Campaña de recollida de sinaturas para exixir a Rueda o peche definitivo de Altri e a Mina de Touro

No escrito demándase ao Goberno galego que proceda á denegación definitiva e posterior arquivo de ambos proxectos
Nacional - 25 Mar 2026

As Plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro-O Pino Non presentaron esta mañá en Santiago unha campaña de recollida de sinaturas nunha carta dirixida directamente ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, para que no exercicio das súas competencias convoque un Consello da Xunta no que o Goberno galego proceda a denegar definitivamente e posteriormente arquivar o proxecto da macrocelulosa de Altri-Smarttia en Palas de Rei e o de Cobre San Rafael para a reapertura da Mina de Touro-O Pino.

» MODELO PARA SOLICITAR O PECHE DEFINITIVO DE ALTRI E A MINA DE TOURO

Segundo recolle o escrito ao presidente da Xunta, as plataformas denuncian que “os procedementos administrativos que se están a desenvolver pola Xunta a respecto do proxecto de celulosa de Altri non se axusta a dereito”. Sinalan que no procedemento relativo á solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), “esta tivo entrada na Xunta o 10 de novembro de 2023”. En aplicación do artigo 21 do Real Decreto Lexislativo 1/2016 do texto refundido da Lei de Prevención e Control Integrados da Contaminación, o prazo máximo para resolvela é de seis meses, transcorrido o cal debe entenderse desestimada por silencio administrativo se non se resolveu expresamente.

“Polo tanto, o que corresponde a estas alturas é que por parte da Xunta se resolva expresamente sobre o fondo da solicitude, desestimándoa, dado que os seis meses transcorreron en maio de 2024, e dado que segundo dixo publicamente a propia conselleira de Economía, “Altri quedou fóra da posibilidade de interconexión á rede de transporte”, algo que non é preciso que sexa ratificado en fase de alegacións pola empresa promotora.

No relativo á solicitude de concesión de augas tamén “foi superado con creces o prazo máximo legalmente previsto para a resolución e notificación”, polo que no escrito se exixe que “procede tamén a resolución desestimatoria deste, dada a inviabilidade material do proxecto invocada” pola propia Xunta de Galiza.

A campaña que hoxe comeza exixe ao presidente da Xunta de Galiza que “proceda a resolver en sentido desestimatorio, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto Gama, así como á revogación da declaración do mesmo como proxecto industrial estratéxico”.

Tamén demanda que a Xunta “desestime” a solicitude ou solicitudes relativas ao proxecto Cobre San Rafael, nos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.

Rematar os proxectos que afectan ao Ulla e a Arousa

O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, explicou na rolda de prensa o sentido desta campaña afirmando que “temos que Re-matar o Proxecto Gama, agora que o CEO de Altri insiste en que terán solución eléctrica para conseguir a Autorización Ambiental Integrada (AAI)”. Ademais, lembrou que foi a propia Xunta quen recorreu diante do MITECO a exclusión da macrocelulosa da planificación eléctrica e lembrou a sentencia do TSXG que “resolveu que os terreos onde se emprazaría o proxecto non recibiron a protección necesaria” por parte da Xunta.

Denunciou así mesmo que os informes da Unesco e Icomos sobre o impacto de Altri no Camiño de Santiago non se fan públicos “porque entendemos que non benefician ao proxecto e están ocultándose á poboación”. Diante diso lembrou á Xunta e ao Ministerio de Cultura que “teñen a obriga de comunicalos”.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, salientou que “foi a sociedade galega a que meteu a Altri nunha canella sen saída” en referencia ao rexeitamento e á mobilización social levada a cabo nestes anos contra o proxecto, e criticou que “a Xunta pretenda pechalo en falso, dándolle posibilidade dunha segunda vida”.

 Diante diso, Rubido lembrou que Altri e a Mina de Touro-O Pino “son dúas ameazas directas á Ría de Arousa e ao río Ulla” e demandou a participación social nesta campaña que hoxe comeza por medio de escritos dirixidos ao presidente da Xunta para que “de motu propio convoque o consello da Xunta que denegue estes proxectos, xa que é o único órgano competente para facelo”. Do contrario, Rubido asegurou que “seguiremos mobilizándonos e usaremos todos os medios ao noso alcance para facer realidade este desexo maioritario da sociedade galega”.

A voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, lembrou que en novembro de 2025 fixo un ano da exposición pública do proxecto da reapertura da mina “polo que excede con creces o prazo e queremos que se desestime xa”. Cancelo acusou á Xunta de “poñer trabas á veciñanza facendo leis a medida da empresa, Cobre San Rafael”. Asegurou que “queren esgotarnos pero non o van a conseguir” e puxo en valor que “estamos neste punto polas mobilizacións, non pola vontade da Xunta”. Por iso, avanzou que “nos mobilizaremos as veces que sexan necesarias” porque “unha mina a ceo aberto no medio das casas e preto do río Ulla é inviable”.

Acatar a sentencia do TSXG

As plataformas e colectivos lembraron ademais ao presidente da Xunta a recente sentenza nº 60/2026, da Sala Terceira, Sección segunda, do TSXG, de data 13 de febreiro que declarou a nulidade parcial da Orde de 4 de outubro de 2024, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se aproba a Estratexia galega da Infraestrutura verde a respecto dos terreos afectados polo proxecto de Altri que a Xunta de Galiza “desprotexeu” para favorecer á macrocelulosa sen informes técnicos que avalen esa decisión.

Destacan no escrito que o mantemento de dita protección “invalida de plano a DIA favorable emitida a respecto do proxecto Altri toda vez que a mesma non tivo en conta que tal proxecto se pretendía desenvolver sobre un espazo que definitivamente ten, en aplicación de desta sentenza, a consideración de área de amortecemento” cunha especial protección por motivos medioambientais”.

Diante deste demoledor pronunciamento do alto tribunal galego, as plataformas reclaman á Xunta que “resolva a modificación da aprobación da Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas e a publicación no Diario Oficial de Galiza da mesma trala modificación, mantendo, segundo determina a sentenza, a protección da tal e como figuraba antes do trámite de información pública e anulando a posterior corrección”.