Carrefour Lugo pon en risco a saúde do seu persoal ao ocultarlle información ao servizo de prevención alleo

Lugo - 12 Set 2025

A representación da CIG en Carrefour Lugo leva tempo denunciando que a empresa está ocultándolle información relevante ao servizo de prevención alleo para que poida realizar unha avaliación correcta nos recoñecementos médicos. Como exemplo, sinalan que a compañía non lle traslada que o persoal contratado para a sección téxtil ou administración tamén desempeña de maneira habitual servizos na liña de caixas.

 

Por sistema, apuntan, este persoal acode a realizar os recoñecementos sen que o servizo de prevención teña constancia de que fai este traballo en caixas, polo que “os informes médicos veñen nesgados con aptitudes que, en moitos casos non serían tales se Carrefour traslada información exacta de todos os postos que desempeñan”.

 As delegadas e delegados da CIG advirten que esta empresa externa non ten en conta os informes médicos emitidos polo persoal facultativo de familia ou o especialista do SERGAS, nos que se desaconsella o traballo na liña de caixas polas patoloxías que padecen estes traballadores e traballadoras afectadas. “Carrefour coñece estas limitacións porque o xerente recepciona os informes do SERGAS, pero ocúltanllos ao servizo de prevención alleo, pondo así en grave risco a saúde do persoal con estes enganos deliberados”.

A CIG critica esta actuación mesquiña de Carrefour, reclámalle á empresa transparencia na información e que deixe de antepoñer o lucro ao dereito á saúde das súas traballadoras e traballadores.