Cabazas para o conselleiro de Educación para simbolizar o seu suspenso por aplicar as reválidas
Anxo Louzao, en representación da PGDEP, lamentou que o conselleiro de Educación continúe “empeñado e obsesionado con levar adiante as reválidas malia que a inmensa maioría da comunidade escolar está en contra”. Neste sentido insistiu en que “máis do 80 por cento das familias decidiu non enviar os seus fillos e fillas a facer as probas o curso pasado”.
Louzao lamentou que o Goberno manteña o calendario de aplicación da LOMCE, que supón a implantación agora das reválidas de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. LembroU que neste curso a de 2º de Bacharelato vai ser fundamental para o acceso á Universidade e que no o 2018 xa van ter valor académico. “A Consellaría de Educación tense que por á fronte da sociedade galega que está rexeitando as reválidas. Non podemos consentir que se continúe con esta irresponsabilidade, con este desatino e con esta vasalaxe e submisión permanente ao Goberno central, cando a maioría da sociedade e das familias están en contra”, insistiu Anxo Louzao que tamén subliñou que neste momento a maioría das administracións educativas xa tomaron posición en contra destas probas, mentres que conselleiro de Educación o único que fixo foi, en campaña electoral, solicitarlle ao Ministerio que as reválidas de 4º da ESO sexan só de diagnóstico e que non teñan valor académico.
A PGDEP anunciou que continuará coas mobilizacións coa firme vontade de conseguir derrogar a LOMCE e as reválidas por tratarse dunha lei lesiva, “centralizadora e españolizadora do sistema educativo” que ademais “desvalorizadora do labor docente”.
Accións que se van realizar
A PGDEP continuará coa recollida de sinaturas contra a LOMCE e as reválidas e con charlas informativas nos centros. Xunto a isto, presentará mocións nos concellos e solicitará entrevistas cos grupos parlamentarios, ademais de accións concretas nas redes sociais.
O día 20 de outubro, a PGDEP convoca concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dun referendo convocado por ERGUER –que forma parte da PGDEP- ao que está chamado a participar o alumnado de diversos centros do país. Pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema “Nin reválidas nin LOMCE” e o 26 a PGDEP apoiará o estudantado na seu paro contra a LOMCE.