Carrefour Lugo non entrega roupa de abrigo ao persoal que traballa no exterior e no almacén a pesar das baixas temperaturas
A representación da CIG no hipermercado Carrefour de Lugo quere denunciar que a dirección da empresa non está a entregarlle ao persoal roupa de abrigo adecuada, a pesar das baixas temperaturas que se están a rexistrar nas últimas semanas, mesmo por debaixo dos cero graos.
Os delegados de prevención de riscos téñenlle reclamado en numerosas ocasións á dirección que dote o persoal coa roupa axeitada para traballar nos almacéns (que carecen de sistemas de calefacción) e nos patios (nos que se traballa a intemperie), "sen que a día de hoxe se atenderan as nosas peticións".
Este desleixo da empresa obriga o persoal a traballar coa roupa de abrigo que traen da casa, xa que a única uniformidade que teñen son os polos de manga curta e as suadeiras finas coas que se equipan todo o ano "pero que non protexen para nada do persiste frío destes días".
Para os delegados e delegadas da CIG resulta "incríbel que unha multinacional que factura millóns de euros castigue os seus traballadores e traballadoras sen darlle a roupa adecuada por unha simple cuestión de aforrar uns euriños".
Diante desta actitude miserenta, reclámanlle á dirección de Carrefour Lugo que cumpra coas súas obrigas e faga entrega de inmediato das prendas de abrigo ante o risco para a saúde que supón traballar a baixas temperaturas. Ademais, de non corrixirse esta situación, os delegados e delegadas da CIG xa adiantan que presentarán denuncia na Inspección de Traballo.