Brutalidade imperial e despoxo colonial

Luismi Uharte - 16 Xan 2026

A agresión militar contra Venezuela e o secuestro do seu presidente o pasado 3 de xaneiro supuxeron outro salto cualitativo na política de Estados Unidos de asedio e derriba contra o país caribeño, mostrando descarnadamente a brutalidade imperial do goberno de Trump

Neste momento, é importante pór o foco central de análise na política imperialista e no seu obxectivo de despoxo colonial e non se desviar cara a outros debates (traizóns, conspiracións…) sobre os que non se dispón de suficiente información e que son máis propios de especulacións de taberna que do rigor analítico.

O momento

 Por que agora? Hai que situar o ataque e secuestro do 3 de xaneiro dentro dunha secuencia longa de máis dunha década que ten como obxectivo o derrocamento do goberno venezolano. En certa medida replica outras experiencias históricas nas que tras anos de políticas de asfixia se xeran as condicións para a caída dun réxime (o caso do Iraq de Saddam Hussein é paradigmático).

 Non hai que esquecer que tras a morte de Chávez en 2013 e en época de Obama, Washington dá un salto cualitativo na súa política contra Venezuela e promove un plan para destruír a economía venezolana, declarándolle a guerra económica a través dun bloqueo (comercial, financeiro) similar ao que sofre Cuba, como xa sinalou hai anos Pasqualina Curcio.

 Un plan que en gran medida tivo éxito e que provocou un éxodo masivo de millóns de persoas cara a diferentes países do continente, ademais de destruír substancialmente as bases materiais do país. Nos últimos meses a estratexia radicalizouse co despregamento naval e militar máis grande das últimas décadas no Caribe e o bloqueo e secuestro de barcos con cru venezolano.

 Por tanto, dábanse as condicións obxectivas (destrución das bases materiais) e subxectivas (cansazo e esgotamento de amplas franxas da poboación polas carencias da cotiandade) para unha agresión deste calibre.

 Un tema sumamente complexo de avaliar en termos político-militares é o operativo militar do día D (tanto na súa preparación sobre o terreo como no seu desenvolvemento) xa que dá pé a moitas interpretacións e abona a guerra psicolóxica. De calquera xeito, en primeira instancia é fundamental non menosprezar a capacidade da principal potencia militar do planeta, tanto na súa vertente material como en termos de intelixencia militar. A súa superioridade fronte á dun país do Sur é abafadora e é determinante na real politik.

 Paralelamente, Venezuela evidenciou a súa debilidade neste terreo, non só no material (onde a diferenza é abismal) senón, sobre todo, en materia de contraintelixencia, ao non detectar a infiltración da CIA desde hai tempo.

 A isto hai que engadir a variábel da «traizón», imponderábel neste momento, pero sen dúbida un factor ineludíbel na ecuación. Respecto disto último, hai que lembrar a importante recompensa de 50 millóns de dólares ofrecida polo Departamento de Estado por «información conducente ao arresto» de Nicolás Maduro.

Obxectivo estratéxico

 Así e todo, o éxito da operación haino que relativizar, xa que non podemos esquecer que o obxectivo estratéxico de Washington é o cambio de réxime e a imposición dun novo réxime servil aos intereses económicos e xeopolíticos dos EUA no continente, eufemisticamente categorizados como «doutrina de Seguridade Nacional».

 Un novo réxime que garanta non só o acceso á maior reserva petroleira do mundo senón tamén a unha serie de minerais estratéxicos abundantes no país (ouro, diamantes, bauxita, cobre, níquel, titanio, coltán…) e moi cobizados na actual fase de disputa global polo liderado económico e tecnolóxico. A isto hai que engadir tamén as cada vez máis demandas ‘terras raras’.

 A Casa Branca non logrou polo de agora o seu obxectivo estratéxico e isto débese á combinación de diversos factores. Por unha banda, o imperialismo convive co paradoxo de provocar unha migración masiva que expulsou do país a unha porcentaxe substancial da base social da oposición de dereitas.

 Paralelamente, a fragmentación ao interior da oposición é unha constante dos últimos anos. En contraposición, o movemento bolivariano segue a manter unha estrutura política forte, ampla e unida, tanto nos postos de liderado como nas bases.

 A sintonía discursiva, poucas horas despois da agresión e do secuestro, da vicepresidenta (Delcy Rodríguez), o ministro de Defensa (Vladimir Padriño) e o ministro do Interior (Diosdado Cabello), foi fundamental para transmitir unha imaxe de unidade nese momento crítico.

 Á súa vez, as Forzas Armadas, manteñen a súa lealdade ao goberno e ao Estado e continúan sendo un actor decisivo para garantir o actual statu quo.

 Ademais, millóns de persoas foron adestradas nas milicias bolivarianas durante as dúas últimas décadas, baixo o concepto da «guerra de todo o pobo», o cal os converteu nun axente chave na política de defensa do país.

 En consecuencia, un escenario de goberno «sipaio» ou de invasión permanente podería provocar un caos pouco funcional aos negocios das transnacionais ianquis. Unha cousa é unha «agresión cirúrxica» e outra moi distinta un cambio de réxime pola forza que esixa tropas para garantir a gobernanza imperial.

Posíbeis escenarios

 Resulta complexo predicir que ocorrerá a curto e medio prazo porque hai moitas variábeis en xogo e algunhas moi volátiles. De calquera xeito, as pretensións da actual administración estadounidense son diversas. Por unha banda, pretenden lograr un acceso preferente ao cru venezolano.

 Haberá que ver se será directamente pola vía do espolio en alta mar (secuestro de barcos ao máis puro estilo ‘piratas do século XXI’) ou negociación-extorsión para lograr un fornecemento amplo e a «bos» prezos.

 Doutra banda, parece que ansían o regreso dos seus grandes transnacionais á Faxa Petrolífera do Orinoco, especialmente Exxon Mobil e ConocoPhillips, que decidiron voluntariamente marchar hai 20 anos (Chevron quedou) debido á nova legalidade bolivariana de soberanía petroleira.

 Á súa vez, Washington presionará para garantir para si unha parte substancial das reservas minerais estratéxicas e terras raras existentes no país. A todo isto, hai que sumar a agresiva folla de ruta por recuperar o seu peso económico en Venezuela, reducindo o de China e Rusia.

 Hai que salientar que a día de hoxe China compra máis de 2/3 do cru venezolano, mentres que os EUA reciben menos do 25%, moi lonxe dos anos 90 cando o país caribeño era o seu principal provedor, por diante de Arabia Saudita.

 En canto ao goberno venezolano, a pesar de lograr sosterse está nunha posición moi complicada en todas as frontes. En primeiro lugar, ten que manter a unidade cívico-militar (doutrina oficial do chavismo desde hai un cuarto de século), xa que esta é a garantía da estabilidade política interna.

 En segundo lugar, no ámbito económico ten que negociar cos EUA nun contexto moi desfavorábel (bloqueo militar e comercial e ameaza doutra agresión militar de maior calibre). Necesita lograr un acordo económico integral (que vaia moito máis alá do petroleiro) que lle permita subsistir e que sexa medianamente coherente cun discurso de soberanía e de dignidade nacional.

A maldita xeopolítica

 A perda progresiva do seu carácter hexemónico a nivel planetario obrigou os EUA a repregáranse ao seu «patio traseiro», cunha adaptación radical da doutrina Monroe ao século XXI: «o continente é meu» e a brutalidade imperial, cando sexa necesaria, garantirá a submisión dos países da rexión.

 Como atinadamente denunciaba un grupo de intelectuais progresistas 3 días despois da agresión: América Latina non gozou moito da chamada «orde mundial» porque foi tratada sempre como «fronteira salvaxe» fronte ao «mundo civilizado»; a diferenza agora é que xa non se manteñen as formas discursivas porque a ultradereita defende publicamente unha nova orde.

 Hai un plan claro para redefinir o mapa continental e derrocar ou someter os gobernos díscolos. A pesar da súa relativa debilidade global, o avance da axenda ultra da Casa Branca é indiscutíbel, con cada vez máis gobernos de extrema dereita afíns (menos dun 25% dos 33 países de América Latina e o Caribe están gobernados por forzas progresistas), polo que as lecturas dalgúns sectores da esquerda que fan da necesidade virtude non axudan moito a entender o momento presente cargado de distopía.

 O feito de non controlar neste momento os 2 xigantes da rexión (Brasil e México) outórgalles certo respiro aos movementos progresistas, mais a restauración conservadora na súa versión ultra é un feito incontestábel. Polo menos, «polo de agora», parafraseando ao defunto comandante Chávez.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 12 de xaneiro de 2026]