Brasil: un veto suicida

Atilio A. Boron - 29 Out 2024

Co veto ao ingreso de Venezuela como membro asociado nos BRICS+, categoría na cal entraron Bolivia e Cuba, o prestixio internacional de Brasil e a necesaria solidariedade entre os países latinoamericanos quedaron gravemente danados. O goberno de Lula cedeu á presión conservadora da súa propia coalición de goberno e á dos Estados Unidos

 O imperdoábel veto do goberno brasileiro ao ingreso de Venezuela nos BRICS+ non constitúe sorpresa ningunha. Hai raíces moi profundas que enfrontan os proxectos rexionais e internacionais de Itamaraty e os do goberno bolivariano. Este conflito, latente ás veces, manifesto noutras, produciuse con independencia do que Lula pensase durante os seus primeiros oito anos de goberno. Logo de moitas friccións diplomáticas o certo é que as relacións entre Brasília e Caracas comezaron a normalizarse despois da derrota do ALCA en novembro do 2005.

 Mais as desconfianzas entrambos os gobernos, e moi especialmente das súas respectivas chancelarías, eran como esas brasas cubertas de cinza, aparentemente apagadas, pero que bastaba unha brisa para revivir o lume. E o vento soprou con forza nas estepas de Kazan.

 Para os diplomáticos do subimperialismo brasileiro -apelo a esta caracterización de Ruy Mauro Marini(1)- a postura internacional de Chávez, o seu incansábel hiperactivismo e o ton fortemente antiimperialista do seu discurso e da súa práctica concreta (como a creación de Petrocaribe, por exemplo), provocaron desde o mesmo principio unha mal disimulada repulsa nos cadros dirixentes de Itamaraty.

 Cómpre ter en conta que, a diferenza da gran maioría dos países, a “autonomía relativa” da que goza a chancelaría dentro do aparello estatal brasileiro fai que as súas definicións e propostas en non poucas ocasións prevalezan por riba das que puidese adoptar o presidente do momento, especialmente cando este é un civil. Esa poderosa burocracia subimperial rexe a súa conduta por un axioma: a coincidencia, o acompañamento (ou polo menos a non confrontación) coa política exterior dos Estados Unidos.

 O obxectivo dese tácito aliñamento con Washington é preservar a estabilidade da orde neocolonial en América do Sur e, na medida en que sexa posíbel, evitar o xurdimento de gobernos antiimperialistas ou, cando iso sexa imposíbel, actuar como factor de moderación. En retribución a Casa Branca outorga a súa bendición ao liderado de Brasil na rexión e mesmo lle abre as portas para situar os seus representantes en certas áreas da armazón institucional de posguerra, como a Organización Mundial do Comercio, por exemplo.

 Foi por isto polo que o crecente protagonismo internacional de Hugo Chávez someteu o pacto selado entre Brasília e Washington a fortes tensións. Durante boa parte do primeiro mandato de Lula (2003-2007) as colisións entre Caracas e Brasília foron inocultábeis. A administración republicana solicitou unha e outra vez que Brasília intercedese para tranquilizar as augas que estaba a remexer o líder bolivariano, e que pouco despois adquiriría renovados folgos co avance do primeiro ciclo progresista e as eleccións que catapultaron á presidencia a figuras como Evo Morales, Rafael Correa, Cristina Fernández, Fernando Lugo, Tabaré Vázquez e “Mel” Zelaya e posteriormente coa creación da UNASUR(2). Washington chegou tan lonxe na súa teima para lograr que Lula “acougase” a Chávez como para enviar a Condoleezza Rice a Brasil para que aquel intercedese ante o líder bolivariano para que Caracas non obviara o acordo de cooperación militar entre os Estados Unidos e Venezuela asinado había uns trinta anos e, ademais, pescudar as “razóns polas cales Chávez comprara 70.000 fusís a España”(3). Abofé que esa mediación non produciu ningún efecto.

 Os desacordos entre Brasília e Caracas continuaron durante un tempo. Enumeralos sería tan longo como tedioso. Lembremos apenas dous: o rexeitamento do goberno de Lula á implementación práctica do Banco do Sur, solemnemente fundado en decembro do 2007 pero paralizado desde o seu nacemento sobre todo polas reticencias brasileiras; ou a pertinaz negativa de Brasil a admitir a Venezuela no Mercosur. Dados estes antecedentes a conduta da delegación brasileira en Kazan inscribíase dentro do previsíbel. A ausencia de Lula debido a un estraño “accidente doméstico” permanecerá como unha das grandes incógnitas da Cimeira de Kazan. Talvez en algo inflúa o desafortunado voto de Brasil na ONU condenando a “invasión rusa” en Ucraína(4).

 Pero o certo é que co veto ao ingreso de Venezuela como membro asociado nos BRICS+, categoría na cal entraron Bolivia e Cuba, o prestixio internacional de Brasil e a necesaria solidariedade entre os países latinoamericanos quedaron gravemente danados. O goberno de Lula cedeu á presión conservadora da súa propia coalición de goberno e á dos Estados Unidos, para quen manter illada Venezuela é fundamental para proseguir con impunidade o seu criminal bloqueo en contra dese país. Non é o mesmo atacalo en soidade que facelo cando xa é membro do BRICS+.

 O acontecido desprestixia a Brasil e fai aparecer o seu goberno como un dócil socio de Washington operando en Latinoamérica, favorecendo a desconexión, para non dicir a “desintegración”, entre os países da área, todo o cal fomenta a suspicacia sobre as futuras intencións de Itamaraty no terreo internacional. Por iso a movida de Lula en Kazan é un “veto suicida” porque debilita a gravitación internacional de Brasil non só en Latinoamérica senón a nivel mundial. O analista brasileiro José Luís Fiori díxoo con todas as letras: “unha América do Sur dividida vén perdendo relevancia xeopolítica e xeoeconómica e as súas pequenas unidades ‘primario-exportadoras’, no seu illamento, son completamente irrelevantes no taboleiro xeopolítico mundial.” A alternativa sería construír un eixo entre Brasil, Arxentina e Venezuela, pero iso é o que se rompeu este ano co rexeitamento de Milei á incorporación de Arxentina nos BRICS+ e o veto brasileiro o ingreso de Venezuela a esa organización.

 Co seu veto o goberno brasileiro privou os BRICS+ da enorme vantaxe que lle outorgaría a este nucleamento incorporar ás súas fileiras o país que conta coa maior reserva comprobada de petróleo do mundo. Obxectivamente: debilitou os BRICS+, para ledicia de Washington. Por iso coido que este veto non terá longa vida e que Lula terminará desairado, porque poucos erros poden ser máis graves no mundo de hoxe que deixar esa enorme reserva petroleira a mercé da labazada que puidesen dar os Estados Unidos, algo que nin China, Rusia e mesmo a India verían con bos ollos. O que ocorre é que Itamaraty non cre que o taboleiro internacional xa se transformou nun sistema multipolar e de aí a súa errónea decisión de vetar o ingreso de Venezuela nos BRICS+. Segue a apostar á declinante hexemonía estadounidense e a unha putrefacta “orde mundial baseada en regras”, coa cal Estados Unidos defende os seus intereses nacionais.

 Ten razón a chancelaría bolivariana cando cualificou o veto como “un xesto hostil, que se suma á política criminal de sancións que se impuxeron a un pobo valente e revolucionario”. Dicir “súmase”, nunha coidada linguaxe diplomática, equivale a dicir que Brasil actuou como un dilixente peón de Washington, validando as máis de 900 medidas coercitivas unilaterais que afectan a ese país irmán e facendo gala dunha penosa falta de solidariedade.

 Non se decatou Lula de que durante a pandemia, durante o goberno do impresentábel Jair Bolsonaro, a xente morría nos hospitais de Manaos por falta de osíxeno e o presidente Nicolás Maduro ordenou o envío de 107 médicos e seis cisternas cun total de 136.000 litros de osíxeno para atender a dramática situación dos hospitais desa cidade? É este o pagamento de Brasil ante aquel xesto solidario? Veto lamentábel e imperdoábel. O presidente Lula terá un arduo labor por diante se quere que o seu país recupere a súa credibilidade e a súa gravitación, non só na orde rexional latinoamericana e caribeña, senón tamén ante os principais socios dos BRICS+, fundamentalmente China, Rusia e a India. Seguramente non deberá pasar moito tempo antes de que ese fatídico veto sexa revertido, e o presidente brasileiro teña que soportar un amargo desaire.  

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Ver Adrián Sotelo Valencia, Subimperialismo y dependencia en América Latina (CLACSO, 2021) 

(2) Sobre ese primeiro ciclo, ver Klachko, Paula e Katu Arkonada, Desde Abajo. Desde Arriba. (Bos Aires, Prometeo: 2016, dispoñíbel en internet) e sobre o segundo ciclo progresista, consultar Atilio A. Boron e Paula Klachko, Segundo Turno. El resurgimiento del ciclo progresista en América Latina y el Caribe (Bos Aires: edicións varias, 2023). 

(3) 29 de abril de 2005 https://www.lanacion.com.ar/el-mundo/lula-pidio-a-chavez-moderar-su-hostilidad-hacia-washington-nid700008/

(4) Eleonora Gosman, en El DiarioAR, https://www.eldiarioar.com/mundo/empenado-asumir-rol-mediador-global-lula-hablo-zelensky-plan-paz_1_10004942.html 5 de marzo de 2023.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 28 de outubro de 2024]