A CIG lanza unha campaña para desmontar as mentiras da Xunta e a patronal sobre as baixas laborais
Baixo o lema “O absentismo non é un problema, é un síntoma”, a CIG ten en marcha unha campaña informativa e de mobilizacións para desmontar as mentiras coas que a patronal e o Goberno galego pretenden responsabilizar a clase traballadora do absentismo, criminalizando as ausencias e buscando culpabilizar as persoas traballadoras por enfermar.
No marco desta campaña, a CIG ten convocadas mobilizacións o vindeiro 16 de abril diante de edificios administrativos da Xunta en máis dunha ducia de cidades e vilas, que irán precedidas de asembleas de persoas delegadas para abordar esta cuestión.
O propio presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, aproveitou o debate sobre o estado da nación para elevar a primeiro plano o absentismo como unha fraude, “evidenciando de maneira descarada o seu papel de axente da patronal, negando a saúde como un dereito e facendo da enfermidade un delito”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario Confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, advertiron que o obxectivo deste tipo de mensaxes é presentar o absentismo como un problema que eleva os custes económicos e prexudica as empresas, “para así xustificar medidas coas que recortar dereitos, empeorar as condicións de traballo, deteriorar a saúde laboral das persoas traballadoras e privatizar a sanidade pública coa promoción das mutuas”. Ao tempo, estes discursos buscan entorpecer calquera reivindicación relativa á redución de xornada ou avanzar na conciliación e as licencias retribuídas.
Porén, criticaron, nin a Xunta nin a patronal analizan que as causas deste absentismo radican no propio modelo do mercado de traballo (poboación avellentada, atraso da idade de xubilación, carreiras laborais longas e duras, xornadas laborais prolongadas) e no desmantelamento planificado da sanidade pública.
Unha de catro persoas traballadoras ten máis de 55 anos
Para contextualizar as cifras das baixas, o secretario xeral da CIG lembrou que en Galiza a porcentaxe de poboación ocupada con máis de 55 anos elevouse 9,3 puntos en 10 anos, polo que unha de cada catro persoas traballadoras supera esa idade. “Estamos ante unha forza de traballo máis envellecida, con maior desgaste físico acumulado e máis dificultades de recuperación”, aseverou.
Un fenómeno consecuencia directa das políticas que atrasan a xubilación e obrigan a prolongar a vida laboral en condición cada vez máis duras, tales como a reforma das pensións do ano 2010 que elevou a idade de xubilación aos 67 anos.
“Hai persoas que se están xubilando incluso despois desa idade, porque ademais nestes últimos anos dificultouse o recoñecemento de coeficientes redutores e a posibilidade de xubilarse de maneira anticipada ou parcial, penalizando as contías das pensións e condenando as persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral”, engadiu González Sío.
A isto súmase que a xornada laboral no Estado español supera a media europea e mentres noutros países se aposta por reducir o número de horas traballadas e mellorar a conciliación, “aquí mantéñense horarios máis longos que incrementan o desgaste físico e mental. Máis horas de traballo implican menos descanso, peor recuperación e maior probabilidade de enfermidade”, aseverou.
Aumentan as listas de agarda para cirurxías e consultas
De xeito paralelo, asistimos a un sistemático e progresivo desmantelamento do sistema sanitario público por parte do PP na Xunta de Galiza, cunhas listas de agardas cirúrxicas que aumentaron 12,6 días en seis anos, mentres que as de consulta externas xa están de media nos 19,3 días, o que atrasa diagnósticos e tratamentos.
“Permanécese máis tempo de baixa non por vontade das persoas traballadoras, senón polas ineficacias dun sistema sanitario debilitado polos recortes”, criticou Paulo Carril. De feito, a media de días de baixa por continxencias comúns en Galiza é 33,7 días superior á do Estado español. Un dato demoledor que desmonta o relato da patronal e que deixa en evidencia que no noso país hai peores condicións para recuperarse. “Responsabilizar a clase traballadora desta situación é mesquiño e unha manipulación intolerábel e interesada que busca ocultar responsabilidades políticas”, afirmou Carril.
A consecuencia lóxica de todos estes factores é o incremento do gasto en incapacidade temporal. A patronal pretende utilizar estas cifras para xustificar recortes de dereitos e pór en cuestión a sustentabilidade do sistema público de pensións, cando debera actuarse sobre as súas causas: mellorar a sanidade pública, reducir a carga de traballo e adiantar a idade de xubilación.
No relativo á produtividade, Carril e Sío chamaron a atención sobre o incremento constante desta por posto de traballo e por hora, o que significa que cada vez se produce máis coa mesma ou menor forza de traballo, “a base de intensificar os ritmos, aumentar a presión e a carga laboral. É dicir, máis explotación”.
A este respecto, o secretario de Negociación Colectiva salientou que a estrutura dos sectores produtivos galegos, baseada na man de obra e no traballo intensivo, cun gran esforzo físico, “conleva que haxa un gran número de persoas que acoden a traballar enfermas ou que se lesionen e se poñan de baixa por continxencias comúns cando deberían estalo por continxencias profesionais, que non se recoñecen como tal”.
Por iso, Sío lamentou que o presidente da Xunta “faga de voceiro das reivindicacións patronais en lugar de preocuparse por garantir que os traballadores e traballadoras teñan lugares de traballo seguros, nos que se vele pola seguridade e a saúde e nos que ir traballar non signifique enfermar ou lesionarse”.
Ampliar as competencias das mutuas
No seu discurso, Rueda centrou o foco ademais nas saúde mental -un ámbito que está especialmente abandonado na sanidade pública galega-; e nas doenzas músculo-esqueléticas, na liña do V acordo estatal de negociación colectiva pactado no diálogo social e que se incorporou no acordo de pensións de 2024, que contempla a ampliación das competencias das mutuas para que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas destas enfermidades.
Esta xestión materializaríase a través da subscrición de convenios de colaboración entre o INSS, as autonomías que teñen transferidas as competencias de sanidade e as mutuas, para que estas axencias (que operan con criterios exclusivamente economicistas) xestionen as probas diagnósticas, os tratamentos terapéuticos e rehabilitadores nos procesos das doenzas músculo-esqueléticas.
“A CIG ten denunciando en diversas ocasións que estas medidas neoliberais e lesivas para a clase traballadora que se aproban no Estado, postas en mans de gobernos como o do Partido Popular en Galiza son auténtica munición que multiplica os seus efectos negativos”, alertou o secretario xeral. E por iso, ante as declaracións da Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aconselloulle que “as súas primeiras actuacións tendentes a ilegalizar accións deberan dirixirse contra outros ministerios, concretamente o de Seguridade Social, por darlle realidade a este tipo de medidas”.