Bugallo comprométese a xestionar coa dirección de Monbus a subrogación dos condutores da liña do aeroporto
Os condutores da liña de transporte de Santiago ao aeroporto, despedidos o pasado 23 de decembro, reuníronse esta mañá con representantes dos catro grupos municipais para trasladar o contido das sentenzas e aclarar como o concello tiña previsto concretar, na práctica, o acordo plenario de mediar para que TRALUSA procedera á súa subrogación.
Segundo explica Nacho Pavón, os traballadores decidiron solicitar esta xuntanza con carácter de urxencia, -á que asistiron, o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, do PSOE, Alejandro Sánchez Brunete, do PP, Jorge Duarte, de Compostela Aberta e Goretti Sanmartín, do BNG- á vista da decisión de TRALUSA de optar pola indemnización e non a subrogación, a pesar da rotundidade xurídica das sentenzas.
Nesta xuntanza o Concelleiro de Mobilidade comunicou que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, fará as xestións necesarias co Grupo Monbus, ao que pertence TRALUSA, para conseguir a súa subrogación.
Ademais, os catro grupos reafirmaron o seu apoio ao persoal e na propia reunión acordouse que o concello, logo de consultalo cos servizos xurídicos, comunicará por escrito a TRALUSA que non se fará cargo das indemnizacións.
Segundo explica o representante da CIG de Compostela, Nacho Pavón, o persoal trasladou o contido das sentenzas e pediu que se fixeran realmente as xestións comprometidas. “De nada valen as declaracións institucionais se logo non se concretan en nada”.
Nese sentido lembra que houbo varias xuntanzas co concello nas que este se comprometera a mediar co Consello Galego de Relacións Laborais para solucionar o conflito antes de celebrarse os xuízos, mais que “nunca se soubo nin informaron de que chegaran a facer algunha xestión”.
Indemnizacións que van a cargo das veciñas e veciños de Santiago
Pavón sinala que TRALUSA non ten agora mesmo un contrato en vigor e que as prórrogas remataron xa en 2015, porque desde aquela non se sacou a nova licitación polo que non hai maneira de asignar unha partida.
“Isto implica que a principios de ano a empresa envía un orzamento do que vai gastar. Ao final de ano fan a liquidación cos gastos reais, que sempre lle dá a perder ao concello. Aí meterían o custo das indemnizacións como gastos de persoal, polo que acabarían sendo as veciñas e veciños de Santiago quen as pagaran”.
Por iso lamenta "que non se subrogara cando había que facelo e agora, cando hai sentenzas que din que si debían de telos subrogado se opte pola indemnización, co que non están só deixando na rúa aos traballadores, senón lavándolle a cara ao concello", xa que "foi o concello co seu acordo de Xunta de Goberno de 18 de decembro quen abriu a porta este despropósito", engadiu.
Manifestación o día 11
O colectivo de afectados fíxolle entrega aos representantes municipais dunha copia da solicitude de mediación no AGA á que se convocou a TRALUSA, que aínda non aclarou se aceptará, e á que convidaron ao concello a asistir , como parte interesada.
Ademais tamén se rexistrou o pasado martes unha solicitude de xuntanza co alcalde compostelán, da que aínda non teñen resposta.
Xunto a isto anunciaron a convocatoria dunha manifestación que terá lugar o vindeiro martes, día 11 de maio, ás 11:00 horas, con saída da Igrexa do Pilar, a carón da Alameda e remate na Praza do Obradoiro.