Contratas de R: case 2 meses despois, a Xunta segue sen convocar unha reunión con todas as partes implicadas
O persoal das contratas de R Cable continúa esta semana coas mobilizacións en rexeitamento ao proceso de traslado de servizos e emprego fóra de Galiza iniciado por Euskaltel (a operadora de telecomunicacións propietaria de R), que pon en risco a continuidade duns 1.200 postos de traballo só na provincia da Coruña.
Hoxe, o persoal concentrouse ao mediodía diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos (A Coruña) para esixir a intervención activa do Goberno galego neste conflito, demandarlle que presione a empresa tanto na súa condición de Administración pública como de cliente preferente, e que cumpra o seu compromiso de convocar unha xuntanza con todas as partes implicadas (R Cable, auxiliares e representación sindical) para abordar o futuro dos empregos e da actividade.
Un compromiso que, cómpre lembrar, foi adquirido pola secretaria xeral de Emprego na reunión que mantivo a principios de agosto coas organizacións sindicais pero que, a día de hoxe, case dous meses despois, segue sen concretarse. De feito, nin sequera se sabe se a Xunta ten realizado algunha xestión diante da dirección de R, malia que os plans de retirada de contratos ás actuais auxiliares e o traslado do emprego fóra de Galiza seguen adiante, aínda que devagar a causa do forte rexeitamento social que xera a decisión empresarial.
Apoios institucionais
De feito, o persoal continúa recollendo apoios institucionais e xa foi debatida e aprobada por unanimidade unha moción no pleno da Deputación da Coruña e no pleno municipal do Concello da Coruña, en defensa de que os servizos continúen a seren prestados dende Galiza, asegurar que a atención á clientela se ofreza en galego e na que se interpela á dirección de Euskaltel a manter unha reunión coa representación social para buscar solucións. Está pendente tamén de tratarse unha iniciativa similar no Parlamento galego e noutros concellos da comarca.
Esta é a última concentración do calendario aprobado para este mes de setembro, pero os traballadores e as traballadoras xa estudan novas mobilizacións a desenvolver nas próximas semanas ante a falta de resposta por parte de R e a escasa información que trasladan dende as empresas auxiliares.