O IX Congreso da CIG-Servizos elixe a Carlos Alján como novo secretario nacional
A CIG-Servizos vén de celebrar o seu IX Congreso, ao que concorreu unha única candidatura encabezada por Carlos Alján, que foi elixido secretario nacional en substitución de Transi Fernández, á que se lle recoñeceu e agradeceu o traballo feito neste período. As e os delegados aprobaron ademais o Informe de Xestión da Executiva e mais os relatorios nos que se marcan as liñas de traballo que guiarán a acción sindical da federación nos próximos catro anos.
Tamén se renovou a Executiva federal, que queda conformada por Carlos Alján Collazo, Beatriz López Valdés, Roberto Xermán Pérez Vila, Dolores Calderón Blanco, Rubén Duruelo Cuerdo, Aurora María Vázquez Méndez, Pedro Pérez Caride, María Cristina Martínez Padín e Martín Caamaño Santamaría.
O Informe da Executiva saínte salienta a consolidación da CIG-Servizos como primeira forza sindical, superando a UGT e CCOO, cun medre parello de afiliación. Un éxito que é froito “da nosa capacidade de mobilización, presente en conflitos de grande impacto nos sectores de coidados, limpeza e comercio”, resultado do “traballo constante das nosas delegadas/os”.
A CIG-Servizos defende, na negociación colectiva, un modelo de confrontación e participación. Para iso, no relatorio de Organización e no de Acción sindical apóstase por un sindicalismo combativo, de clase e nacional e refórzase o compromiso coa igualdade de xénero, coa defensa do galego e cun modelo sindical alternativo ao pactismo dos sindicatos estatais, coa finalidade de avanzar cara a unha Galiza soberana e socialista.