Calvo pretende pechar a Conserveira de Esteiro S.A. poñendo en perigo 300 postos de traballo
Calvo ten a pretensión de pechar a Conserveira de Esteiro S.A. Unha decisión para a que a empresa alega causas económicas, organizativas e produtivas que a CIG entende que non ten xustificación algunha e que pon en xogo 300 postos de traballo entre directos e indirectos.
O grupo Calvo ofrece reubicar ao persoal fixo-discontinuo no centro de Carballo. Porén perderíanse todos os postos de traballo eventuais. Ademais non se ten en conta que se estaría obrigando a traballadoras/es dunha media de idade que supera os 50 anos a facer unha viaxe diaria de ida e volta de hora e media para ir traballar a 70 quilómetros de distancia por estrada e por monte. Un periplo que a CIG calcula que podería facer un grupo de non máis de 40 traballadores/as.
Para a CIG a pretensión da empresa de pechar estas instalacións ten como único obxectivo centralizar todo en Carballo provocando, con esta decisión, que a única empresa importante que hai en todo a zona de Muros e Noia, na que o 90% do cadro de persoal son mulleres, desapareza.
Teresa Vidal, da CIG das Rías, advirte das graves consecuencias que isto tería para unha zona economicamente deprimida como esta que vive do marisqueo, da conserveira e, no caso de Muros da pesca artesanal.
A representante da CIG, que subliña que os concellos máis afectados serán Carnota, Muros, Serra de Outes e Noia, considera que detrás desta decisión do Grupo Calvo agóchase a pretensión de que as traballadoras/es acaben por acollerse a baixas incentivadas, porque vai ser moi difícil que soporten saír as catro da madrugada para comezar a traballar ás 6:00, cunha hora e media de viaxe de ida e outro tanto de volta.
Sen xustificación algunha
A CIG asegura que non existen nin razóns económicas, nin produtivas, nin organizativas que xustifiquen esta decisión. Malia chamarse “Conservera de Esteiro S.A” o seu único accionista é Luís Calvo Sanz S.A, sociedade cabeceira do grupo
Practicamente a totalidade das compras e vendas da empresa se realizan con outras sociedades do grupo, sobre todo con Calvo Conservas S.L.U. e mesmo unha parte importante dos outros gastos de explotación e a totalidade dos gastos financeiros son con sociedades vencelladas. Ademais, utiliza un sistema centralizado de tesourería.
Por iso “analizar a situación económica de Conservera Esteiro S.A. iladamente deste contexto é un completo e absoluto artificio”, explica Teresa Vidal.
A representante da CIG subliña que “non podemos asumir como causas ‘obxectivas’ o que son simples decisións ‘subxectivas’ da dirección do grupo. Ampliar os xa millonarios beneficios actuais, ou en definitiva, incrementar a riqueza persoal dos propietarios do grupo, pode ser unha aspiración “lícita”, pero non consideramos que encaixe dentro das causas económicas, produtivas e organizativas previstas polo lexislador para casos como o que nos ocupa”.
O departamento de Economía da CIG fixo un estudo no que se sinala que chama poderosamente a atención que nas 104 páxinas do informe técnico de experto “independente” presentado pola empresa non se faga nin unha soa mención ás contas consolidadas do grupo. Tamén que nin sequera se facilitaran aos representantes dos traballadores.
A conclusión que se tira é que isto se fixo así foi porque “a situación do grupo (ese que controla vendas, compras, impostos e até a caixa de CONSERVERA DE ESTEIRO S.A.) desminte contundentemente a ficción dunha realidade obxectiva que xustifique medidas lesivas para os traballadores”.
As contas
Así no estudo realizado polo Departamento económico da CIG sublílñase que:
- No último exercicio (2016), a cifra de negocios do grupo ascendeu a 575.353.769 euros, case un 5% máis que no exercicio precedente.
- Os beneficios finais (isto é, despois mesmo de impostos) ascenderon a 31.273.281 euros, case triplicando (+175%) os xa importantes beneficios do exercicio precedente (11.369.022 €).
- A sociedade dominante do grupo (LUIS CALVO SANZ S.A.), atribúese 24.240.374 € de beneficios, destinando a dividendos (ou sexa, distribuíndo aos socios) 15.636.641 € e deixando só 8.603.733 € en reservas voluntarias (isto é, “reinvestindo” no grupo apenas un terzo dos beneficios, mentres que os dous terzos restantes marcharon para o peto dos accionistas). En 2015 xa viñan de repartir dividendos por valor de 5.684.505 € (p. 13, CCAA consolidadas 2016)
A isto engade que o consello de administración da sociedade dominante incrementou as súas remuneracións no último exercicio nun 7,3%.
Diante de todo isto conclúe que “esta é unha realidade que non casaba ben con aquela que se quería recrear e, por iso, nin se entregaron as contas consolidadas nin se fixo mención a elas no informe do experto independente”.
Con todo, segundo o borrador da acta de 11/10/2017, a propia Deloitte explica que “se ha analizado la política de precios de transferencia. Se establece precio de materia prima más margen. Y se modifican precios conforme a la fluctuación de los precios de materias primas”.
Isto, segundo o gabinete de Economía da CIG significa que a marxe de CONSERVERA DE ESTEIRO S.A. é decidida polo grupo, o que polo tanto vai determinar tamén os seus resultados. “Curioso que, neste contexto, Deloitte pretenda no entanto utilizar a caída da marxe e o consecuente incremento do peso dos gastos de persoal sobre este indicador (non sobre vendas, p. ex.) como un dos argumentos estrela do seu informe”, conclúe.