Británicos votan por saír da Unión Europea
O BREXIT pode considerarse un chamado de atención, do cansazo dos pobos ante as políticas de liberalización que xeran desemprego e redución da capacidade de satisfacción de necesidades cotiás e como unha crítica á globalización capitalista
O referendo sobre a permanencia ou non na Unión Europea realizado en Gran Bretaña o 23 de xuño pasado logrou máis de 17.410.000 votos pola saída e máis de 16.577.000 votos por se manter. Foron máis de 33,5 millóns de votantes que se manifestaron sobre o tema, un 72% dos habilitados para votar. O BREXIT conmoveu Europa e o mundo capitalista, en tanto resultado inesperado, polo menos, polos sectores hexemónicos do capitalismo mundial.
Aínda se discute que significa o BREXIT, e mesmo se propuxeron reedicións da votación desde un imaxinario de incomprensión dos votantes, claro que son proposicións de quen sostiña o BREXIN, empurrado polo goberno conservador británico, os principais gobernos da Europa Unida, e mesmo do Presidente de EEUU que participou da campaña pola NON saída en territorio británico. Resulta interesante considerar que houbo sectores conservadores a favor e en contra da saída, tanto como esquerda e movementos sociais e sindicais por unha e outra posición.
A campaña popular polo BREXIT solicitounos opinión sobre a experiencia continental de loita contra o ALCA e de rexeitamento aos TLC, TBI e outras formas que se asumen desde a lóxica dos TLC, incluído agora a Alianza do Pacífico e o TPP, tanto como sobre a nosa crítica ás negociacións do Mercosur coa Unión Europea por un tratado de libre comercio. Parte do movemento popular británico asumía a crítica á Unión Europea sustentado nos impactos regresivos da hexemónica política de austeridade e o poder tecnocrático dos ámbitos reais de goberno en Bruxelas. O exemplo inmediato anterior fora Grecia, cunha vontade popular votada contra o axuste e a imposición da troika dun plan de axuste aceptado polo goberno grego.
Outros sostiñan que a saída da UE alentaría procesos reaccionarios do goberno conservador, nunha opción en que sempre perderían os sectores populares. A democracia europea é unha asignatura pendente, claro que podería ser extensiva á orde capitalista no seu conxunto, pero ese é outro tema. O problema é a integración no marco da orde capitalista. Por iso, xeneralizouse no noso continente a discusión contra a integración subordinada e pola integración alternativa. Moitos consideraron en Europa que se podía e se pode disputar unha Europa social desde a actual experiencia na UE e, por iso, aínda na crítica ao carácter reaccionario da dirección europea sostiveron a permanencia na UE, para dar a pelexa desde dentro. A hexemonía no interior da UE dificulta calquera proceso de democratización no marco da austeridade e a orde capitalista.
Con estes antecedentes podemos soster que o BREXIT pode considerarse un chamado de atención, do cansazo dos pobos ante as políticas de liberalización que xeran desemprego e redución da capacidade de satisfacción de necesidades cotiás. Como unha crítica á globalización capitalista e o control reaccionario da institucionalidade supranacional, neste caso a UE, pero ben podería ser calquera TLC ou a propia OMC. Pode considerarse como unha protesta contra a autoridade europea e o Banco Central Europeo (BCE), como unha demanda para atender as necesidades dos sectores máis empobrecidos. Sen esquecer, claro, que o BREXIT foi saudado pola dereita nacionalista, o que constitúe un problema serio a ter en conta.
Na nosa lectura pode entenderse como unha mensaxe crítica á austeridade que impón a integración subordinada. O sentido do rexeitamento á integración na UE abre o debate acerca dos novos rumbos na economía, que satisfagan as necesidades dos pobos e non as ganancias. Claro que nada pode esperarse do réxime político británico no sentido que anima a vontade popular por unha integración alternativa. En efecto, o goberno conservador británico acaba de realizar cambios no equipo de goberno para negociar o tránsito da saída da Unión Europea, confiando a tarefa a conservadores favorábeis ao BREXIT. As novas autoridades intentarán desde a súa lóxica e proxecto reinstalar o papel de Gran Bretaña nas relacións internacionais, facendo a súa propia lectura da votación.
Para América Latina e o Caribe, onde reaparece a axenda liberalizadora e se posterga o debate sobre a integración alternativa, requírese fortalecer vínculos sociais e intelectuais para discutir o sistema mundial en tempos de crise capitalista e crear condicións para a ampliación dunha perspectiva de pensamento crítico que articule as demandas dos pobos ingleses, europeos e da nosa rexión.
[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 7 de outubro de 2016]