Carrefour Lugo recoñece que abonou mal os salarios do persoal a tempo parcial dende xaneiro
Despois das numerosas accións da sección sindical da CIG, a dirección de Carrefour Lugo comezou este venres, 15 de outubro, a abonar as diferenzas salariais deixadas de pagar as traballadoras e traballadores con contrato a tempo parcial. Os erros nos cálculos das nóminas víñanse producindo dende o cambio de sistema aplicado pola dirección en xaneiro deste ano.
A representación da CIG lembra que leva meses loitando para que se deran solucións e para que a empresa, unha multinacional con beneficios millonarios, recoñecera que estaba pagando o seu persoal menos hora das realmente traballadas. Até agora, a dirección do centro de Lugo negábase a recoñecer este roubo sistemático, argumentando que se cobra segundo cómputo.
"Un cómputo difícil de interpretar cando fas 90 horas e che pagan só 75", denuncia a sección sindical da CIG, que cualifica de "negocio redondo" esta triquiñuela da empresa, pois non só aforraba en salarios, senón tamén nas cotizacións á Seguridade Social. Neste senso, critican a actuación dos mandos que mentres "cobran suculentas primas segundo a conta de resultados" trataron de desacreditar as delegadas e delegados da CIG diante do persoal "dicíndolles que estabamos equivocados. Pero as matemáticas non fallan".
Así, tras as denuncias da CIG finalmente, na xuntanza extraordinaria do pasado luns, a rexional de Recursos Humanos comprometeuse a revisar as nóminas de todos os traballadores e as traballadora dende xaneiro, tanto das persoas que están en activo como das que xa non teñen contrato en vigor coa empresa.
A sección sindical da CIG advirte que estará vixilante para que lles sexan abonadas ao persoal afectado todas as horas traballadas e que "os directivos deste centro de Lugo con negativas e artimañas trataron de non pagar, co fin de engordar as súas comisións".