Bota a andar a Mesa de Universidades para negociar o Estatuto do PDI
O ministro de Universidades presidiu a reunión coas catro organizacións sindicais con presenza na Mesa de Universidades, que se dá por constituída con esta primeira reunión. O obxectivo principal, mais alá doutros temas que poidan xurdir, é negociar un Estatuto para o persoal docente e investigador das universidades. Os sindicatos que negociarán esta nova norma serán CIG, CCOO, CSIF e UGT. O ministro Subirats avanzou que a negociación podería estenderse durante un máximo de 7 meses.
A reunión do mércores 29 serviu para avanzar no debate dunha metodoloxía de traballo, mais tendo en conta que a negociación sindical correrá en paralelo coa tramitación no Congreso do proxecto de lei da LOSU que podería afectar ao que se negocie na Mesa sindical.
Condicións da negociación
A CIG entende como positivo o paso dado polo Ministerio, froito dunha demanda sindical unánime de recoñecer formalmente unha Mesa de negociación. Porén, subliña que é un problema que non estea presente pola parte do Goberno o departamento de Función Pública (Ministerio de Facenda). "A experiencia do prolongado proceso de negociación do frustrado Estatuto negociado baixo a presidencia de Zapatero non valeu para nada porque Función Pública non recoñeceu os acordos acadados", lembra a CIG-Ensino.
O sindicato tamén reclamou que o Ministerio especifique cal é a ambición que pretende do Estatuto do PDI; por exemplo, cal é a carreira profesional prevista, como se estabelece a promoción, a que profesorado se lle vai aplicar, se as figuras investigadoras van estar dentro do Estatuto etc.
Desde a CIG indicouse que se botan de menos temas relacionados coa conciliación, as xubilacións e, dado o forte incremento de universidades privadas, a cuestión das incompatibilidades do profesorado. A última cuestión é que está ben fixar o calendario de antemán, como propón o Ministerio, mais o fundamental é que ritmo específico de xuntanzas se prevé.
O ministro Subirats e o secretario xeral de Universidades, en resposta á intervención da CIG sobre a axenda, afirmaron que o longo proceso de debate acontecido co Goberno de Zapatero é unha boa base de partida. Engadiron que o contexto daquela negociación foi distinto ao actual por mor da crise de 2008. Coinciden con que a relación con Función Pública é importante e que hai que manter un contacto sostido con Facenda durante a propia negociación, confirmando que conciliación, xubilación e incompatibilidades son asuntos que estarán no Estatuto.
Reunións mensuais
En relación co calendario din que prevén reunións mensuais e que a primeira terá lugar a finais do mes de xullo, con previsión de que sexan na última semana de cada mes.
A CIG-Ensino agarda que a negociación do Estatuto do PDI sexa unha realidade que sirva para mellorar a carreira profesional e as condicións de traballo das e dos profesionais universitarios.