Campaña da CIG-Ensino para retirar os nomes franquistas dos centros educativos
A CIG-Ensino vén de pór en marcha a campaña para retirar os nomes franquistas dos centros educativos galegos. Con este motivo acaba de remitir un escrito ao conselleiro e aos grupos políticos do Parlamento, así como a diferentes concellos afectados para exixir esta reparación da memoria democrática.
A CIG-Ensino vén de pór en marcha unha campaña para instar ás diferentes administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista.
A central sindical púxose xa en contacto cos centros e administracións respectivas para instalas a comezar os trámites cara o cambio dos nomes en diferentes centros do país, entre os que se atopan o CEIP Salgado Torres, o CEIP Sal Lence e o CEIP Sanjurjo de Carricarte, os tres da cidade da Coruña. No mesmo concello mais dependentes da Deputación están tamén o IES Puga Ramón e o Fogar Infantil Emilio Romay.
Outros centros son o CEIP Eugenio López de Cee, o CEIP Manuel Fraga de Cariño, o CEIP Celso Currás López de Trabada, o CPI Luís Díaz Moreno, o IES Santiago Basanta de Vilalba ou o CEIP Calvo Sotelo do Carballiño. Existen dous CEIP que recoñecen no seu nome ao empresario Pedro Barrié de la Maza, en Sada e en Santa Comba e na mesma liña o CEIP Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras.
A CIG-Ensino entende que sería oportuno que a Xunta se dotase dunha comisión independente de persoas expertas en memoria democrática para resolver dúbidas que se poidan dar nestes e noutros centros e así llo transmitiu ao conselleiro de Educación.
A central sindical considera que debe ser esta Consellaría, dado o papel central que ten no trámite de cambio de nome, quen tome a iniciativa nesta actuación. Por este motivo tamén se lle trasladou ao conselleiro que nos novos regulamentos orgánicos dos centros educativos (ROC), en vías de reforma, se recolla expresamente que na denominación dos centros ten que cumprirse a lei de memoria histórica.
A CIG-Ensino tamén se dirixiu aos grupos parlamentares para que fagan valer a declaración institucional aprobada por unanimidade no Parlamento Galego que en 2016 chama a “eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. Cinco anos despois, como se salienta con esta campaña, aínda permanece a negra sombra so franquismo nos nomes de varios centros educativos do país.