Carril: "Esta poxa é un novo capítulo da incapacidade do Goberno español e da irresponsabilidade do Goberno galego"
Coincidindo co arranque da poxa de interrompibilidade, a CIG continuou este martes o calendario de mobilizacións para esixir a aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o estatus específico das industrias electrointensivas. Un novo marco regulador da enerxía que permita superar o perverso sistema de adxudicación da interrompibilidade e reverter a crise na que se están sumidas este tipo de industrias e "que xa ten deixado un regueiro de peches, recortes da actividade produtiva, despedimentos, ERTEs, descolgues salariais, inaplicacións de convenio e mesmo a paralización das inversións comprometidas".
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a poxa que hoxe comeza supón "un novo capítulo da incapacidade do Goberno español" que segue sen aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, cando xa transcorreu un ano da publicación do Real Decreto 20/2018 que estabelecía un prazo de seis meses para a súa elaboración. "Non vale que agora o PSOE se escuse no feito de ser un goberno en funcións para non sacar adiante a necesaria tarifa industrial", aseveraba Carril.
Insistiu en que, de igual xeito que se aprobaron pola vía de urxencia, mediante reais decretos, medidas lesivas para a clase traballadora que supuxeron duros recortes laborais e salariais, "non nos cremos que non existan mecanismos legais para sacar adiante un novo marco regulador da enerxía".
A este respecto, Carril advertiu das negativas consecuencias que pode carrexar esta poxa ao estar recortada á metade nos importes e na potencia a adxudicar. Neste contexto, apuntou tamén á responsabilidade do PP na situación actual e criticou o discurso fácil, sen ofrecer alternativas, que adopta Feijoo en Galiza "á hora de afrontar un proceso que se pode volver tráxico, atendendo a que o resultado da poxa pode servir de escusa ás empresas para precipitar medidas de axuste de persoal e recortes de produción".
Incerteza nas fábricas galegas
A falta dunha regulación máis estábel e competitiva é utilizada por Alu Iberia para manter paralizadas as inversións comprometidas na planta da Coruña; deixa na incerteza absoluta o futuro do complexo de Alcoa San Cibrao; e está sendo usada por Ferroatlántica para, entre outras cuestións, non retirar os ERTEs das fábricas.
Sobre a situación das plantas de aluminio, o secretario xeral da CIG advertiu que a constitución da mesa de traballo para Alcoa San Cibrao -que por fin ten data de reunión para mediados de xaneiro-, está chamada ao fracaso "se non se desenvolve o estatuto electrointensivo. Desa mesa non sairá ningunha solución viábel nin garantías de futuro se non hai unha tarifa estábel e competitiva".
No mesmo senso, denunciou que a día de hoxe nada se sabe das actuacións do Goberno para esixir a Parter Capital que poña en marcha o plan de inversións na fábrica da Coruña, que segue sen data para o arranque da electrólise, a expensas da nova regulación da enerxía.
Obrigas de inversións e mantemento dos empregos
Porén, Paulo Carril matizou que, en tanto non haxa estatuto, as empresas non poden pretender afrontar esta situación con medidas lesivas, empeorando as condicións laborais ou ameazando á continuidade dos empregos. De feito, na proposta de tarifa industrial que a CIG ten elaborada dende hai máis de una ano, establécese que para acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.