
Cara a unha resolución política e democrática en Kurdistán: liberdade para Abdullah Öcalan

O 15 de febreiro de 2025 cumpriranse 26 anos da captura de Abdullah Öcalan, líder histórico do movemento kurdo e figura central na loita polos dereitos e a autodeterminación do pobo kurdo. Desde 1999, Öcalan está recluído en réxime de illamento na illa-prisión de Imrali. O seu encarceramento é un símbolo da represión máis xeneralizada contra as reivindicacións kurdas, pero tamén da dificultade de Turquía para atopar unha solución política e pacífica a un conflito que dura xa décadas.
A liberación de Abdullah Öcalan non só supón xustiza para un home encarcerado en condicións que violan o dereito internacional e o propio sistema xurídico turco, senón que tamén é un paso crucial cara á construción dunha paz duradeira entre o Estado turco e o pobo kurdo. Ao longo dos anos, Öcalan expresou en repetidas ocasións a súa vontade de negociar e promover a paz, facendo propostas para o recoñecemento dos dereitos kurdos dentro dunha Turquía democrática e pluralista.
As prácticas utilizadas na illa-prisión de Imrali estendéronse por todo o país para sufocar calquera forma de disidencia e oposición que vexa nunha solución política á cuestión kurda un posíbel punto de inflexión cara a unha transformación democrática de todo Oriente Próximo. Co encarceramento de Abdullah Öcalan, o Estado turco non só pretende illalo fisicamente como individuo, senón que tamén pretende sufocar os logros democráticos que xurdiron das súas ideas.
O 28 de decembro, unha delegación do Partido DEM, formada polos deputados Sırrı Süreyya Önder e Pervin Buldan, reuniuse con Abdullah Öcalan na illa-prisión de Imrali. Tratábase do primeiro encontro completo con Öcalan en nove anos, tras as negociacións de 2015 entre o Estado turco e o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) rotas por Erdogan. Esta reunión foi precedida por unha visita familiar en outubro co seu sobriño Omer Öcalan.
Aínda que foi un sinal positivo, tendo en conta que Öcalan levaba case catro anos sometido a un illamento total, as condicións da súa detención seguen sendo inaceptábeis e continúan sendo un obstáculo para un posíbel novo proceso de paz. De feito, se as conversacións iniciadas en Imrali desembocasen nunha nova fase de negociacións, non serían nin xustas nin transparentes se unha das partes se vise obrigada a participar nelas en condicións de prisión, sen posibilidade de comunicarse libremente co seu movemento político e o pobo kurdo.
O Confederalismo Democrático, proposto por Abdullah Öcalan, desencadeou un espertar social en todo o Kurdistán. Os principios de igualdade de xénero e a construción dunha sociedade democrática e ecolóxica están na base de importantes procesos de transformación, e son fontes de inspiración para numerosos movementos revolucionarios de todo o mundo.
É por iso que os sindicatos asinantes deste manifesto sigamos empurrando para crear as condicións políticas que permitan pasar dun escenario de violencia e guerra a un escenario democrático que promova unha resolución política e democrática á cuestión kurda. A paz no Kurdistán é algo bo para todas as partes e aínda que a paz sempre ten inimigos poderosos, é necesario convencer ás partes de que a paz é unha situación na que todos gañan. Por iso a comunidade internacional non pode mirar cara a outro lado e ten que explorar mecanismos políticos co obxectivo de buscar unha paz con xustiza no Kurdistán, porque sen dúbida sería unha moi boa noticia para a rexión e para o mundo enteiro.
Hoxe máis que nunca, Abdullah Öcalan preséntase ao mundo como unha figura política en defensa da paz, a democracia e os dereitos dos pobos, e cremos que quen nos identificamos con estes principios democráticos, debemos apoiar os esforzos para transitar dun escenario de conflito a un escenario de resolución democrática.
CCOO – CGT – CIG – Confederación Intersindical – Sindicat COS – CSI Asturies – CUT Aragón – CUT Galiza – ELA Sindikatua – ESK Sindikatua – IAC Catalunya – Intersindical Catalana – Intersindical Valenciana – LAB Sindikatua – MTC Canarias – OSTA – SAT Andalucía – Solidaridad Obrera – STEI Balears – STEILAS Sindikatua – UGT.
14 de febreiro do 2025