Carril presenta no Parlamento as propostas para unha saída galega e xusta da crise

Compareceu na Comisión especial sobre a reactivación económica pola crise covid-19
Nacional - 20 Nov 2020

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, compareceu esta mañá na comisión especial de reactivación económica, creada no Parlamento de Galiza con motivo da crise provocada pola covid-19. Unha crise sanitaria que, tal e como lembrou, chegou cando aínda non estaba superada a anterior e que se converteu nunha profunda crise económica e social cuxo impacto “discrimina entre persoas ricas e pobres” e “non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións”, denunciou.

Para Carril a pandemia e a súa xestión evidenciaron “o fracaso e as inxustizas do sistema económico capitalista neoliberal” e a súa incapacidade de dar solución a cuestións vitais, como as sanitarias. Denunciou que se priorizara a economía fronte á preservación da saúde e do benestar do conxunto da poboación, “mesmo mercantilizando a vida humana” e deixando na “máis absoluta desprotección” a  cada vez máis sectores das clases populares.  

Considerou que tamén quedou evidenciado que “a globalización e a deslocalización dos centros produtivos de bens e servizos, e a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais dificultou o acceso a eses produtos”.

Ao longo da súa comparecencia foi analizando primeiro e debullando despois, as propostas que a CIG ten elaborado. Nese sentido, afirmou que  “esta crise supera e multiplica o que xa era unha recesión económica, agora profunda crise” e advertiu que “non podemos permitir que se pretenda saír cun novo saqueo á clase traballadora”.

Dixitalización e descarbonización

Manifestou a súa preocupación polos procesos de dixitalización e descarbonización da economía que “aumentan as ameazas para o conxunto das maiorías sociais”. Procesos que “non están pensados, nin na súa formulación nin na súa forma de execución para asumir que vivimos nun mundo con recursos naturais limitados e finitos, nin para xerar emprego, nin para camiñar na xustiza social, nin para procurar o benestar”.

Cualificou a “chamada descarbonización” de “proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición” que, ademais do peche das térmicas afecta a outros moitos sectores industriais: electrointensivo, automoción, hidrocarburos, biocombustíbeis e mesmo sector primario.

Proceso de desindustrialización

Alertou de que comarcas enteiras de Galiza están neste momento “camiño da desertización social e industrial, sen planos alternativos de ningún tipo de reindustrialización”. Denunciou que a reconversión do sector enerxético está valendo para que as empresas eléctricas substitúan unhas fontes de enerxía por outras, mais “sen asumir responsabilidade social algunha, nin ceder na súa posición de oligopolio, marcando altos prezos da electricidade, impactando de forma irreversible no noso medio ambiente e creando pobreza enerxética, desindustrialización a favor doutros territorios do Estado”.

Chamou a atención sobre quen afirmaban que o peche das térmicas ía significar que Galiza deixaría de ser excedentaria na produción de enerxía. Nese sentido subliñou que segundo datos da rede eléctrica española, no primeiro semestre do ano 2020, en Galiza produciuse un 5% máis de enerxía que o ano pasado, cando xa as centrais térmicas de Meirama e As Pontes estaban pechadas. “Un período no que o noso país exportou un 44% da nosa enerxía”, afirmou.

Advertiu ademais do risco de que os eólicos inunden o noso rural –a previsión é que ocupen o 48% do territorio galego, segundo dixo- ao igual que o fixeron as centrais hidráulicas no seu día, “sen que iso repercuta, nin na xeración de emprego, nin en que haxa criterios sociais, nin ambientais, nin en que se reduza o prezo da enerxía”.

Dixitalización

Respecto dos procesos de dixitalización, denunciou que se están traducindo en substitución de man de obra, como está ocorrendo no emporio Zara, no comercio-alimentación ou nos anuncios de despedimentos sen fin e de EREs que se están a producir neste proceso de concentración bancaria. Un proceso do que ademais de provocar a destrución de emprego, “impide o acceso ao crédito e dificulta o acceso de moita poboación polo peche de sucursais nos núcleos onde hai moita poboación maior con problemas para acceder a unha oficina virtual.

Ante estas cuestións e as que se albiscan, advertiu que imos nun camiño de empeoramento e “nunhas liñas de reconstrución” que manteñen as duras políticas aplicadas tras da crise financeira” e que deron en toda unha sorte de reformas que “xeraron desigualdade económica, precariedade laboral e empobrecemento social” e que se manifestaron “a través das reformas laborais, da reforma da negociación colectiva, da reforma das pensións, da privatización e recortes en servizos públicos, en sanidade, en ensino e en servizos sociais”.

Crise sobre crise

Sinalou que, neste contexto en Galiza xa tiñamos unha crise previa. “Unha crise social, industrial, demográfica agravada ante a incesante emigración”. Unha situación que cualificou “de emerxencia nacional e social” que “pode provocar unha devastación no conxunto dos sectores económicos e sociais de Galiza e o sufrimento de danos irreparables se non hai unha actuación pública eficaz e radicalmente distinta.

Responsabilizou desta situación ao goberno do PP á fronte da Xunta de Galiza polas súas “políticas suicidas” de desenvolvemento económico consistentes, case en exclusiva, na eucaliptización do país, no fomento insostíbel do sector servizos, nomeadamente do turismo e do Camiño de Santiago “mentres se desmantelan actividades estratéxicas e perdemos sectores produtivos completos”. OU por aquelas outras fracasadas como a chamada Lei de Fomento Empresarial, máis coñecida como Lei de Depredación.

Propostas para unha saída galega e xusta da crise

Ao comezo da súa intervención Paulo Carril fixo entrega ás deputadas e deputados presentes das Propostas para unha saída galega e xusta da crise que ten elaborado a CIG. Ao documento foi facendo referencia para explicar que “sobre todo pretenden asentarse en que a recuperación conómica non será tal se entendemos que esa recuperación é só en termos macroeconómicos”.

En segundo lugar sinalou que “queren desmontar o falso mito de que temos incapacidade como pobo galego para enfrontar esta situación se non é con políticas de máis dependencia ao que nos diten desde Madrid e á súa vez desde a UE”.

Políticas públicas

Lonxe disto defendeu a necesidade de “recuperar o autogoberno” e levar adiante un sistemático e completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos no poder público. “É o que permitirá precisamente un desenvolvemento económico social para a creación  de emprego, pero sobre a base de que o Parlamento galego poida avanzar na toma de decisións con plenas competencias en todas as materias que afectan precisamente ao desenvolvemento do noso país en todos os ámbitos: laboral, fiscal, financeiro, industrial, agrogandeiro, pesqueiro”, subliñou.

Políticas que favorezan o aproveitamento dos nosos recursos de forma sostíbel e equilibrada co territorio e onde a rendibilidade social e non privada sexa o que motiva esas políticas públicas, consolidando o respecto aos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.

As innumerábeis propostas concretas poden ser consultadas aquí.

O 'diálogo social' é un ámbito que non está lexitimados legalmente

Na súa quenda as deputadas e deputados foron agradecendo as propostas presentadas pola CIG e manifestando a súa maior, no caso do BNG, matizada, no caso do PSOE ou menor, no caso do PP, coincidencia con elas.

Porén, o deputado do PP José Manuel Balseiro, quixo primeiro cuestionar a análise de Carril recorrendo aos resultados electorais do seu partido e despois cuestionar o papel da CIG en Alcoa, evidenciando o seu claro descoñecemento dos resultados electorais na factoría. E non só iso, tivo a ben gabarse de ter o PP articulado o mecanismo dos ERTE na reforma laboral de 2012. O deputado concluíu propoñendo á central sindical a entrar no diálogo social para chegar a acordos.

A réplica de Carril foi demoledora en todos os casos. Aos resultados electorais do PP respondeu cos resultados electorais da CIG, como primeira forza sindical en Galiza. Respecto de Alcoa lembroulle que a CIG aumentara en representación e en delegadas e delegados. Canto aos ERTES tivo que explicarlle que “non nacen na reforma laboral do 2012, xa existían anteriormente”.

Pero é que ademais cuestionou como se utilizaron porque, dixo “nós defendemos prohibir a simultaneidade da aplicación dun ERTE con outras medidas agresivas como modificación substancial das condicións de traballo ou con descolgues de convenio”. Xunto a isto sinalou que tería que haber unha garantía do cobro que complementen as empresas do 70% que se cobra no desemprego. Por iso demandou a derrogación da reforma do INEM que lembrou que fixo o PP na época de Raxoi. Unha reforma que reduciu a partir dos 6 meses a prestación por desemprego do 70 ao 50% e que conleva que o importe líquido a percibir por un traballador ou unha traballadora nesa situación ten tamén un descenso derivado de que a cotización á seguridade social depende do traballador”.

Estatuto Electrointensivo

No tema de Alcoa e do Estatuto Electrointensivo ao que tamén se referiu o deputado popular, Carril lembroulle que a CIG foi a primeira entidade que fixo unha proposta, que o goberno galego se negou a falar coa central sindical mais que, curiosamente, si o fixera Arias Cañete, comisario europeo. Carril lembrou que mesmo o nome proposto pola CIG é curioso que sexa practicamente o que logo utilizou o PP. “Lamentamos que na industria electrointensiva o que fagan sexa plaxiar parte das proposta que nós fixemos e por outro lado fagan outras que favorecen o que está pasando hoxe en Alcoa que é o cheque en branco ás empresas para que se poidan beneficiar sen contraprestacións”, concluíu.

Diálogo social

Respecto do chamamento que fixo á CIG para participar no diálogo social lembroulle que a central sindical leva tempo remitindo escritos –e mesmo deu leitura ao último- a favor da interlocución.

Porén considerou o diálogo social proposto polo PP como “unha prostitución” do concepto da representación tripartita que deriva da lei orgánica de liberdade sindical. “É como se vostede inventara un concepto para utilizar o pacto político para estrangular unha institución como o Parlamento e, polo tanto, funcionar a golpe de ámbitos que non están lexitimados legalmente”.

Asegurou que ese pretendido diálogo social “non ten sostén xurídico e é unha maneira de estrangular o lexítimo e legal ámbito de representación institucional tripartito, que existe e que non se utiliza como resorte legal para substanciar moitas cuestións que teñen a ver co que vostede invoca ou fai chamamento”.

Lembrou que o Consello Económico e Social e o Consello Galego de Relacións Laborais teñen unha función atribuída por Lei e denunciou que o goberno sustentado polo PP o que fai “é negarlle a súa razón de ser e non atribuírlle ningún papel”.

Cuestionou a súa oferta de alcanzar consensos “cando o que fan é impoñer decisións e buscan que as lexitimen, que lle blanqueen decisións”.

Carril concluíu afirmando que “os consensos constrúense sobre a base das renuncias que cada quen fai do que pensa e do que está disposto a aportar por resolver un problema, sen sectarismos e sen prexuízos de ningún tipo”; lembrando as numerosas ofertas á interlocución feitas pola CIG, por escrito para chamar a un posible entendemento “se hai vontade de levantar o sectarismo.”