Canarga despide un delegado da CIG en represalia pola súa actividade sindical
A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia o despedimento dun dos delegados de persoal da empresa de obras públicas Canarga SL, en represalia pola súa intensa actividade en defensa dos dereitos do seus compañeiros. A central sindical ten convocada unha concentración para este mércores, 11 de marzo, ás 12:00 horas, diante do SMAC da Coruña (Mercado de Elviña, Avda. Salvador de Madariaga) coincidindo coa celebración do acto de conciliación polo despedimento.
O periplo de Luis comezou en 2018 tras ser elixido delegado do persoal pola CIG, sendo o máis votado entre os seus compañeiros e destacándose dende o primeiro momento pola súa defensa dos dereitos laborais e polo cumprimento do convenio colectivo. A raíz das súas demandas, a Inspección de Traballo interveu en numerosas ocasións polos incumprimentos reiterados da empresa (sobre todo en materia de xornada laboral), chegando a sancionala por este motivo.
"Nesas actuacións da Inspección, Luis foi unha figura clave, algo que a empresa entendeu dende o primeiro momento e polo que comezou a preparar unha estrataxema co obxectivo de conseguir o seu despedimento disciplinario", explica Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña. Un obxectivo que Canarga logrou a comezos deste ano tras abrirlle un expediente disciplinario cheo de falsidades e que, de feito, foi instruído por unha persoa á que a propia empresa tivo que destituír pola súa parcialidade.
Concentración tamén diante da empresa
Ademais da concentración no SMAC, a asemblea de traballadores decidiu tamén celebrar unha segunda protesta o mércores 11, ás 19:30 horas, diante das oficinas de Canarga (r/ Gambrinus 99, Polígono da Agrela), para denunciar publicamente a represión sindical que se vive nesta empresa e esixir a inmediata readmisión do compañeiro despedido. Así mesmo, a CIG non descarta continuar coas mobilizacións mentres non se produza a reincorporación do delegado despedido.