienta algúns dos puntos válidos de Putin sobre a Ucraína; que de ningún xeito xustifican a invasión, senón que precisan da nosa atención incluso durante a invasión. Até a crise actual, os medios progresistas occidentais, como The Nation, The Guardian, Washington Post, etc., advertíannos sobre o crecente poder dos grupos neonazis en Ucraína que podería impactar no futuro de Europa e máis aló. Os mesmos medios hoxe desbotan a importancia do neonazismo en Ucraína.
The Nation o 22 de febreiro de 2019 informou: “Hoxe, cada vez son máis os informes de violencia de extrema dereita, ultranacionalismo e erosión das liberdades básicas que desmenten a euforia inicial de Occidente. Hai pogromos neonazis contra os xitanos, ataques desenfreados contra feministas e grupos LGBT, prohibicións de libros e glorificación patrocinada polo estado dos colaboradores nazis".
Dous anos antes, o Washington Post (15 de xuño de 2017) advertía, moi atinadamente, que un enfrontamento ucraíno con Rusia non debería permitirnos esquecer o poder do neonazismo en Ucraína: "Mentres continúa a loita de Ucraína contra os separatistas apoiados por Rusia, Kiev enfróntase a outra ameaza para a súa soberanía a longo prazo: poderosos grupos ultranacionalistas da dereita. Estes grupos non teñen reparos á hora de usar a violencia para acadar os seus obxectivos, que certamente non cadran coa tolerante democracia de orientación occidental na que aparentemente Kiev se pretende converter”.
Porén, hoxe, o Washington Post adopta unha actitude desdeñosa e cualifica esa descrición de "falsa acusación": “En Ucraína operan varios grupos paramilitares nacionalistas, como o movemento Azov e o Sector Dereita, que apostan pola ideoloxía neonazi. Aínda que teñen certa relevancia, parecen ter pouco apoio público. Só un partido de extrema dereita, Svoboda, está representado no parlamento de Ucraína e só ten un escano.
Esquécense as advertencias previas dun medio como The Hill (9 de novembro de 2017), o maior sitio de noticias independente dos EUA: "De feito, hai formacións neonazis en Ucraína. Isto foi confirmado de forma diáfana por case todos os principais medios occidentais. O feito de que os analistas sexan capaces de desestimalo como propaganda difundida por Moscova é profundamente preocupante. É especialmente preocupante tendo en conta o aumento actual de neonazis e supremacistas brancos en todo o mundo".
Lección catro: Atacar edificios altos é só un crime de guerra en Europa
O establishment ucraíno non só ten unha conexión con estes grupos e exércitos neonazis, tamén é inquietante e vergoñentamente pro-israelí. Un dos primeiros actos do presidente Volodymyr Zelensky foi retirar a Ucraína do Comité das Nacións Unidas para o Exercicio dos Dereitos Inalienábeis do Pobo Palestino, o único tribunal internacional que propón que a Nakba non sexa negada nin esquecida.
A decisión foi tomada polo presidente ucraíno; non tiña simpatía pola difícil situación dos refuxiados palestinos, nin os consideraba vítimas de ningún crime. Nas súas entrevistas tras o último bárbaro bombardeo israelí da Franxa de Gaza en maio de 2021, afirmou que a única traxedia en Gaza foi a que sufriron os israelís. Se isto é así, só os rusos sofren en Ucraína.
Pero Zelensky non está só. Cando se trata de Palestina, a hipocrisía alcanza un novo nivel. O ataque contra un edificio alto e baleiro en Ucrania dominou as noticias e provocou unha profunda análise acerca da brutalidade humana, Putin e a falta de humanidade. Estes atentados deberían ser condenados, por suposto, pero parece que os que dirixían a condena entre os líderes mundiais calaron cando Israel destruíu a cidade de Jenin en 2000, o barrio de Al-Dahaya en Beirut en 2006 e a cidade de Gaza nunha onda brutal, un tras doutro, nos últimos quince anos. Non se discutiu ningunha sanción, nin sequera imposta, a Israel polos seus crimes de guerra en 1948 e desde aquela. De feito, na maioría dos países occidentais que lideran hoxe as sancións contra Rusia incluso mencionar a posibilidade de impoñer sancións contra Israel é ilegal e enmarcado como antisemita.
Mesmo cando a auténtica solidariedade humana en Occidente se expresa con xustiza con Ucraína, non podemos pasar por alto o seu contexto racista e o seu nesgo centrado en Europa. A masiva solidariedade de Occidente está reservada para quen estea disposto a unirse ao seu bloque e á súa esfera de influencia. Esta empatía oficial non se ve por ningures cando unha violencia semellante, e peor, se dirixe contra os non europeos, en xeral, e contra os palestinos, en particular.
Podemos navegar como persoas conscientes entre as nosas respostas ás calamidades e a nosa responsabilidade de sinalar a hipocrisía que en moitos sentidos abriu o camiño para tales catástrofes. Lexitimar a nivel internacional a invasión de países soberanos e autorizar a continua colonización e opresión doutros, como Palestina e o seu pobo, levará a máis traxedias, como a ucraína, no futuro e en todas as partes do noso planeta.
[Artigo tirado do sitio web The Palestine Chronicle, do 4 de marzo de 2022]