Caos na sanidade viguesa: pacientes sen comer tras a apertura de camas pola gripe
A actual vaga de gripe está a poñer ao descuberto unha vez máis a falta de previsión do Sergas no que respecta á xestión da sanidade pública. Neste caso, a repentina apertura dun importante número de camas que se atopaban pechadas no hospital Meixoeiro para acoller os novos ingresos fixo que moitos pacientes quedasen sen comer como consecuencia da saturación do servizo de cociña.
Segundo denuncian dende o comité de empresa de Arcasa, concesionaria do servizo e cociña da EOXI de Vigo (hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña), o Sergas decidiu abrir de súpeto todas as camas que se atopaban pechadas no Meixoeiro -polo que na actualidade funcionan un total de 272- pero sen reforzar o servizo de cociña con máis persoal.
O sistema implantado tras a apertura do Álvaro Cunqueiro fai que a comida estea conxelada e non dese tempo de rexenerala
Deste xeito, as catro camareiras encargadas do reparto de comida víronse totalmente desbordadas, até o punto de que moitos pacientes quedaron sen comer. “Ademais, o novo sistema implantado tras a apertura do Álvaro Cunqueiro provoca que a comida estea conxelada e non dese tempo de rexenerala”, denuncian dende o comité de empresa (7 delegadas da CIG e 2 da UGT).
Esta situación fixo que persoas con familiares ingresados optasen por levarlles elas mesmas comida da casa, co conseguinte risco que isto supón para a saúde dos pacientes ao non tratarse dunha dieta controlada. “Onte mesmo, por exemplo, moitas persoas ingresadas comeron iogures ou natillas, que era o único que tiñamos para darlles”, indican.
Insultos e descualificacións
Como consecuencia, as traballadoras/es tiveron que aturar todo tipo de queixas e mesmo insultos e descualificacións, cando a responsabilidade do que acontece é unicamente do Sergas e da concesionaria “pola súa deixadez e falta de previsión”. Dende a CIG-Servizos lembran que o sistema de comidas implantado pola EOXI de Vigo acumula problemas e queixas dende o principio, como así o puxeron de manifesto primeiro en 2015 tras a introdución do novo sistema e posteriormente en 2016, pouco antes do cambio de empresa concesionaria “por intereses electoralistas do PP”.
Finalmente, sosteñen que o servizo sempre funcionou correctamente no Meixoeiro até a posta en marcha do novo sistema e unha vez que se fixo cargo a nova concesionaria, Arcasa, “que optou tamén por reducir persoal, o que fai que agora o servizo se atope saturado e non se poida atender a todos os pacientes ingresados”.