Carril chama a fortalecer a CIG para consolidar o sindicato como “Forza para Avanzar”
»Accede aquí aos vídeos do VIII Congreso
Paulo Carril, na súa condición de reelixido secretario xeral, pechou o Congreso cunha intervención na que salientou os tres principais obxectivos da CIG de cara aos próximos catro anos: consolidar o sindicato como primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización; reforzar a organización e ser referentes do feminismo de clase para transformar a realidade; e afondar na loita pola soberanía nacional de Galiza, afianzando o compromiso da central sindical co movemento nacionalista galego do que fai parte.
Respecto do primeiro obxectivo advertiu que a maioría non se gaña dunha vez para sempre, que “é fráxil en relación ao poder do capital”, polo que chamou a consolidar no plano organizativo e ideolóxico os avances. Todo isto “no labor de convencer a máis sectores da clase traballadora da nosa alternativa, de facer valer con todas as nosas forzas e iniciativas o noso modelo sindical”.
Considerou que o poder económico e o poder político van recruar a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando e que a clave para combater isto está en “ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte a explotación de clase, de sermos combativas e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.
Por iso apelou a aumentar a capacidade de iniciativa para convencer da nosa alternativa a máis sectores da clase traballadora, facendo medrar a toma de conciencia nacional e de clase, co obxectivo de conquistar a hexemonía social e a unidade dos traballadores e traballadoras de Galiza nunha central única galega.
Referente do feminismo de clase
Apuntou como segundo obxectivo reforzar a organización sindical e ser referentes do feminismo de clase, para transformar a realidade. Transformación para a que considerou imprescindíbel “combinar correcta e oportunamente a formulación de propostas coa mobilización” e advertiu de que o maior perigo do sindicalismo é “non saber estar á altura e substituír o conflito pola conciliación, polo pacto e o diálogo social, mentres o capitalismo avanza impoñendo o seu modelo”.
Como terceiro obxectivo sinalou o papel da CIG para reforzar a loita pola soberanía nacional de Galiza e o seu compromiso co movemento nacionalista galego fronte a ofensiva españolizadora e recentralizadora. “A CIG somos, no ámbito sindical, a expresión do proceso de autoorganización do pobo galego, como instrumento fundamental para ir facendo realidade o exercicio da nosa capacidade de decidirmos por nós, sen dependencias, en pleno exercicio da soberanía ao que temos dereito como nación”.
Considerou que coa dependencia, Galiza, a clase traballadora e o pobo galego “retrocederemos na posibilidade de incidir e decidir sobre a política económica, social, industrial e laboral, para poñela ao servizo dos nosos intereses como pobo traballador galego, sentando as bases da construción do socialismo, obxectivos estratéxicos da CIG”.
Por iso afirmou que “reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte eficazmente á crise e para demostrar a nosa capacidade de responsabilizármonos colectivamente do noso futuro, poñendo fin ás mentiras coas que nos mallan sobre a nosa incapacidade como pobo galego para sobrevivir se non é con máis dependencia e submisión ao que desde Madrid acorden”.
Tomar a iniciativa
Dirixíndose ás delegadas e delegados presentes subliñou a responsabilidade que ten a central sindical de “tomar novas iniciativas mobilizadoras” e de asumir que “temos que dar un salto cualitativo nas respostas a dar”.
Nese sentido referiuse á Proposta de Resolución aprobada no Congreso de levar adiante as accións necesarias para iniciar unha intensa campaña que puidera rematar na convocatoria dunha folga xeral “de non darse avances” en reivindicacións como a dun verdadeiro plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra e a inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego.
Para isto fixo un chamamento a todos os sindicatos para que, “se realmente se consideran dignos de seren chamados así, poñan na axenda tamén esta folga porque a loita é o único camiño”. Un chamado que “queremos que chegue a todos os centros de traballo, convencidos e convencidas de que os dereitos conquístanse con loita e coa mobilización”, dixo.
Unidade e solidariedade de clase
Na súa intervención lembrou as orixes do sindicato, desde 1972, momento desde o que foi medrando até ser hoxe a primeira central sindical en Galiza, “de forte unidade e solidariedade de clase”, na que, asegurou, “todas as persoas son necesarias, pero o único imprescindíbel é o proxecto que representamos, o sindicato que somos”.
Recoñeceu ademais o labor das miles de traballadoras e traballadores que, co seu compromiso e militancia fixeron isto posíbel, “sempre desde o firme convencemento na autoorganización do pobo galego, na creación de instrumentos propios para defender os nosos intereses de clase e de nación”. Un compromiso a partir do que se edificou a CIG, un sindicato “nacionalista e de clase, combativo, de contrapoder e defensor dunha Galiza democrática e soberana”.
Ofensiva do capital contra o traballo
O secretario xeral da CIG clamou contra unha UE que “segue sendo expresión da globalización ao servizo do capital financeiro” e que actúa “obsesionada en cumprir os dogmas neoliberais impoñendo duras políticas que afondan nos recortes dos orzamentos e do gasto público, de recortes de dereitos laborais e sociais”, nunha nova fase de “ofensiva do capital contra o traballo”.
Alertou da aceleración das transformacións que se están a producir na economía e no traballo para manter a hexemonía do capital e denunciou as consecuencias dos procesos de dixitalización e descarbonización que “están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo”.
Un proceso de descarbonización no que denunciou que os gobernos se limitan a regular e financiar “ao ditado dos consellos de administración das grandes empresas, negándose a poñer en marcha políticas públicas que garantan o dereito á enerxía ao conxunto do pobo para un desenvolvemento económico e social xusto”.
Advertiu ademais de que imos camiño dun empeoramento xeneralizado por mor da crise provocada pola covid 19, que estourou cando aínda non saíramos da anterior e sen que se derrogaran as lesivas reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, e en pleno proceso de recorte e privatización de servizos públicos e sociais. Políticas ás que se sumarán outras ao ditado da UE que xa se anuncian, xustificadas polo Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos e polas permanentes chamadas ao consenso e ao diálogo social.
Un diálogo social que criticou o secretario xeral da CIG polo seu papel desmobilizador e por servir para xustificar os incumprimentos programáticos do Goberno e agochar a súa debilidade fronte á gran patronal. Por iso afeou o papel do sindicalismo español “máis funcional que nunca a estas dinámicas”, ao que acusou de ter renunciado a “dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social”.
Fondo de reactivación
Xunto a isto alertou de que todo o paquete de reformas para a reconstrución son medidas obrigadas para cumprir co Acordo do Fondo de Reactivación pola covid 19. “Un severo paquete de recortes do gasto público, a imposición de novas reformas -como a das pensións- así como a consolidación das anteriores”. Medidas que coinciden cun momento de “profunda crise institucional e sobre o modelo de Estado centralista nacido da transición, cada vez máis dependente da UE, pero máis fanaticamente centralista e negador da realidade plurinacional existente no Estado español”.
Denunciou as consecuencias da política neoliberal: “pobreza, desemprego e exclusión social, pero tamén o fascismo, que así ten o seu caldo de cultivo, ao que se lle suma a práctica dun españolismo sen complexos, disfrazado de falsa progresía e considerou que afrontamos en Galiza esta realidade con máis dificultade “porque estabamos de cheo nunha crise social, industrial e demográfica -agravada pola incesante emigración-, xa que o noso país xa se atopaba nunha situación de emerxencia nacional e social, que se viu multiplicada coa crise da covid”.
O secretario xeral da CIG acusou ao Goberno da Xunta do PP, con Feixó á cabeza, de estar “descaradamente ao servizo deste deseño” e de contribuír,de forma intensa, “á destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos, aplicando unha política suicida para o futuro da sociedade galega, facendo uso e abuso da súa maioría absoluta”.
Censurou a privatización e os recortes dos servizos públicos e dos servizos sociais, a mercantilización dos coidados, a negativa a dignificar as condicións de traballo neste sector esencial, feminizado, socialmente pouco valorado e moi precarizado. “É a peor versión posíbel da colonización e dependencia de Galiza e do pobo galego, onde todo o público se pon a disposición do negocio e da rendibilidade do capital” asegurou. Un modelo de país que afonda na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais, mentres de novo, e con máis forza, proporcionamos man de obra barata a través dunha emigración que nos está a deixar sen xente, nun país cada vez máis avellentado e con menos poboación activa.
Neste contexto, situou os fondos europeos Next Generation, “millóns de diñeiro público que van parar ás mesmas empresas que, grazas á reforma laboral, ameazan os postos de traballo e despiden sen piedade como está a ocorrer no sector bancario, no Grupo Inditex, co peche das centrais térmicas galegas, nas industrias electrointensivas, no sector naval, no da automoción, entre outros”.
Fronte a todo isto, para poder avanzar insistiu en que “dependemos da nosa capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente porque é desde onde debemos seguir dando a resposta para forzar os cambios para conquistar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas, coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra”.