Cando o capitalismo coñeceu a covid-19

Costas Lapavitsas - 04 Dec 2020

Será necesario que pase o tempo para comprendermos completamente as consecuencias da pandemia sobre o capitalismo mundial. Mais hai unha pregunta que é evidente: quen pagará os custos desta enorme crise? A resposta ten unha importancia crucial para quen reivindica o socialismo porque dará forma ás demandas de políticas económicas que defendan a vida dos traballadores e das traballadoras e que cambien o equilibrio social de forzas en contra do capital

 A enfermidade do coronavirus desencadeou unha emerxencia na saúde pública que axiña se transformou nunha crise económica mundial. Isto aconteceu principalmente por dous motivos. O primeiro é que a primeiros do ano 2020, antes da pandemia, a economía mundial xa estaba nun estado precario. O segundo é que os Estados nacionais emprenderon accións extraordinarias para enfrontar a pandemia, o que afectou á produción, o comercio e as finanzas.

 A crise comparouse de xeito xustificado cunha guerra, dado que implicou algúns toques de queda, a alteración sistemática e xeral da actividade económica e a intervención estatal directa na produción, nas finanzas e no mercado de traballo. Mais a analoxía tamén ten un lado enganoso cando se ten en conta que as alteracións que se produciron na economía teñen moitos trazos en común coas crises regulares do capitalismo neoliberal financeirizado.

 O desemprego en moitos países medrou de forma abrupta despois de se impor o confinamento, unha tendencia que en xeral non se observa cando os Estados se lanzan á guerra. Ademais, é incuestionábel que a crise é global, motivo polo cal afecta tanto aos países desenvolvidos como aos países en vías de desenvolvemento, dificultando á súa vez as perspectivas de recuperación. Así e todo, debe dicirse tamén que a crise do coronavirus é única na historia do capitalismo mesmo tendo en conta só os períodos de paz.

 Os aspectos epidemiolóxicos da crise e a efectividade médica das respostas estatais seguirán a ser obxecto de debate durante moito tempo. No momento en que escribo estas liñas non está claro que a atenuación da propagación da enfermidade a través do confinamento sexa unha medida efectiva no longo prazo.

 A estratexia do confinamento reflectiu tanto a vulnerabilidade como o poder dos Estados contemporáneos. Por unha banda, foron incapaces de afrontar a epidemia a través das probas masivas e do illamento, en gran medida porque os sistemas de saúde, mesmo nos países máis ricos, non estaban equipados para lidar coa situación. Pero, doutra banda, foron capaces de impoñer con éxito toques de queda durante tempos de paz, restrinxindo até certo punto a vida social en grandes metrópoles e paralizando a actividade económica.

 O confinamento restrinxiu os dereitos civís e as liberdades forzando ou atemorizando a poboacións enteiras para que cumpran cunhas restricións enormes. O uso que se fixo de internet e das novas tecnoloxías apunta a unha nova relación entre os Estados nacionais e as grandes empresas, que ten implicacións inquietantes sobre as liberdades e os dereitos democráticos.

 Unha vez que a magnitude da desfeita económica estivo clara, os Estados nacionais tomaron medidas sen precedentes para enfrontalo, violando directamente os dogmas ideolóxicos do capitalismo neoliberal. Os custos e implicacións destas medidas sentiranse durante moitos anos e se cadra mesmo cambien o equilibrio de forzas da economía mundial.

 China, primeiro país no que irrompeu a pandemia, foi tamén o primeiro país en impoñer o confinamento estrito de grandes áreas. En contraste, Estados Unidos, que aínda mantén a súa hexemonía a nivel mundial, tardou moito en reaccionar e fíxoo de forma moito menos coordinada. A falta de servizos de saúde universais, a profunda desigualdade e a falta dunha coordinación efectiva da maquinaria estatal deron en converter a pandemia nun gran trauma social. A economía máis grande do mundo -e o principal país imperial- acabou por se beneficiar da axuda sanitaria de China, Turquía e outros países.

 Diverxencias máis agudas xurdiron entre os países do centro e da periferia da economía mundial. En moitos casos, nos países do Sur global foi practicamente imposíbel impor o illamento social estrito ou o distanciamento entre os estratos máis pobres da poboación. As respostas foron moi distintas en Asia, América Latina e África, o cal reflectiu os distintos modos de integración dos países na economía mundial, a estrutura dos sistemas de saúde, as capacidades institucionais dos Estados nacionais e a cultura pública dominante.

 Porén, foi máis impactante a evidencia de novas divisións entre centro e periferia que se puido observar en Europa. A periferia da Unión Europea impuxo un confinamento moi estrito e sufriu unha martelada económica. O norte de Europa mostrou maior capacidade para lidar co impacto do confinamento, o cal renovou as tensións na Unión Europea. Mentres tanto, o Reino Unido -despois de errar desesperadamente durante varias semanas- impuxo o confinamento estrito afrontando enormes custos económicos.

 Malia estas diferenzas, non hai dúbida acerca de que o Estado nación ocupou o centro da escena durante a crise. Despois de catro décadas dun farfallar incesante verbo do triunfo do mercado, o enorme poder do Estado volveuse cruamente evidente. Ao mesmo tempo, tamén demostrou ser profundamente débil, mesmo nos principais países da economía mundial. A loita pola hexemonía agudizouse e emerxeron novas divisións entre os países do centro e da periferia, sobre todo en Europa.

 Será necesario que pase o tempo para comprendermos completamente as consecuencias da pandemia sobre o capitalismo mundial. Mais hai unha pregunta que é evidente: quen pagará os custos desta enorme crise? A resposta ten unha importancia crucial para quen reivindica o socialismo porque dará forma ás demandas de políticas económicas que defendan a vida dos traballadores e das traballadoras e que cambien o equilibrio social de forzas en contra do capital. Por este motivo, a resposta debe ter plena conciencia do papel extraordinario do Estado nación, tanto no que respecta ás causas da crise como ás formas de afrontala.

Os mecanismos da crise

 Pódese dicir que o confinamento imposto polos Estados disparou a crise en tres sentidos que están relacionados entre si. En primeiro lugar, deu un golpe á manufactura ao alterar as cadeas de subministración en todo o mundo, con maior impacto nos sectores de servizos como o transporte, o turismo, o lecer e os restaurantes. En segundo lugar, afectou inmediatamente á demanda engadida na medida en que o consumo decreceu e o aforro doméstico incrementou.

 A medida que as empresas deixaron de lado os plans fronte á extrema incerteza, os investimentos colapsaron nos países desenvolvidos e nos países en vías de desenvolvemento. En terceiro lugar, o confinamento afectou ás finanzas ao rebentar a burbulla que se xerou no mercado de valores, especialmente a partir de 2018, mais tamén ao restrinxir os fluxos das carteiras cara aos países en vías de desenvolvemento, abrindo a perspectiva dunha verdadeira crise financeira a nivel mundial.

 Este triplo impacto inmediato foi seguido dunha serie de golpes secundarios. O colapso da demanda engadida implicou o aumento do desemprego e a presión baixista sobre o ingreso. Ao mesmo tempo, observouse que as mercadorías que podían ser distribuídas de forma remota gozaron dunha demanda moito maior. Malia que algúns provedores de servizos, como os hoteis e os restaurantes, foron devastados, outros que implican un contacto físico limitado, como Amazon, beneficiáronse enormemente. A provisión de servizos -mesmo no caso da manufactura- tamén se viu afectada polo boom da infraestrutura de videoconferencias, que beneficiou a xigantes da tecnoloxía avanzados como Microsoft. O coronavirus veu favorecer aos grandes monopolios da era da financierización, cuxo poder deriva das novas tecnoloxías.

 Para marzo de 2020 podía percibirse que o confinamento inducira unha crise económica xigante a nivel mundial, o cal forzou aos Estados nación a responder. As súas respostas tamén foron inéditas. Se implementaron políticas monetarias para prover liquidez e levouse as taxas de interese a niveis próximos a cero. O monopolio dos Estados nacionais sobre o diñeiro fiduciario -medio de pagamento final- amosou novamente ser o fundamento do poder económico no capitalismo financeirizado. Os bancos centrais expandiron os seus balances a un ritmo vertixinoso, provendo liquidez aos bancos dun modo similar a como o fixeron mediante a expansión cuantitativa que seguiu á crise financeira de 2008.

 Con todo, en 2020 os bancos non atesouraron liquidez en concepto de reservas senón que expandiron enormemente o empréstito, fornecendo de crédito a empresas industriais e comerciais con garantías explícitas por parte dos gobernos. O resultado foi un crecemento extraordinario e veloz da oferta de diñeiro, especialmente nos EUA, o que facilitou unha forte recuperación do mercado de valores e a renovación dos fluxos de capital cara aos países en vías de desenvolvemento. Deste xeito semella terse evitado polo momento unha crise financeira.

 A política fiscal tamén se desenvolveu de formas extraordinarias, dando por terra con algunhas das máximas do neoliberalismo. Algúns gobernos pagaron salarios para limitar o aumento do desemprego, nacionalizando efectivamente os custos salariais nun amplo espectro de empresas. Outros estimularon o ingreso dispoñíbel das familias aplicando subvencións directas e garantindo un ingreso básico universal para millóns de persoas.

 Tamén houbo outros gobernos que apoiaron as empresas privadas postergando impostos e contribucións á seguridade social, brindando ao mesmo tempo garantías de crédito e exportación, é dicir, nacionalizando na práctica as contas das empresas. As sumas foron enormes e, tendo en conta a inevitábel caída dos ingresos fiscais que se produciu a medida que as economías entraron en recesión, o déficit fiscal proxectado é comparábel ao nivel dos períodos de guerra.

 Para rematar, no caso dos EUA, o rol de case diñeiro mundial do dólar foi defendido con moitísimo tento. Enfrontada á escaseza de liquidez internacional a medida que os fluxos de capital se esgotaban e o comercio se interrompía, a Reserva Federal interveu e proveu liquidez en dólares a través de swaps con outros bancos centrais.Os EUA amosou a súa determinación para previr calquera desafío ao dólar no mercado mundial.

 O papel crucial do Estado reflectiu a gran desigualdade que sempre caracterizou a economía mundial. É difícil dicir nesta etapa cales serán os sectores da economía mundial máis atinxidos a longo prazo, especialmente cando o rápido crecemento da débeda pública e privada realza o risco dunha nova crise de débeda no futuro próximo. Así e todo, está claro que o confinamento levou a unha gran recesión e que as políticas estatais son semellantes ás medidas de guerra, na medida en que se puxeron grandes áreas da vida económica baixo un control nacional temporal. De novo, a pregunta é: quen pagará os custos destas accións?

Pagando polo coronavirus

 Cando se iniciou a Segunda Guerra Mundial, John Maynard Keynes escribiu un panfleto sinalando como Inglaterra podería pagar os enormes custos do conflito, é dicir, como podería prover os recursos reais que debían ser dispostos polo goberno e dirixidos cara á produción militar. Sinalou que a guerra outorgaría un gran estímulo á demanda engadida a través do gasto estatal en equipamento militar, o cal levaría ao pleno emprego e a moito máis. Con todo, a oferta engadida dos bens de consumo típicos da época de paz restrinxiríase fortemente, a medida que os recursos reais se destinasen cara á produción militar.

 O balance da demanda e da oferta engadidas xerou inmediatamente perspectivas inflacionarias, nas cales tamén podía estar a resposta á pregunta de como pagar os custos da guerra. Dado que non existía un sistema establecido de indexación salarial, o ingreso dos traballadores e das traballadoras non mantería o ritmo do aumento dos prezos. Os traballadores e as traballadoras consumirían menos, o cal liberaría recursos reais que o goberno dirixiría cara á campaña militar. Ao mesmo tempo, a medida que os prezos medraban, tamén medrarían os beneficios capitalistas.

 En efecto, a inflación implicaría unha redución directa do ingreso dos traballadores e das traballadoras -un aforro forzado- que serviría para pagar a guerra, mais que implicaría ao mesmo tempo unha transferencia de ingresos do traballo ao capital. Por este motivo, Keynes pensaba que había que combatela.

 Ademais, estaba claro que coller prestado dos estratos ricos e medios da poboación non abondaría para cubrir os custos reais da guerra. O que é peor, crearía dereitos sobre o ingreso nacional futuro que alterarían substancialmente a distribución do ingreso a favor dos estratos máis ricos. Para Keynes o mellor método para pagar o custo da guerra era un plan nacional de aforro directo forzado, é dicir, cobrar impostos sobre o ingreso dos traballadores e as traballadoras para gardalos nunha conta nacional especial que estaría dispoñíbel despois da guerra.

 A resposta que permitiría garantir os recursos necesarios para pagar a guerra aínda proviría da redución do consumo obreiro, pero trataríase dun imposto planificado e non implicaría un incremento dos beneficios do capital. Non é sorprendente que o movemento obreiro en Gran Bretaña se opuxese ao plan de Keynes a causa do calculado efecto contractivo que tiña sobre os ingresos dos traballadores e das traballadoras.

 A análise de Keynes segue a ser instrutiva na actualidade. Pero, aínda se teñen algunha semellanza co período de guerra, as condicións desta crise son moi distintas. Sobre todo, o coronavirus deprimiu a demanda engadida, o cal levou a un rápido aumento do desemprego e a un incremento da capacidade ociosa.

 Lonxe de confrontar un exceso de demanda -de produtos militares e típicos dos períodos de paz- os países capitalistas avanzados enfrontan a restrición do consumo dos traballadores e das traballadoras e o adiamento do investimento das empresas. Sen o extraordinario impulso fiscal que se realiza desde marzo de 2020, o desemprego e a capacidade ociosa das empresas alcanzarían niveis sen precedentes en moitos países desenvolvidos. É imperativo, polo tanto, que o Estado continúe apoiando a demanda engadida a través dos métodos adoptados.

 As perspectivas da oferta engadida tamén son moi diferentes das que xurdían das condicións nas que pensou Keynes. O problema británico en 1940 era que a capacidade produtiva tocaría os seus límites cando se expandise enormemente a produción militar, o cal faría imposíbel incrementar a oferta de bens de consumo típicos dos períodos de paz a un ritmo que satisfixese a demanda engadida. Mais durante a pandemia observouse como o lado da oferta caeu rapidamente por baixo da súa capacidade e xurdiron unha gran cantidade de recursos ociosos, a maioría baixo a forma de traballadores e traballadoras despedidos. Na actualidade hai unha ampla capacidade subutilizada no lado da oferta.

 Porén, hai dous factores que argumentan en contra de que a capacidade de produción estea á altura de responder durante o período que se abre. En primeiro lugar, todo dependerá en gran medida do ritmo da pandemia. Se a emerxencia na saúde pública non baixa dabondo, entón seguirán producíndose restricións estatais significativas sobre a vida económica e social, mesmo se non alcanzan a magnitude dos confinamentos masivos. A traxectoria das economías en 2021, e se cadra durante máis tempo, dependerá directamente do coronavirus.

 En segundo lugar, o crecemento da produtividade e a taxa de beneficios nos países desenvolvidos están en niveis baixos desde hai moito tempo, especialmente no caso dos EUA. Esta debilidade reflicte en parte a existencia dun gran número de empresas «zombis» que sobreviven desde 2008 grazas ao crédito barato e ás baixas taxas de xuros. As condicións extraordinariamente flexíbeis do crédito e o enorme incremento da débeda das empresas que seguiu á irrupción da pandemia diferirá aínda máis a racionalización destas empresas. En síntese, o lado da oferta do capitalismo financeirizado é estruturalmente débil.

 Deixando de lado a oferta e a demanda engadidas, está claro tamén que os cystos reais da crise non son análogos aos da guerra. O incremento no gasto de saúde -que é necesario, tanto en países desenvolvidos como en países en vías de desenvolvemento para fortalecer sistemas de saúde inadecuados- representa unha porción pequena do custo fiscal dos gobernos.

 O custo real dos recursos durante a pandemia é similar ao dunha crise común do capitalismo financeirizado, isto é, traballadores e traballadoras inactivos e degradación da capacidade produtiva. Algúns destes custos impuxéronse sobre a sociedade a medida que o desemprego crecía e a produción se debilitaba desde comezos de 2020, aínda que a situación mellorou a través dos amplos impulsos monetarios e fiscais das políticas estatais.

 É improbábel que os custos destas políticas logren esquivarse a través da inflación. Malia o extraordinario incremento de diñeiro dos bancos centrais e o crecemento do crédito dos bancos comerciais, o estado de depresión da demanda engadida e a subutilización da oferta engadida fan que o risco inflacionario sexa baixo. En gran medida todo dependerá do comportamento dos salarios reais e nominais.

 Hai moito que a clase obreira organizada en moitos países avanzados non ten éxito ao esixir aumentos do salario nominal. Doutra banda, os salarios reais foron contidos na medida na que o capital logrou sacar vantaxe do aumento da produtividade do traballo nos países en vías de desenvolvemento -tales como China e outros países de Asia- importando bens de consumo baratos. É posíbel que, se o balance de forzas que determina o salario nominal e o salario real cambia a favor do traballo, o nivel xeral de prezos empece a medrar no futuro. Non se pode subestimar esta posibilidade, aínda que no presente hai pouca evidencia contundente para verificala.

 Ademais, hai outra razón crucial pola cal a inflación probabelmente non servirá para cubrir os custos da pandemia. A inflación implicaría unha perda de recursos reais para os acredores que sexan incapaces de obter o retorno completo do valor adiantado. Os propietarios do capital de empréstito están enfrontando na actualidade algúns dos custos da flexibilización das políticas monetarias na medida en que as taxas de xuros equivalentes a cero -ou mesmo taxas de xuros negativas- exerceron presión sobre as ganancias financeiras e reduciron os ingresos dos empréstitos.

 Mais o aumento da inflación implica tamén unha ameaza doutra orde. En parte destruiría o volume da débeda e socavaría directamente a preeminencia que tiveron as finanzas durante as últimas catro décadas. Isto representaría a sentenza de morte da financeirización, e certamente non sucederá sen oposición por parte das clases dominantes.

 Polo tanto, é probábel que os gobernos opten polos seus métodos de eficacia probada, é dicir, impoñer a austeridade, restrinxindo o impulso fiscal para limitar o déficit e poñer un freo á débeda nacional, lidando cos custos mediante a redución do consumo obreiro a través de recortes nos gastos de benestar, incrementos de impostos e posiblemente contracción salarial.

 Estas políticas deben ter resistencia a calquera custo. A natureza extraordinaria da crise fai que sexa necesario manter o impulso á demanda e á oferta até que se logre estabilizar a actividade económica. O custo real dos recursos debería ser afrontado mediante incrementos no ingreso xerado a futuro, mentres se sosteñen o produto total e o emprego a través da intervención estatal.

 Parte dos custos tamén se deberían afrontar mediante o aumento dos impostos aos sectores máis ricos da poboación, incluíndo a aplicación de importantes impostos sobre o patrimonio. Para rematar, outra parte dos custos debería recaer sobre os acredores do capital de empréstito mediante a cancelación selectiva de débeda pública e privada en base a criterios sociais explícitos.

 A crise non é unha guerra e lidar cos seus custos non implica que se restrinxa o consumo obreiro. Foi inducida polas respostas estatais a unha emerxencia de saúde que se desenvolve nun capitalismo financeirizado debilitado. Os seus custos deberían ser pagados pola xente rica e polos acredores que se beneficiaron en maior medida deste sistema social enfermo. Tamén debería haber unha intervención pública sostida para reestruturar o lado da oferta.

 A debilidade da produción despois de anos de financeirización neoliberal require que se tomen medidas audaces que non se esgotan simplemente en oferecer crédito barato ás empresas privadas. Enfrontados coa pandemia, os gobernos tomaron medidas incríbeis ao nacionalizaren a masa salarial e as contas das empresas. É tempo de que tamén se nacionalice o capital das empresas intervindo sobre a propiedade e sobre os recursos produtivos.

 No tempo que vén, probabelmente asistiremos a unha vaga de crebas de empresas privadas atinxidas polas débedas. A cuestión da propiedade pública suscitada en termos colectivos e democráticos estará no centro da escena. Esta oportunidade debería ser aproveitada en conxunto cunha vaga de investimento público.

 O tecido produtivo debilitado podería ser renovado sentando as bases para unha produción ecolóxica e socialmente responsábel. Con este propósito será vital mellorar as capacidades financeiras e executivas das administracións locais e rexionais. Estas serían formas realmente radicais de abordar a crise da pandemia, inclinando ao mesmo tempo o balance social de forzas a favor da xente pobre e traballadora

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio Crisis, do 3 de decembro de 2020]