Bombeiros de Galiza, Euskal Herria e Països Catalans rexeitan a intromisión do exército español en tarefas de emerxencias
Bombeiros e bombeiras de Galiza, Euskal Herria e Països Catalans veñen de emitir un comunicado conxunto para trasladar o rexeitamento á intromisión de unidades do exército español en tarefas de Protección Civil e Emerxencias e reivindican, nesta crise sanitaria, “unha saída civil cuns servizos públicos fortes nas que os nosos respectivos pobos teñan capacidade de decisión para xestionar os nosos propios recursos, sen inxerencias centralizadoras a toque de cornetín”.
A seguir reproducimos o comunicado
Os bombeiros seremos sempre vosos, non somos soldados
Os sindicatos e entidades de bombeiros de c, Galiza e Països Catalans abaixo asinantes dirixímonos aos nosos respectivos pobos para mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante a intromisión de unidades do exército español en tarefas de Protección Civil e Emerxencias. Intervencións cun desproporcionado alarde de persoal, vehículos e material, que obedecen a un impulso político máis que a necesidades reais da cidadanía.
As imaxes de militares realizando labores civís non ten outro obxectivo que xustificar as obscenas partidas económicas que o estado español destina a gastos militares e lavar a imaxe dun exército de dubidoso talante democrático.
Os bombeiros e bombeiras xunto con outra multitude de traballadores e traballadoras dos nosos países, formamos parte do persoal que estivo en primeira liña desde o inicio, sufrindo a falta de material que garantise nosa propia saúde, sen poder acceder a análise de contaxios, con persoais mermados, dobrando xornadas e quendas, e, en definitiva, poñendo en risco nosa propia saúde, co único obxectivo de garantir a saúde da cidadanía. En multitude de ocasións ofrecémonos a traballar de forma voluntaria fose das nosas xornadas laborais, así o estamos facendo e seguirémolo facendo mentres sexa necesario.
As políticas de austeridade ditadas dende Bruxelas, ordeadas dende Madrid e executadas por Goberno Vasco, Goberno de Navarra, Xunta de Galiza, Generalitat de Catalunya, Generalitat Valenciana e Govern de les Illes Balears deixaron os nosos servizos públicos baixo mínimos. Os gobernos dos nosos países acordaron con Madrid, baixo a esixencia do teito de gasto e o cumprimento do déficit, non apostar por uns servizos públicos fortes e de calidade, o que supuxeron unha precarización dos e das traballadoras e, en definitiva, unha debilitación do público en favor do capital.
Os mesmos que nos adelgazaron o sector público ata a extenuación pretenden vendernos que a solución pasa por mediáticas exhibicións de Unidades Militares de Emerxencia nas nosas rúas. Levamos moitos anos sufrindo recortes económicos en todos os ámbitos excepto en Defensa, que incrementou o seu orzamento, o que deixou unha situación especialmente precaria en sanidade e en emerxencias. O exército foi ferramenta de represión e control para oprimir a vontade de liberdades nacionais e dereitos sociais dos pobos vasco, galego e catalán e de toda a clase traballadora. O mesmo exército que está a patrullar as nosas rúas recortando, máis se cabe, as liberdades civís.
Fronte a esta crise sanitaria reivindicamos unha saída civil cuns servizos públicos fortes nas que os nosos respectivos pobos teñan capacidade de decisión para xestionar os nosos propios recursos, sen inxerencias centralizadoras a toque de cornetín cuartelero.
Gastos militares para gastos sociais.
CIG, ELA, LAB, Intersindical-CSC, CUT, COS, CGT e Bombers per la República