Carril reivindica a folga e a mobilización como “único camiño” para lograr melloras laborais na negociación colectiva
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reivindicou hoxe a folga e a mobilización como “único camiño” para lograr melloras laborais nos actuais procesos de negociación colectiva abertos, especialmente na provincia de Pontevedra. O máximo responsábel da central sindical instou a patronal do metal pontevedrés a amosar unha verdadeira vontade negociadora “e a deixar de exercer como capataces dunha antiga plantación de algodón”.
Carril compareceu en rolda de prensa en Vigo xunto ao secretario confederal de negociación Colectiva da CIG, Paco Sío, para facer un repaso sobre o estado da negociación colectiva no conxunto do país, con atención especial á renovación dos convenios do metal e do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, nestes momentos os dous principais focos de conflitividade.
O secretario xeral da CIG lembrou que Galiza foi en 2022 o territorio do Estado que maio incremento salarial rexistrou, cun 4,83%, segundo os datos do Consello Galego de Relacións Laborais. De igual xeito, no primeiro cuadrimestre deste ano o noso país mantivo esta posición, cun 4,23% de aumento dos soldos. “A situación de carestía da vida, de inflación galopante, de avance da pobreza e da precariedade laboral ten como resposta necesaria, obrigada e inevitábel a folga e a mobilización”. Así, logrouse este incremento salarial non porque a patronal estivese disposta, senón pola capacidade de loita.
E anunciou que ante unha “radical posición empresarial que vimos padecendo dende hai máis de dous anos imos poñer todos os medios necesarios para lograr o mantemento do poder adquisitivo dos soldos e unha mellora das condicións de vida da clase traballadora mediante a folga e a mobilización”. En consecuencia, detallou que a central sindical reclama incrementos salariais ao IPC real, sen tope na súa revisión e con efectos retroactivos na súa aplicación. “Por iso rexeitamos o V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva asinado a nivel estatal, cuxas condicións foron melloradas en convenio provinciais recentes como o de comercio ou o do metal de Lugo”.
Agora en Pontevedra, ao igual que aconteceu anteriormente na Coruña, Lugo e Ourense, a provincia está a ter un nivel de conflito importante na negociación colectiva en sectores como o metal ou o comercio de alimentación, nos que a CIG seguirá a apostar pola folga, a mobilización e a negociación para garantir uns convenios dignos.
Ante a radical posición empresarial que vimos padecendo dende hai máis de dous anos imos poñer todos os medios necesarios para lograr o mantemento do poder adquisitivo dos soldos e unha mellora das condicións de vida da clase traballadora
“Non imos permitir os intentos de criminalizar a folga como mecanismo de defensa dos intereses da clase traballadora e denunciamos os constantes ataques da patronal ás masivas demostracións de loita que ao longo destas semanas se produciron na provincia de Pontevedra”. E censurou que a patronal instigue a “desproporcionadas e ilegais” actuacións policiais que vulneran o dereito de folga e manifestación coa idea de dar unha imaxe de desordes públicas e de ocultar a súa nula vontade negociadora. “O que teñen que facer é dar salario en lugar de repartir estaca”, resumiu.
Ao mesmo tempo, denunciou que coa súa actitude e coas constantes declaracións que está a facer a través dos medios de comunicación demostra que “estamos máis ante unha patronal que exerce como capataz dunha antiga plantación de algodón que cun empresariado que teña vontade e capacidade de negociar e de chegar a acordos”. Nesta liña, incidiu que a maior porcentaxe de incremento salarial rexistrado en Galiza é resultado da capacidade de loita e de mobilización da clase traballadora do noso país, pero tamén da súa capacidade de dialogar, negociar e de chegar a acordos.
Sostivo tamén que as manifestacións da patronal evidencian o seu nulo respecto polos dereitos democráticos de folga e de mobilización e pola súa negativa a mellorar as condicións de traballo. “O que queren son traballadores/as calados/as, submisos/as e que sexan obedientes, nun contexto de carestía da vida para a maioría social e de medre exponencial dos beneficios empresariais”. Por iso instou os portavoces do empresariado a “a visitar menos platós de televisións e a consumir máis horas de negociación”.
En concreto, lembroulle ao presidente de ASIME que hai un ano lle estaba a dar leccións á patronal do metal da Coruña de como negociar durante para evitar un conflito laboral polo convenio que incluíu a convocatoria de sete días de folga. “Menos mal que non lle fixeron caso, e afortunadamente chegouse a un bo acordo, até o punto de que ese convenio hoxe é superior ao de provincias como Bizkaia ou Araba”. Como tampouco lle fixo caso o empresariado do metal ourensán, facendo posíbel desconvocar a folga indefinida, ou a patronal de Lugo. “O problema aquí é a patronal de Pontevedra, que está a secuestrar e a dinamitar a negociación colectiva, e non só no sector do metal”.
Finalmente, chamou os responsábeis políticos que ostentan cargos públicos a poñer do lado da maioría social á que representan e que é a que máis está a padecer os efectos da carestía da vida “e non optar pola ameazada ou a criminalización”. Finalmente, apelou á necesidade de “atopar mecanismos que permitan baixar do monte a patronal de Pontevedra e sentala a negociar”.
Reivindicacións asumíbeis
Pola súa banda, o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío, fixo un breve repaso polos principais frontes abertos na negociación colectiva a nivel provincial e lembrou que as reivindicacións que a central sindical achega nas súas plataformas e leva ás mesas de negociación teñen que ver con cuestións que os traballadores/as demandan no seu día a día.
“Como a existencia de xornadas diarias superiores ás 8 horas -incluso de 10 horas por decreto en moitas empresas-, horas extras que non se abonan ou cando se fai é por debaixo do prezo que establecen os convenios; de empresas que non permiten que o persoal acceda coa categoría laboral que lle corresponde; da extensión dos contratos fixos descontinuos, que está a provocar unha rebaixa xeneralizada dos salarios; das longas cadeas de subcontratación, que permiten que haxa contratas que aplican convenios estatais e paguen o salario mínimo ao non figurar no convenio a subrogación entre empresas privadas; falta de medidas de seguridade laboral; ou dificultades para conciliar a vida familiar e laboral”.
No que ten que ver co sector industrial en concreto, lembrou que este ano se asinaron 40 convenios colectivos, cunha suba salarial media do 5%, “o que significa que o empresariado do metal con convenio propio aceptou un incremento de soldos superior ao que propón a patronal do metal provincial”. Ao tempo que salientou que o 97% destes convenios asinados incorporaron cláusula de revisión salarial a IPC. “Isto demostra que o que se está a reclamar non é nada raro e é perfectamente asumíbel”.