Caetano Fórmula Galicia SL comunica o despedimento de todo o persoal de Caeiro Ribeira un mes despois de adquirila
Caetano Fórmula Galicia S.L, con centros de traballo en Pontevedra, Vilagarcía, Lugo e A Estrada, tanto de Dacia como de Renault en Galiza, adquiriu o pasado día 6 de novembro M. Caeiro S.A., con centros de traballo en Ferrol, Coruña, Santiago e Ribeira.
A nova empresa subrogou inicialmente a todo o persoal. Porén, desde aquela xa comezou a facer despedimentos en todos os centros de traballo e vén de comunicar ao persoal de Ribeira o peche das instalacións para o vindeiro día 13 de decembro.
Caetano acompañou ademais esta comunicación dunha carta de despedimento para os 7 traballadores e traballadoras deste centro, sen darlle a posibilidade de ser recolocados en calquera dos outros centros de traballo que posúe esta empresa na actualidade.
Diante desta situación, a CIG anuncia que se desenvolverá un calendario de mobilizacións contra o peche destas instalacións e os despedimentos, exixindo ademais, a recolocación deste persoal nos centros de traballo máis próximos que teña a empresa.
Para a CIG non está xustificado este peche e loitará en defensa de todos os postos de traballo.