Carril reclama unha “Europa social, dos pobos, da clase traballadora, de benestar e de dignidade”
Centos de delegados/as da CIG mobilizáronse esta mañá polas rúas da zona vella compostelá para rematar cunha concentración diante do Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde terá lugar o evento ministerial no que se abordará “O futuro do traballo e do diálogo social” na UE. Unha mobilización para reclamar unha “Europa dos Pobos e con Xustiza Social”.
Diante do Hostal, delegados e delegadas mantiveron un minuto de silencio por unha nova morte por accidente laboral dun traballador no naval de Vigo. Un minuto de silencio que pediu o propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril, mais que considerou insuficiente para loitar contra a precariedade. “Non podemos permitir que sexan un suma e segue as mortes que se están a producir, neste caso, no naval, pero en calquera empresa de Galiza, onde seguimos encabezando a sinistralidade laboral no Estado español”, afirmou.
Nese sentido apuntou que, precisamente por iso se mobilizaba hoxe a central sindical diante do evento previsto para esta xornada, mais tamén tras da reunión do ECOFIN e de ministros da UE celebrada a semana pasada tamén en Compostela. Unha xuntanza que considerou que “vén confirmar que esa Europa social non existe”.
Fronte a iso caracterizou á UE como “unha unión dos mercaderes”, unha organización construída sobre a base dos Estados, que “nega os pobos e nacións que compoñen moitos dos Estados da UE”. Unha realidade que “é indisoluble tamén da Europa do capital, do libre mercado, da libre competencia, que subordina, que despraza, que anula calquera dereito social básico para poder vivir dignamente do noso traballo”.
Contra as políticas de austeridade
A ese respecto lembrou a crise do 2008 e as medidas que a seguiron e considerou que o obxectivo dos Ministros de Economía e Finanzas da UE reunidos no ECOFIN era “marcar máis liñas de austeridade que se van converter pronto, se non o impedimos, en máis reformas laborais, que van seguir masacrando os nosos dereitos laborais e sociais”.
Por iso, explicou que con esta mobilización a CIG ten como obxectivo seguir reclamando unha Europa social fronte a suba dos tipos de interese e da carestía da vida, mentres “o capital celebra un festín nunca vivido”, empeoran as condicións de traballo e o futuro ameaza con dar continuidade a unha “política laboral e social de recortes” que, advertiu, “se vai ver nos plans de axustes dos orzamentos dos diferentes Estados”.
Carril denunciou que a reforma laboral que vivimos en 2012 aínda non foi derrogada e que a última reforma laboral “vai no camiño de facer realidade os ditados que marca o BCE”. Diante disto concluíu que “semella case imposible pensar que poida haber unha Europa social, unha Europa dos pobos, unha Europa da clase traballadora, de benestar e de dignidade das nosas condicións de vida”.
Para acadala reclamou que a UE deixe de ser unha unión monetaria desde onde se impón unha axenda neoliberal da que son consecuencia as sucesivas reformas laborais e da Seguridade Social; que asuma os dereitos recoñecidos na OIT e que asine a Carta Social Europa, que contempla dereitos laborais que non son recoñecidos pola UE. “Dereitos laborais, sociais, de protección da nosa saúde ou de seguridade social, fundamentais para, aínda dentro deste sistema, ter unha posibilidade de vivir cun mínimo de dignidade”.
Xunto a isto reclamou que a UE, “que se erixe en defensora dos dereitos humanos” faga súa a Convención de Dereitos Humanos do Consello de Europa e recoñeza na súa normativa o dereito a folga. A este respecto denunciou que o feito de non ter contemplado o dereito a folga “implica, por extensión, que a liberdade sindical, o dereito a negociación colectiva, o dereito ao conflito que temos, nun momento ademais tan crítico como o actual, para conquistar os nosos dereitos, tampouco está recoñecido”.
Ao remate da súa intervención, o secretario xeral da CIG informou, ademais, ás delegadas e delegados asistentes, de que finalmente a central sindical si fora convidada ao evento ministerial. Adiantou que serían as cuestións denunciadas e demandas con esta manifestación as que se transmitirían e que, por fin, se recoñecía o dereito que a CIG ten, por lei, para levar as súas reclamacións non só á rúa senón tamén nas institucións. Un convite que dúas horas máis tarde se convertía en veto.