"50 anos despois das loitas do 72 seguimos a reivindicar o dereito a negociación colectiva e a vivir dignamente na nosa terra"
Delegadas e delegados da CIG procedentes de toda Galiza manifestáronse este xoves polas rúas de Ferrol con motivo do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Unha data de reivindicación e combate que este ano ten un especial significado ao cumprirse o 50 aniversario das loitas obreiras de 1972, xerme do sindicalismo nacionalista que hoxe representa a CIG. De aí que o lema escollido pola central para esta data sexa "Somos clase, somos nación. A loita continúa".
Ao pé do monumento ao 10 de Marzo, no que a central depositou unha ofrenda floral, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reivindicou a plena vixencia das loitas do ano 72 que constitúen "as orixes de onde vimos". E facémolo, subliñou, co "orgullo de formarmos parte dunha historia colectiva, dunha tradición sindical de loita honrada e coherente, que ao longo destes anos nos ten levado a ser o que somos: a primeira forza sindical en representación, afiliación e iniciativa social en Galiza".
Subliñou que, 50 anos despois, estas loitas "deben ser a nosa inspiración" nun momento "no que está en xogo o noso futuro como clase traballadora e como pobo galego", en referencia á crise industrial e económica que atravesa Galiza, agravada pola crise derivada da pandemia e á que agora se suma o impacto do conflito bélico na Ucraína. Neste punto, Carril demandou o cese inmediato do conflito armado e á volta á vía diplomática "porque a guerra nunca é solución, sempre é unha traxedia e destrución" na que as clases populares e os pobos "son as vítimas".
Mais alertou das pretensións de utilizar a guerra como a coartada perfecta para afondar nas políticas neoliberais e aplicar novos recortes nos dereitos laborais e sociais, empeorando así as condicións de vida nun momento de forte medre da carestía polos altos prezos das enerxías, dos alimentos e dos bens de consumo básicos.
O valor da negociación colectiva para enfrontar a carestía da vida
O secretario xeral da CIG criticou que medidas como a reforma laboral ou a reforma das pensións están afectando de maneira negativa á clase traballadora ao non recuperar nin gañar dereitos e non actuar efectivamente na eliminación das desigualdades e discriminacións que padecen as mulleres.
Considerou "imperdoábel" que un Goberno denominado de esquerda "siga sen tomar medidas de intervención pública na economía, sen levar adiante cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para poder ter unha vida digna e acabar cos efectos devastadores que a carestía da vida está a provocar nas maiorías sociais mentres unhas poucas empresas, sobre todo do sector enerxético, gañan millonarios beneficios". "Metéronnos na guerra e a solución non pode ser máis neoliberalismo", aseverou.
Neste contexto, rexeitou de plano o Plan de Resposta Económica á Guerra anunciado polo presidente do Goberno español por buscar, entre outros obxectivos, a contención salarial, "impedindo así a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, consolidando os baixos salarios e a pobreza laboral mentres a patronal vai á segunda volta das negociacións da reforma laboral para gañar en máis dereitos e garantir o aumento dos seus beneficios á nosa conta".
Esta ofensiva complétase coas negociacións do Acordo estatal de negociación colectiva, "na que o diálogo social, UGT e CCOO volven estar ao servizo do capital". Por iso, asegurou Carril, "estamos chamadas/os ao conflito na negociación colectiva" e a xerar dinámicas mobilizadoras coas que facer fronte a esta situación. "Para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, defendendo o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios, impedindo que o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde Madrid".
Nefasto balance das políticas de Feixoo en Galiza
Subliñou que todas estas políticas constitúen novos instrumentos que favorecen as "nefastas políticas do PP en Galiza, converténdose na peor solución para afrontar a crise económica, industrial e social que padecemos". Carril destacou que, fronte á distorsión da realidade que se está a facer na marcha a Madrid de Feixoo, o "verdadeiro e desastroso balance" das súas políticas é un país no que se afondaron os graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais, e destinado a proporcionar man de obra barata "a través dunha emigración que nos deixa sen xente, nun país cada vez máis avellentado e con menos poboación activa".
Un modelo de país defendido por Feixoo "mediante unha planificada política que promove a colonización e a dependencia de Galiza e do pobo galego a deseños feitos desde Bruxelas e Madrid, onde todo o público se pon á disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento".
Por todo isto, se o 10 de Marzo é unha data de reivindicación para a CIG, 50 anos despois, a loita continua "porque a loita segue vixente neste momento histórico que estamos a vivir, no que as nosas reivindicacións medran, van a máis, como tamén necesitamos ir a máis reforzando a nosa capacidade de confrontar para gañar unha saída galega xusta da crise, para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra".
Unhas loitas xerme do sindicalismo nacionalista
A manifestación deste 10 de Marzo, "data gravada con sangue e dura represión no movemento obreiro galego", ten un especial simbolismo por canto coincide co 50 aniversario das loitas de 1972 de Ferrol e Vigo, que supuxeron o nacemento do sindicalismo nacionalista e "dun profundo convencemento na autorganización da clase traballadora e do pobo galego, na creación de sindicatos propios como mellor defensa dos nosos intereses, os nosos dereitos, como clase traballadora e como nación galega".
Carril indicou que "non vimos facer deste lugar un muro das lamentacións", senón ao contrario, "un acto de vida, de recoñecemento e reivindicación de Amador e Daniel, mártires dunha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza e non en Madrid". Trasladou o sincero recoñecemento, respecto e admiración a todas as persoas, ás milleiras de traballadoras e traballadores protagonistas destas mobilizacións, "exemplo de loita, resistencia e solidariedade".
Lembrou que ao longo destas cinco décadas e arredor do sindicalismo nacionalista, construíuse unha central sindical de forte unidade e solidariedade de clase, "labrada loita a loita, nos centros de traballo e nas rúas, combinando a formulación de propostas coa mobilización na defensa dos nosos intereses na loita por unha Galiza ceibe e sen explotación".
E chamou a reforzar os principios que caracterizan a acción sindical da CIG: combativa, asemblearia, participativa e democrática, apostando pola confrontación social, "pero tamén ideolóxica, contra o poder económico e político como único camiño para a conquista de dereitos, para unha mellora real das nosas condicións de vida".
Chamamento ao cese da guerra e á volta á vía diplomática
Na súa intervención ao remate da manifestación, o secretario xeral fixo un chamado ao "Non á guerra", seguindo os principios que definen á CIG na defensa absoluta da paz e da soberanía dos pobos. Neste senso, condenou a intervención militar rusa en territorio ucraíno, instando o cese das accións de guerra, a retirada do exército ruso e a volta á diplomacia. "Cómpre atopar o camiño para unha desescalada militar e unha política de paz, que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz", incidiu.
Neste camiño, reclamou o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk; e o recoñecemento das repúblicas de Donestk e Lugansk, respectando a vontade da poboación do Donbass.
Considerou lamentábel o papel da UE neste conflito, "como monicreque dos intereses da OTAN e os EUA", sumándose os gobernos dos estados membros ás declaracións ameazantes que xeran maior tensión "e máis preocupados polas implicacións económicas que polas gravísimas consecuencias que pode traer para a poboación civil, a estabilidade na rexión e, en definitiva, a paz mundial".
Finalmente, o secretario xeral da CIG reclamou a neutralidade activa do Estado español neste conflito, paralizando o envío de armas, retirando de forma inmediata as tropas españolas enviadas, seguindo as directrices da OTAN e dos Estados Unidos. Reiterou que a guerra nunca é solución e demandou "que pare a guerra, abonda xa de apoloxía do militarismo, do belicismo e da OTAN", aseverou.
Grandal: "Quérennos roubar tamén o noso futuro"
O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, salientou que os feitos sucedidos en marzo de 1972 supuxeron “unha explosión de solidariedade ao longo de todo o país, a ferramenta máis valiosa da loita obreira, amosada non só na clase traballadora senón tamén no estudantado e nas clases populares”, servindo ademais de empurre para outras loitas, con especial incidencia na comarca de Vigo.
Pero Grandal tamén quixo lembrar algunhas das loitas previas acontecidas na comarca que xa evidenciaban unha forte resposta sindical e política ás terríbeis condicións laborais e á ditadura, como a denominada “folga do aceite” de 1946 ou a folga da Peninsular. E trouxo á memoria a vaga represiva do franquismo polas loitas do 72 “que perdurou no tempo e mesmo abateu a tiros, tres anos despois, tamén aquí en Ferrol, ao camarada Moncho Reboiras”.
O secretario da CIG de Ferrol puxo a atención na crítica situación económica e social da comarca e que, xusto un ano despois da folga xeral que paralizou as bisbarras de Ferrol-Eume-Ortegal, sigan sen adoptarse medidas para reverter o desmantelamento industrial, a perda de emprego, a caída demográfica ou a falta de infraestruturas. “Non só nos foi roubada a nosa historia, senón que tamén nos están a roubar o noso futuro”.
Criticou a falta de reposta do Goberno español “que mira para outro lado” e a ausencia do Goberno da Xunta “que nin está nin se lle espera”. “Fan caso omiso das batallas continuas na demanda dunha transición enerxética xusta ou da revitalización do noso sector naval, vilipendiado en beneficio doutras zonas do Estado, mesmo co beneplácito moitas veces dos sindicatos españois aducindo unha falsa solidariedade”.
Neste senso, lamentou que CCOO e UGT sigan apostando polas mesas do diálogo social, que definiu como “o mellor escenario para a traizón da clase traballadora, o escenario perfecto para que os partidos xustifiquen o incumprimento das súas promesas electorais” e a patronal impoña “as súas liñas vermellas”. Un práctica sindical pactista, lamentou, que fomenta a desmobilización e menospreza a capacidade de loita da clase obreira.
Por iso, chamou a seguir loitando “polos dereitos que nos foron roubados e para avanzar na conquista de novos dereitos, para crear conciencia de clase e de país”. Esa é, aseverou, “a mellor homenaxe que lle podemos facer a Amador e Daniel e a todas e todos os protagonistas daqueles feitos”.