
Campaña por unha atención digna á dependencia e a ante a grave situación dos Servizos de Axuda no Fogar

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Para reivindicar solucións e unha atención digna, iniciaron unha campaña informativa e de mobilizacións, cun chamado urxente a reverter a situación na que se atopa o Servizo de Axuda no Fogar.
Reclaman a xestión directa do SAF por parte da Xunta de Galiza, que se dote cos orzamentos e persoal suficiente para atender a enorme demanda que ten este servizo; que responda ás necesidades de apoio das persoas dependentes e as súas familias e que se garantan unhas condicións laborais e salariais dignas ao persoal.
Nas concentracións realizadas o pasado 27 de marzo diante dos Concellos de Arteixo, Monforte, Narón, O Carballiño, Ponteareas, Teo e Vilagarcía, sumáronse numerosas familias usuarias do SAF que amosaron o seu malestar pola precariedade destes servizos -na maioría dos municipios, en mans de empresas privadas- ou polos tempos de espera nas resolucións da dependencia e o cobro das prestacións.
Sistema Público
O colectivo entende que son necesarios cambios radicais nas políticas de atención á dependencia e que se poña en marcha un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que englobe todos os recursos públicos, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar, con financiamento suficiente, cun acceso equitativo e condicións laborais xustas para as persoas traballadoras.
As concentracións repetiranse o terceiro xoves de abril e maio, en cada ocasión en municipios diferentes, e tamén se van solicitar reunións cos Concellos para instalos a sumárense a esta reivindicación por un SAF de calidade xestionado directamente pola Xunta.