Brexit: o futuro do neoliberalismo en Europa
A Unión Europea non foi concibida para promover e beneficiar un proxecto social. Os dereitos sociais arrincados ao capital na posguerra inmediata foron desmantelados de xeito sistemático, sobre todo a partir de Maastricht. Desde entón, as prioridades foron a desregulación comercial e financeira, a flexibilidade laboral, así como a privatización de servizos públicos
Mañá decídese no Reino Unido a permanencia ou a saída da Unión Europea. É unha decisión histórica. O futuro de Europa e mesmo da economía mundial poden estar en xogo. Por iso o debate foi intenso e, frecuentemente, indecoroso.
Un dos principais temas está no debate é o da migración e por iso as acusacións de racismo foron e viñeron entre os que participan nesta controversia. E aínda que o tema da migración é importante, éo tamén a outra gran vertente do debate: o futuro do neoliberalismo en Europa.
Quizais o punto máis transcendental no debate sobre a saída do Reino Unido da UE é o dos poderes centralizadores da Comisión en Bruxelas. Ese organismo promoveu a aplicación da mestura de políticas macroeconómicas máis ineficaz que se coñece como resposta a unha crise que non viu vir e que, por conseguinte, tampouco puido previr. Pregándose aos dogmas máis queridos do neoliberalismo e, en especial, ao da austeridade fiscal, a Comisión é culpábels dunha das desfeitas históricas máis espectaculares en Europa desde a segunda guerra mundial. O seu teimuda oposición a unha política fiscal flexíbel que podería contribuír a enfrontar a crise é hoxe un exemplo de libro de texto sobre como agravar unha recesión. A destrución da vida de millóns de persoas en todo o continente, en especial nos países da conca do Mediterráneo, é resultado da súa soberbia e incompetencia, así como a dos seus aliados no Banco Central Europeo (e, dito sexa de paso, no Fondo Monetario Internacional). Por iso unha das preguntas que se fai boa parte da esquerda no Reino Unido é fácil de comprender: por que permanecer nun esquema neoliberal que foi responsábel da destrución da economía europea?
O proxecto de integración europea foi visto por algúns como unha forza que podería contrarrestar e frear os peores abusos do capitalismo no Reino Unido. Pero o Tratado de Maastricht asinado en 1993 xa consagraba os principios do neoliberalismo no plano macroeconómico, en especial as limitacións ao déficit fiscal. E como a regra sobre déficit fiscal non é outra cousa que un mandato para recortar o gasto público (afectando directamente a aspectos como saúde, educación, vivenda e un medio ambiente san), en realidade, tradúcese nun ataque directo aos dereitos sociais.
Posteriormente, co Tratado de Lisboa de 2007 (en vigor desde 2009) aumentou o poder centralizador de varios organismos da UE e, en especial, da Comisión en materia de política macroeconómica ao consagrarse o obxectivo da estabilidade de prezos como a principal prioridade.
Paga a pena lembrar que o Tratado de Lisboa foi un subterfuxio para fixar a Europa nunha traxectoria ríxida de neoliberalismo. Así como o Tratado de Libre Comercio de América do Norte foi unha arma para amarrar as reformas neoliberais impostas en México polo goberno de Salinas, Lisboa foi o instrumento para reintroducir pola porta traseira o que se quixo impoñer a través do proxecto de constitución europea. Ese proxecto foi rexeitado en 2005 por senllos referendos en Francia e en Holanda. O proxecto constitucional tivo que ser abandonado pero os seus principios centralizadores e dogmas neoliberais foron mantidos no Tratado de Lisboa. Así que aquí vén outra pregunta da esquerda no Reino Unido: por que confiar nas posibilidades do gradualismo para ir democratizando aos poucos a estrutura da integración neoliberal en Europa? Hai que ser optimistas, pero non inxenuos.
A verdade é que a Unión Europea non foi concibida para promover e beneficiar un proxecto social. Os dereitos sociais arrincados ao capital na posguerra inmediata foron desmantelados de xeito sistemático, sobre todo a partir de Maastricht. Desde entón, as prioridades foron a desregulación comercial e financeira, a flexibilidade laboral (e a súa secuela de salarios estancados), así como a privatización de servizos públicos. O que hai que ter claro é que a destrución do estado de benestar non era unha moda ou unha tendencia pasaxeira. Baséase nun proxecto que o capital buscou facer realidade en toda Europa, concibida como espazo de rendibilidade e non como marco democrático. E na súa andamiaxe institucional esa Europa neoliberal descansa en corpos de funcionarios que non teñen que render contas porque non foron elixidos por ninguén. Iso si, están fortemente comprometidos cos principios do neoliberalismo sen concesións. E logo non llo dixeron a Varoufakis con toda clareza? Ningunha votación democrática pode ir contra os tratados e as regras da integración europea!
O futuro do neoliberalismo na Unión Europea depende de moitos factores. Un eventual triunfo do Brexit podería converterse nun golpe aos poderes centralizadores na UE. Mais para cambiar o proxecto neoliberal o que se necesita é un cambio radical na paisaxe política desde as bases nacionais nos estados membros da Unión Europea.
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 22 de xuño de 2016]