Cada vez menos persoal quere traballar en Política Social polas precarias condicións laborais
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar a situación de deterioro do servizo público de Benestar dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galiza. Asegura que desde 2012, o goberno do PP deteriorou tanto as condicións laborais que cada vez menos persoal quere traballar en atención directa.
En concreto sinala a eliminación de cuestións básicas para o persoal como librar 2 días seguidos á semana; librar fins de semanas alternas; compensar en tempo o traballo en festivos e domingos ou conciliar a vida laboral e familiar xa que, por sistema, a Consellería de Política Social denega todas as conciliacións que se solicitan.
Asegura que como consecuencia “cada vez menos persoal de asistencia directa (ATS/DUE, Aux. Clínica) quere traballar na consellería” e opta por traballar no SERGAS, onde goza de mellores condicións, tanto económicas como laborais.
Interinidade de máis do 50%
A CIG-Autonómica afirma que esta política de persoal leva a que a porcentaxe de interinidade supere o 50% e provoca que os centros, a día de hoxe, estean a servizos mínimos co persoal sobresaturado de traballo e os índices de accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional chegaron a rateos nunca vistos.
A consellería de política social é na que máis accidentes de traballo e enfermidades profesionais hai en toda a Xunta de Galiza, incluído o servizo de defensa contra incendios forestais
Esta situación leva a que, por exemplo, nas listas contratación de ATS/DUE non existan apenas persoas que queiran traballar para a Consellería de Política Social:
- A Coruña: 43 persoas apuntadas ás listas = 1 persoa disposta a traballar
- Lugo: 22 persoas apuntadas ás listas = 1 persoa disposta a traballar
- Ourense: 15 persoas apuntadas ás listas = 0 persoa disposta a traballar
- Pontevedra: 38 persoas apuntadas ás listas = 2 persoa disposta a traballar
Denegación de permisos
A CIG-Autonómica denuncia que diante deste panorama a consellería de Política Social está a denegar permisos e vacacións ás traballadoras e traballadores coa escusa de que non hai persoal para cubrir as prazas.
Fronte a isto, asegura que “a realidade é que ninguén quere traballar nesta consellaría con estas condicións de explotación” e denuncia a connivencia de CCOO e UGT que “asinan acordos lesivos totalmente para o persoal e que por riba se permiten o luxo de afirmar que todo está arreglado cando o persoal segue a mínimos”.
Recuperación de dereitos
Por iso a CIG exixe a inmediata recuperación de todos os dereitos roubados ao persoal durante os derradeiros anos de goberno do Partido Popular de Feijoo e a inmediata destitución ou cese do Subdirector de Persoal da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Eduardo Mato, “xa que a súa incompetencia e prepotencia levounos a esta situación, a día de hoxe insostible”.