Camareiras de piso mobilízanse diante do Hotel Xelmírez en demanda de condicións laborais dignas
Camareiras de piso concentráronse esta tarde en Compostela, diante do Hostel Xelmírez para demandar a readmisión dunha compañeira despedida do Hotel Exe Área Central, onde prestaba servizos a través da subcontrata Grupo Constant. Na mobilización, convocada pola CIG-Servizos, demandouse tamén que pasen a se rexer polo convenio de Hostalería, para rematar coa situación de explotación que sofren estas traballadoras da limpeza dos hoteis da capital de Galiza.
A CIG-Servizos lembra que a traballadora foi despedida como represalia por ter participado en mobilizacións pola defensa dos seus dereitos e por ter estado de baixa uns días antes de que se lle comunicara esa decisión. Por iso reiterou a súa demanda de que as cadeas, hoteis e empresas de alugueiro de pisos turísticos que están a traballar con empresas subcontratadas para prestar o servizo de limpeza nos seus establecementos, asuman a este persoal nos seus cadros de persoal con aplicación do convenio provincial de hostalería como corresponde.
Para a CIG-Servizos é intolerable a situación de explotación que padecen estas traballadoras xa que esas empresas veñen aplicando condicións salariais, laborais e sociais moi inferiores ó establecido nese convenio, traballando en ocasións a "destajo", cobrando unha cantidade por habitación que limpan. Unha práctica “propia do século XIX”, denuncian.
Xunto a isto exixe que os salarios e condicións laborais sexan as do convenio e rexeitan que se fale da necesidade de regular as condicións laborais deste colectivo, porque xa están reguladas no convenio provincial. “Son as empresas hoteleiras as responsables de que ese se aplique, e se non o fan, son culpables”.
Denuncian ademais que as administracións públicas con competencias en materia de turismo venden continuamente o medre dos resultados desa actividade (máis turistas, máis gasto...) e que porén, “miran para outro lado ante unha explotación tan evidente”.