Caeiro terá que readmitir ao traballador despedido por ser candidato da CIG nas eleccións sindicais
O xulgado do Social nº 4 de Santiago de Compostela vén de declarar nulo o despedimento dun traballador de M. Caeiro S.A. por ser candidato da CIG nas eleccións sindicais. A empresa terá que readmitilo, aboarlle os salarios de tramitación e recoñecerlle a súa condición de delegado sindical. A CIG-Industria denuncia que “esta non é a primeira vez que a empresa recorre a presións ou represalias para impedir que saian elixidos os representantes da CIG, a favor de UGT”.
O traballador, que prestaba os seus servizos no centro de traballo que M. Caeiro S.A. ten en Ribeira, recibiu, o 19 de decembro de 2019, a comunicación de despedimento disciplinario. Unha comunicación que se produciu, casualmente, o día seguinte de ser proposto pola CIG como candidato a delegado de persoal nas eleccións que estaba previsto celebrar en xaneiro de 2020.
A proposta foi presentada nunha asemblea de traballadores/as que se celebrou ese mesmo día, na que ademais se acordou que todos os traballadores e traballadoras se postularan como candidatos/as para evitar así posibles represalias por parte da empresa. Porén a empresa, a través doutro traballador, soubo quen formaba parte da candidatura e tan só tardou un día en despedir o candidato, de forma fulminante.
Malia isto, mantívose a candidatura e o persoal elixiu a este traballador como o seu representante nas eleccións sindicais celebradas o día 21 de xaneiro. Un resultado que foi impugnando pola empresa “por falta de lexitimación”, precisamente por estar despedido.
O día 30 de xaneiro ditouse Laudo Arbitral desestimando a impugnación de Caeiro, confirmando a validez do proceso electoral e ao candidato proposto pola CIG como delegado de persoal.
Vulneración da liberdade sindical
A sentenza considera todos estes aspectos como feitos probados; que o despedimento é nulo e que “obedece a unha represalia por ter sido proposto como candidato a delegado de persoal” pola CIG, o que entende que constitúe “unha transgresión do dereito á liberdade sindical do traballador”.
Sinala ademais que na carta de despedimento disciplinario “non se recolle, nin de maneira xenérica, nin de ningunha outra, a causa ou motivo que dá lugar ao despedimento”. Xunto a isto mesmo engade que “unha cousa é que a carta de despedimento sexa vaga ou imprecisa, o cal sería obxecto de valoración no acto de xuízo, e outra moi distinta é que a empresa nin tan sequera se digne a expresar causa algunha, tan só proceda a reproducir un precepto legal”.
Por iso conclúe que cando a empresa fai entrega da carta de despedimento “carece de causa ou motivo para extinguir a relación laboral” e o declara nulo “ao haber indicios racionais de represalia por parte da empresa ante o libre exercicio do dereito fundamental á liberdade sindical do traballador”.