Case dous millóns de persoas morren cada ano por causas laborais

Eduardo Camín - 27 Set 2021

A seguridade social dos traballadores nun mundo en crise, a paulatina destrución dos sistemas de protección social auspiciada desde o Banco Mundial, a OMC, os gobernos neoliberais -incluídos os partidos socialdemócratas- puxo á maior parte da clase traballadora a un nivel de vulnerabilidade e explotación similar ao existente no último cuarto do século XIX

 As enfermidades e os traumatismos relacionados co traballo provocaron a morte de 1,9 millóns de persoas en 2016, segundo as estimacións conxuntas da Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización Internacional do Traballo (OIT): a maioría das mortes debéronse a enfermidades respiratorias e cardiovasculares.

 Mentres, o estudo sobre enfermidades e lesións no lugar de traballo pon de manifesto o nivel de mortes prematuras evitables debidas á exposición a riscos sanitarios relacionados co traballo.

 As enfermidades non transmisíbeis representaron o 81% das mortes. As principais causas foron a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (450.000 mortes); o accidente cerebrovascular (400 mil decesos) e a cardiopatía isquémica (350.000 mortes). Os traumatismos ocupacionais causaron o 19% das mortes (360.000).

 No estudo téñense en conta 19 factores de risco ocupacional, como longas xornadas laborais e a exposición no lugar de traballo á contaminación do aire, a asmáxenos, a substancias carcinóxenas, a riscos ergonómicos e ao ruído.

 O risco principal foi a exposición a longas xornadas laborais, que estivo vinculada a unhas 750.000 mortes, mentres que a exposición no lugar de traballo á contaminación do aire (partículas en suspensión, gases e fumes) provocou 450.000 mortes.

 "É chocante ver como tantas persoas morren literalmente por mor do seu traballo," dixo o Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da OMS. "O noso informe é unha chamada de atención aos países e as empresas para que melloren e protexan a saúde e a seguridade dos traballadores cumprindo os seus compromisos de proporcionar unha cobertura universal de servizos de saúde e seguridade no traballo", engadiu.

 No informe advírtese de que as enfermidades e os traumatismos relacionados co traballo sobrecargan os sistemas de saúde, reducen a produtividade e poden ter un impacto catastrófico nos ingresos dos fogares.

 A nivel mundial, as mortes relacionadas co traballo por poboación reducíronse nun 14% entre 2000 e 2016. Segundo o informe, isto pode deberse á introdución de melloras en materia de saúde e seguridade no lugar de traballo. Porén, as mortes por cardiopatías e accidentes cerebrovasculares asociados á exposición a longas xornadas laborais aumentaron un 41% e un 19% respectivamente, unha tendencia crecente respecto deste factor de risco ocupacional relativamente novo e psicosocial.

 Este primeiro informe de seguimento mundial conxunto da OMS e a OIT permitirá aos responsábeis da formulación de políticas faceren un seguimento das perdas de saúde relacionadas co traballo a nivel nacional, rexional e mundial; e centrar máis o alcance, a planificación, o cálculo de costos, a aplicación e a avaliación das intervencións adecuadas para mellorar a saúde da poboación traballadora e a equidade sanitaria.

 O informe mostra que se necesitan máis medidas para garantir lugares de traballo máis sans, máis seguros, máis resilientes e máis xustos desde o punto de vista social, e que a promoción da saúde no lugar de traballo e os servizos de saúde ocupacional desempeñan un papel fundamental.

 "Estas estimacións proporcionan información importante sobre a carga de morbilidade relacionada co traballo, e esta información pode axudar a configurar políticas e prácticas para crear lugares de traballo máis saudábeis e seguros", segundo Guy Ryder, director xeral da OIT.

 Ryder engadiu que "os gobernos, os empregadores e os traballadores poden tomar medidas para reducir a exposición aos factores de risco no lugar de traballo. Os factores de risco tamén poden reducirse ou eliminarse mediante cambios nos modelos e sistemas de traballo. Como último recurso, os equipos de protección persoal tamén poden axudar a protexer os traballadores cuxo traballo non lles permite evitar a exposición".

 Pola súa banda María Neira, directora do Departamento de Medio Ambiente, Cambio Climático e Saúde da OMS, salientou que "estes case dous millóns de mortes prematuras son evitábeis. É necesario tomar medidas baseadas nas investigacións dispoñibles para abordar a natureza evolutiva das ameazas para a saúde relacionadas co traballo".

 "Garantir a saúde e a seguridade dos traballadores é unha responsabilidade compartida do sector da saúde e do traballo, do mesmo xeito que non deixar a ningún traballador atrás neste sentido. No espírito dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas, os sectores da saúde e o traballo deben actuar xuntos, man a man, para garantir a eliminación desta gran carga de morbilidade, engadiu".

 O informe insiste que é probábel que a carga total de morbilidade relacionada co traballo sexa moito maior, xa que no futuro haberá que cuantificar as perdas de saúde derivadas de varios outros factores de risco ocupacional, á vez que os efectos da pandemia da COVID-19 engadirán outra dimensión a esta carga que deberá ser reflectida en futuras estimacións.

A globalización globalizou os riscos á saúde

 O tema que trata o Informe da OIT/ OMS en realidade non é novo, pero require sen dúbida dunha profunda reflexión sobre a situación de saúde dos traballadores, así como das características que adquire o seu coidado dentro do contexto dun mundo globalizado.

 Partindo das conclusións do propio informe e a súa reflexión sobre a sociedade do risco, queda claro que o mundo actual caracterízase pola proliferación de riscos sociais, políticos, ecolóxicos, económicos que tenden cada vez máis a escapar do control e protección das institucións creadas para iso. Estas mesmas institucións, en certa forma, constitúense nas produtoras e lexitimadoras dos perigos que non poden controlar.

 Por iso, para analizar este tema, débese iniciar cunha discusión dos principais conceptos de globalización e sociedade do risco, para pasar nun segundo momento e baixo a perspectiva conceptual definida, a un panorama estatístico da saúde dos traballadores a nivel mundial, enfatizando a inequidade existente entre o mundo considerado desenvolvido e o dos países pobres ou en vías de desenvolvemento.

 Ademais, faise imprescindíbel debater acerca dos sistemas de saúde e a súa incapacidade de dar resposta eficiente aos problemas de saúde dos traballadores, para finalmente, reflexionar en torno á necesidade de reformular as estratexias de abordaxe e de acción para contribuír a mellorar o estado de saúde dos traballadores e as súas familias, poñendo no centro o rescate do humano.

 E quedan varias interrogantes: cal é o papel do Estado nunha situación como esta? Cal a posición da medicina social? Cales as posíbeis solucións á crise civilizatoria actual? Os riscos á saúde da especie humana hai xa moito tempo que non atopan unha resposta ético-política, senón técnico-económica.

 É dicir, no canto de que os gobernos do mundo e a OMS se aboquen a crear sistemas únicos de saúde que garantan o acceso universal da poboación mundial a esta, ou de destruír e privatizar os restos dos sistemas públicos de saúde favorecendo deste xeito o dominio esmagador das grandes empresas farmacéuticas e aseguradoras privadas que fixeron da vida e a morte, da saúde e a enfermidade, un negocio máis que rendíbel.

Globalización dos riscos e crises capitalista

 Se partimos da distinción que fan algúns expertos entre globalización e globalismo, entendida a primeira como un proceso de imbricación mundial, multidimensional, policéntrico e continxente, e o segundo como unha redución economicista da primeira, temos que, durante as últimas décadas, en torno a este proceso multidimensional, se elaborou un discurso lexitimador das imposicións políticas, económicas e militares.

 Polo tanto, o sistema-mundo capitalista non tende pois, a unha integración harmónica e equilibrada entre “os países desenvolvidos e os países en vías de desenvolvemento, nin sequera á existencia dun só centro mundial e diversas periferias e semi-periferias, senón a unha reprodución da “orde mundial” policéntrica e multidimensional, pero “altamente caótica”. A reconfiguración do mundo levada a cabo polo capitalismo nos últimos 30 anos redefiniu así mesmo os riscos en saúde.

 A chamada revolución informática e as sucesivas crises e os seus efectos mundiais, estenderon o desemprego e a fragmentación da forza de traballo en novas categorías: traballadores informais, precarios, autoempregados, migrantes, forzados, etc. Estas novas categorías de traballadores están case completamente desamparados fronte ás prácticas laborais de explotación das grandes corporacións capitalistas.

 Isto quere dicir que, aínda que, coa mundialización dos procesos produtivos e cambiarios capitalistas se xeneralizan os riscos sociais, económicos, políticos, etc., incluídos os de saúde, o poder do Estado non desaparece, senón se refuncionaliza: de ser garante das condicións políticas, sociais e materiais da reprodución do capital a nivel nacional, convértese nos feitos en axente que intermedia polas grandes corporacións trasnacionais.

 Queda encargado da “seguridade nacional”, e, polo tanto, desposuído de toda visión e intención integradora e/ou conciliadora, quedándose no puro esqueleto: as funcións represivas e de control social.

 No capitalismo non pode haber relación laboral xusta, pois esta descansa sobre a explotación do traballo vivo por parte do capital e sobre a existencia dunha poboación excedente que serve, como din os clásicos marxistas, de “exército industrial de reserva” para satisfacer as necesidades da acumulación capitalista.

 O emprego xusto e o crecemento económico para todos son outras tantas falacias da economía burguesa utilizadas para asegurar a continuidade da ditadura do capital. Desde esta perspectiva é desde onde podemos entender as reformas aos sistemas de saúde, de seguridade social e laborais realizadas e as aínda por realizar nun sen número de países.

 É dicir, para o capital internacional, é cuestión de vida ou morte apropiarse non só do tempo de traballo excedente extraído mediante a explotación da forza de traballo, senón do tempo de traballo necesario para a propia reprodución do obreiro, aínda que iso supoña o acurtamento do tempo de vida útil do mesmo e como rexistra o informe conxunto da OMS/OIT: cada ano sáldase con millóns de traballadores que perden a vida.

 A seguridade social dos traballadores nun mundo en crise, a paulatina destrución dos sistemas de protección social auspiciada desde o Banco Mundial, a OMC, os gobernos neoliberais -incluídos os partidos socialdemócratas- puxo á maior parte da clase traballadora a un nivel de vulnerabilidade e explotación similar ao existente no último cuarto do século XIX. Sería posíbel seguir amosando probas da magnitude do problema de saúde dos traballadores e as súas familias. Así e todo, os datos arriba presentados reflicten a súa complexidade, dunha dimensión escabrosa, supeditada ás teoloxías neoliberais.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 23 de setembro de 2021]