BRICS 11, unha viraxe estratéxica
A ONU considera 152 nacións do mundo como países en desenvolvemento. O BRICS 11 diríxese a elas, xa que superan o Norte Global en todos os aspectos, desde o crecemento da poboación até a contribución global ao crecemento do PIB mundial medido segundo a paridade do poder adquisitivo (PPA)
O sur global, ou a maioría global, ou o "globo global" (copyright do presidente bielorruso, Alexandr Lukashenko), por non falar do pampo Occidente colectivo, tardarán tempo en comprender plenamente a enormidade das novas apostas estratéxicas.
O presidente de Rusia, Vladímir Putin, pola súa banda, describiu as negociacións sobre a expansión dos BRICS como bastante difíciles. Na actualidade está a perfilarse unha imaxe relativamente precisa do que realmente ocorreu na mesa de Johannesburgo.
A India quería 3 novos membros. China quería até 10. Finalmente, chegouse a un compromiso, con 6 membros: Exipto, Irán, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos (EAU), Arxentina e Etiopía. Deste xeito, desde agora os BRICS son 11. E isto é só o principio.
A partir da presidencia rotatoria rusa dos BRICS, o 1 de xaneiro de 2024, incluiranse progresivamente máis socios, e con gran certeza anunciarase unha nova rolda de membros de pleno dereito no cume dos BRICS 11 que se celebrará en Kazán en outubro de 2024. Así pois, é posíbel que axiña avancemos cara ao BRICS 20, camiño do BRICS 40. O G7, para efectos prácticos, vai indo cara ao esquecemento.
Mais o primeiro é o primeiro:
Rusia apoiou a Exipto na decisiva mesa de Johannesburgo.
China apostou pola maxia do golfo Pérsico, Irán, Emiratos Árabes e os sauditas. A India, por unha serie de razóns moi complexas, non se sentía precisamente cómoda con 3 membros árabes/musulmáns (Arabia Saudita, Emiratos e Exipto). Rusia tranquilizou os temores de Nova Deli. Por suposto, Irán-China xa están inmersos nunha asociación estratéxica, e Riad xa acepta o pagamento da enerxía en iuáns.
Brasil e China apoiaron a Arxentina, veciño problemático de Brasil, que corre o risco de ter a súa economía totalmente dolarizada, e tamén un fornecedor chave de materias primas para Pequín.
Sudáfrica apoiou a Etiopía.
Todo o anterior respecta os principios xeográficos e imprime a noción de que os BRICS representan o sur global. Pero vai moito máis alá, mesturando estratexia astuta e realpolitik realista.
A India tranquilizouse porque o ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, presente en Johannesburgo para negociar en nome de Putin e moi respectado por Nova Deli, comprendeu perfectamente que unha nova moeda única dos BRICS está moi lonxe.
O que realmente importa, a curto e medio prazo, é ampliar o comercio dentro dos BRICS nas súas moedas nacionais. Así o subliñou a presidenta do Novo Banco de Desenvolvemento, Dilma Rousseff, no seu informe aos anfitrións da cimeira surafricana, mesmo cando o presidente brasileiro, Lula da Silva, volveu insistir na importancia de crear un grupo de traballo para debater unha moeda BRICS.
Lavrov comprendeu como Nova Deli está absolutamente aterrorizada polas sancións secundarias dos Estados Unidos, no caso de que o seu papel nos BRICS sexa demasiado ambicioso. O primeiro ministro Modi está esencialmente dividido entre os BRICS e a obsesión imperial, completamente artificial, incrustada na terminoloxía Indo-Pacífico, que enmascara unha nova contención de China.
Os psicópatas neoconservadores straussianos a cargo da política exterior estadounidense xa están furiosos porque a India merca grandes cantidades de petróleo ruso con desconto. O apoio de Nova Deli a unha nova moeda dos BRICS sería interpretado en Washington como unha guerra comercial sen cuartel, á que seguirían sancións demenciais.
En troca, a Mohammed bin Salman de Arabia Saudita non lle importa, é un dos principais produtores de enerxía, non un consumidor como a India, e unha das súas prioridades é engaiolar plenamente o seu principal cliente enerxético, Pequín, e preparar o camiño para o petroiuán.
Só fai falta un movemento estratéxico
Pasemos agora ás apostas estratéxicas. Con efectos prácticos, en termos euroasiáticos, o BRICS 11 vai camiño de se apoderar da Ruta Marítima do Norte, o Corredor de transporte internacional Norte-Sur, a Iniciativa da Franxa e a Ruta (BRI, polas súas siglas en inglés), o Golfo Pérsico, o Mar Vermello e a Canal de Suez. Isto combina varios corredores terrestres con varios nodos das Rutas Marítimas da Seda. Todo iso cun só movemento estratéxico no taboleiro xeopolítico/xeoeconómico.
Moito máis que un aumento do PIB colectivo do BRICS 11 até o 36% do total mundial (xa maior que o do G7), co grupo abarcando agora o 47% da poboación mundial, o principal avance xeopolítico e xeoeconómico é como o BRICS 11 está a piques de facer literalmente saltar a banca nas frontes do mercado da enerxía e as materias primas.
Ao incorporar a Irán, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, o BRICS 11 brilla instantaneamente como unha potencia en petróleo e gas. Os BRICS 11 controlan xa o 39% das exportacións mundiais de petróleo, o 45,9% das reservas probadas e polo menos o 47,6% de todo o petróleo producido no mundo, segundo InfoTEK.
Coa posíbel incorporación de Venezuela, Alxeria e Kazhakhstán como novos membros en 2024, o BRICS 11 podería controlar até o 90% de todo o petróleo e o gas comercializado no mundo.
Corolario inevitábel: operacións liquidadas en divisas locais eludindo o dólar estadounidense. E conclusión inevitábel: o petrodólar en coma. O Imperio do caos e o saqueo perderá a súa comida de menú de balde, así como o control dos prezos mundiais do petróleo e medios para impor a "diplomacia" mediante un tsunami de sancións unilaterais.
Xa no horizonte, a simbiose directa BRICS 11-OPEP+ é inevitábel. A OPEP+ está dirixida de feito por Rusia e Arabia Saudita. Avecíñase unha reorientación xeoeconómica que abalará o terreo e que abranguerá desde as rutas asucadas polas cadeas mundiais de abastecemento e as novas estradas dos BRICS até a interconexión progresiva da BRI, a Visión Saudita 2030 e a expansión portuaria masiva nos Emiratos.
Coa elección de Etiopía, o BRICS amplía o seu alcance africano no ámbito da minaría, os minerais e os metais. Etiopía é rica en ouro, platino, tantalio, cobre, niobio e ofrece un amplo potencial na exploración de petróleo e gas natural. Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, por certo, tamén se dedican á minaría. Todo iso augura unha integración rápida e progresiva do Norte de África e Asia Occidental.
A diplomacia chega lonxe
A nova crise dos BRICS 11, no ámbito enerxético, é un importante contrapunto histórico á crise do petróleo de 1973, tras a cal Riad empezou a bañarse en petrodólares. Na actualidade, Arabia Saudita baixo Mohammed bin Salman está a operar un cambio tectónico, en proceso de aliñarse estratexicamente con Rusia-China-India-Irán.
Golpe diplomático que nin sequera empeza a describilo. Trátase da segunda etapa do achegamento entre Riad e Teherán, iniciado por Rusia e finalizado por China, selado recentemente en Pequín. O liderado estratéxico ruso-chinés, traballando pacientemente en sincronía, nunca perdeu o rumbo.
Agora compárao coas 'estratexias' colectivas de Occidente, como a limitación do prezo do petróleo imposta polo G7. Esencialmente, a 'coalición de voluntarios' do G7 autoimpuxo un tope de prezos ao cru ruso importado por mar. O resultado disto é que tiveron que empezar a comprar moitos máis produtos petrolíferos ás nacións do sur global, que fixeron caso omiso do tope de prezos e aumentaron debidamente as súas compras de cru ruso. Adiviñen quen son os dous primeiros: China e a India, membros dos BRICS.
Despois de teimar en varias etapas de negación, o Occidente colectivo pode —ou non— decatarse conta de que é un soño de parvos tentar 'desacoplar' a parte da economía mundial gobernada por Occidente de China, sexa o que sexa o que vomite Washington. BRICS 11 mostra agora, graficamente, como o 'sur global/maioría global/global globe' está menos aliñado con Occidente que en calquera outro momento da historia recente.
Por certo, o presidente do G77, o líder cubano Díaz-Canel, estivo na cimeira dos BRICS representando de facto o novo Movemento de Países Non Aliñados: o G77 incorpora en realidade non menos de 134 nacións. A maioría son africanos. Xi Jinping reuniuse en persoa en Johannesburgo cos líderes da maioría delas.
O Occidente colectivo, presa do pánico, considéraos a todos eles "perigosos". Así que o último refuxio é, como era de esperar, retórico: "desacoplamento", "des-risco" e parvadas similares.
Mais isto tamén pode resultar perigoso na práctica. Como na primeira cimeira trilateral celebrada en Camp David o 18 de agosto entre o Imperio e dous vasalos asiáticos, Xapón e Corea do Sur. Iso pódese interpretar como o primeiro paso cara a unha OTAN asiática político-militar aínda máis tóxica que o Diálogo de Seguridade Cuadrilateral (QUAD) ou a AUKUS, obsesionada por conter simultaneamente a China, Rusia e Corea do Norte.
A derrota colectiva do Norte Global
A ONU considera 152 nacións do mundo como países en desenvolvemento. O BRICS 11 diríxese a elas, xa que superan o Norte Global en todos os aspectos, desde o crecemento da poboación até a contribución global ao crecemento do PIB mundial medido segundo a paridade do poder adquisitivo (PPA).
Nos últimos 10 anos, desde o anuncio da BRI primeiro en Astana e logo en Iacarta, as institucións financeiras chinesas prestaron case 1 billón de dólares para proxectos de conectividade de infraestruturas en todo o sur global. O próximo foro da BRI en Pequín sinalará un impulso renovado. Esa é a simbiose da BRI-BRICS.
No G20 en 2022, China foi a primeira nación en presionar para que se incluíse a Unión Africana, de 55 membros. É posíbel que iso aconteza na cimeira do G20 do mes que vén en Nova Deli; nese caso, a representación do sur global estará preto da paridade coa do norte global.
As afirmacións de que Pequín estaba a organizar unha conspiración maligna para converter o BRICS nunha arma contra o G7 son infantís. A realpolitik —e os indicadores xeoeconómicos— están a ditar os termos, configurando o impacto do novo: a irreversíbel irrelevancia do G7 co ascenso do BRICS 11.
[Artigo tirado do sitio web Sputnik news, do 25 de agosto de 2023]