Cada nova persoa afiliada á Seguridade Social asinou unha media de 13,4 contratos de traballo no mes de marzo
Segundo os datos de paro rexistrado, en Galiza descendeu o número de persoas desempregadas, en conxunto, en 3.471 persoas. Un 1,48% menos respecto do mes anterior, quedando a cifra total de persoas desempregadas en 231.797.
Este descenso, que se corresponde coa baixada de paro estacional, e que neste mes de marzo viu propiciado ademais polas contratacións de Semana Santa, foi con todo inferior ao que se produciu en 2015.
Onde máis baixou o paro foi, xa que logo, no Sector Servizos, onde o descenso foi do 1,82; na Construción o 1,65 e 0,27 en Industria. En todos os sectores e a nivel global o descenso foi inferior ao do ano pasado. De feito en marzo de 2015 o paro baixara en Industria o 2,8%; en Construción un 3,7% e en Servizos un 1,8%.
Afiliación á Seguridade Social
Resulta rechamante que o incremento á Seguridade Social –que suma, en total, 940.548) fora de 5.012 persoas (0,5% mensual) , pero o descenso do paro se quedara en tan só as 3.400. A CIG considera que esta disparidade de datos débese a que preto de 1.500 persoas das que cursaron alta na S.S. non estaban rexistradas como demandantes nos servizos públicos de emprego. Un feito que avalaría as reservas que a central sindical vén amosando respecto dos datos rexistrados, xa que efectivamente, segundo isto, non contemplarían a todas as persoas que están realmente desempregadas e que buscan un posto de traballo en Galiza.
Rexistráronse ademais 67.188 contratos, a maioría deles temporais – segundo os datos de escasísima duración- e só un 9,2% de indefinidos que se teñen que repartir esas 5.012 persoas que cursaron alta na Seguridade Social, o que dá unha media de 13,4 contratos por cada nova persoa afiliada nun mes.
Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego, responsabiliza desta situación ás sucesivas reformas laborais que, “non resolveron o tema do desemprego, moi o contrario o que fixeron foi precarizar máis as condicións laborais dos traballadores e traballadoras galegas”.
Entende que “isto agudiza aínda máis as diferenzas entre traballadores/as precarizados e aqueles que teñen un emprego estábel e demostra que neste intre, con este tipo de contratos, ter traballo non garante unha vida digna”.
Segue baixando a porcentaxe de cobertura
Segue caendo a porcentaxe de cobertura xa que só o 48,2% das persoas desempregadas reciben algún tipo de prestación. Un punto menos que no mes anterior. Se a maior parte das persoas que atopan traballo o fan con contratos por horas ou por días sumar ata acadar o tempo suficiente para ter dereito a unha prestación é aínda máis complicado. Isto ligado ao incremento das persoas desempregadas de longa duración, segundo os últimos datos da EPA, ofrece un panorama desolador e dá unha idea de até que punto hai un risco real de exclusión social, cada vez maior en Galiza.