Capitalismo e globalización contra a democracia

Alejandro Nadal - 18 Xun 2018

O auxe da globalización neoliberal terminou por minar as fráxiles bases da democracia nas economías occidentais. Se o capitalismo está alicerzado na desigualdade, o único xeito de preservar algo que se pareza á democracia é mediante unha regulación capaz de frear os abusos das forzas económicas

 En 1929 o consello do secretario do Tesouro de EUA Andrew Mellon ao daquela presidente Herbert Hoover foi drástico: Hai que liquidar o traballo, as accións, os agricultores, os bens raíces, e só así poderemos purgar a podremia do sistema. A xente emprendedora poderá recoller os cascallos e substituír os menos competentes. A Gran Depresión estaba comezando e a recomendación de Mellon sintetizou de xeito brutal a contradición entre capitalismo e democracia. Algúns poderosos axentes económicos poden invocar as forzas do mercado capitalista para destruír a forma de vida de millóns de persoas, sen importar as súas opinións políticas, con tal de purgar o sistema de toda a podremia.

 Hai xa case 30 anos, co colapso da Unión Soviética, reavivouse a crenza de que democracia e capitalismo formaban un binomio indestrutíbel. A globalización era a proba de que o capitalismo desbocado era a mellor forma de organizar a vida económica e política no mundo. O neoliberalismo presentouse como a vía para unha nova era de riqueza, benestar e, desde logo, democracia. Dicíase que a única sombra que ameazaba este panorama se situaba fóra das economías capitalistas e estaba no extremismo que albergaba o terrorismo islámico.

 Na fronte económica, a pantasma dunha crise económica parecía esvaerse e no seu lugar reinaba o optimismo. Os acordos comerciais que cristalizaban o ideal da globalización multiplicábanse e a Organización Mundial de Comercio era presentada como gardián dunhas regras que supostamente ían rexer na nacente economía globalizada.

 Hoxe as cousas mudaron. A desigualdade intensificouse en todo o mundo. O pacto social que existiu nos anos dourados do capitalismo foise rompendo a golpes a partir de 1982, un pouco ao xeito que recomendaba Mellon, para purgar o sistema. No seu lugar foise impoñendo o réxime férreo do capitalismo desenfreado. E os resultados non tardaron en mostrar a súa verdadeira face. O crecemento fíxose cada vez máis lento. Os salarios estancáronse desde hai máis de catro décadas e para a maioría da poboación nas economías capitalistas a única forma de manter o nivel de vida tivo que se facer mediante o endebedamento crecente. A especulación apropiouse do espazo económico e os gobernos convertéronse en amanuenses do capital financeiro.

 Xa é lugar común afirmar que as masas nas sociedades capitalistas se senten decepcionadas. A súa frustración alimenta un rancor que crece na confusión política. Por iso búscanse culpábeis entre os migrantes ou os estranxeiros, os gobernos, as elites ou as grandes corporacións. Por iso as eleccións desembocaron en triunfos de gobernos que transmiten esa enganosa narrativa. Racismo, xenofobia, clasismo e fascismo son os puntos de referencia destes movementos. Aí están os exemplos do partido de Victor Orvan en Hungría, Lei e Xustiza en Polonia, Cinco Estrelas e a Liga en Italia, Macri en Arxentina, Piñera en Chile e, desde logo, Trump e a vitoria do Brexit en Inglaterra. En todos estes casos o repudio aos gobernos que no seu momento se consideraban portaestandartes da democracia liberal fíxose máis forte. A mensaxe é clara: a principal ameaza á democracia é interna e añiña na desigualdade intrínseca que é a pedra angular do capitalismo.

 O auxe da globalización neoliberal terminou por minar as fráxiles bases da democracia nas economías occidentais. Se o capitalismo está alicerzado na desigualdade, o único xeito de preservar algo que se pareza á democracia é mediante unha regulación capaz de frear os abusos das forzas económicas nunha sociedade mercantilizada. O neoliberalismo é a reacción do capital en contra desa regulación e a globalización é a culminación dun perigoso proceso histórico no que as institucións democráticas e o benestar da poboación pasaron a segundo plano. O soño de que un capitalismo sen restricións podería ser o aliado da democracia liberal é unha quimera, como ben sinala Robert Kuttner (prospect.org).

 A globalización neoliberal organizouse por volta dunha idea central: o libre xogo das forzas económicas debe ser o principio reitor da sociedade. Por iso nesta globalización neoliberal non hai lugar para unha verdadeira autoridade monetaria internacional, tampouco existe unha axencia capaz de frear o crecemento dos oligopolios ou a concentración de poder de mercado, e non impera unha organización que protexa os dereitos laborais. O réxime da globalización neoliberal non rende contas a ninguén. Nin sequera aos seus principais beneficiarios, o capital financeiro e os grandes grupos corporativos. Para retomar os vieiros da democracia é necesario reverter o proceso histórico que conduciu á globalización neoliberal.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 14 de xuño de 2018]