CAPSA recoñece o cálculo incorrecto do “plus de inspección” no centro de traballo de Robra
A FGAMT-CIG de Lugo informa que na empresa Corporación Alimentaria Peñasanta SA, logo de viren reclamando desde comezos de ano o comité de empresa o axeitado cálculo do ‘plus de inspección’ no centro de traballo de Robra (Outeiro de Rei), a empresa vén de recoñecer o seu cálculo incorrecto e que procedeu á súa rectificación e reposición do importe pendente, percibido agora na nómina de xullo.
Este feito supón, segundo explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo,Christian López Carmona, a constatación dun “novo incumprimento”, ao que se segue a engadir o máis significativo, actualmente pendente do percorrido xudicial, derivado do incumprimento na revisión salarial pactada no ano pasado.
López Carmona considera que é moi significativo o cambio na política retributiva desta empresa, famosa pola súa base cooperativa, que na actualidade unicamente está a optar pola vía do incumprimento e do conflito, algo ao que o persoal de Robra non estaba habituado, pero ao que dará a contestación precisa en cada intre.
O plus de inspección, ao igual que a maioría dos pluses establecidos neste convenio de empresa, recoñecen a súa efectivización sobre a salario bruto anual, mentres que a empresa aplicou o pagamento anual exclusivamente ao concepto salarial ‘salario base’, nunha estratexia clara para minimizar o impacto deste concepto salarial anual.
“É intolerable e totalmente desleal este tipo de condutas dunha empresa que inviste contías ‘indecentes’ en campañas de publicidade e que vén farta de vendernos a súa ‘preocupación polo entornos das familias deste conglomerado empresarial’, as claras, toda unha farsa”, denuncia o representante da CIG, que aproveita para convidar á empresa a “asumir os compromisos determinados co seu persoal no ámbito do convenio de empresa e recuperar o camiño das garantías e paz social para o noso centro de traballo”.