Bombeiros/as forestais de Galiza chaman a continuar coas mobilizacións pola mellora das condicións laborais
Bombeiros forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) de Galiza fan un chamamento ao conxunto do persoal do SPIF, ás organizacións sindicais e ás organizacións profesionais a continuar coas mobilizacións para reclamar unha mellora das condicións laborais, tras a concorrida manifestación celebrada o domingo en Santiago.
Nun comunicado o colectivo cualifica de “infernal” o verán en canto a lumes se refire e lembra que o período de risco de incendios aínda non rematou. “Aínda o varios compañeiros/as veñen de sufrir graves accidentes laborais, coma o atrapamento no incendio de Barreiros na Mariña lucense e o accidente dun motombista en Muíños, no Xurés; que se suman ao atrapamento de varios no lume de Oímbra”.
Cómpre a apertura puntual dunha mesa de negociación extraordinaria entre as organizacións sindicais e a administración
Segundo denuncian, este tipo de sucesos son consecuencia da precariedade laboral existente no sector, como as deficiencias aparecidas nos deseños dos EPI: chaqueta, pantalóns e camiseta non válidos para soportar temperaturas extremas. A máscara incompatible co uso do casco cando hai que facer uso de ambos. “Debemos esixir a máis rápida renovación dos mesmos e unha maior dilixencia nestas contratacións.”
Tamén a non cobertura das prazas previstas en tempo, “e aínda por riba en plena vaga incendiaria armouse un patético espectáculo político entre administracións de distinto signo”. E o lanzamento do último proceso selectivo en plena vaga incendiaria. “Pensamos que cómpre a apertura puntual dunha mesa de negociación extraordinaria entre as organizacións sindicais e a administración para revisar e corrixir cousas coma considerar o tempo de inactividade e buscar a fórmula de valorar máis o tempo no SPIF”. Outra problemática ten que ver coa existencia de motobombas avariadas ou sen persoal.
Ao mesmo tempo, censuran a “sobreactuación” á hora de sobrevalorar o papel da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en detrimento do resto do servizo público de bombeiros forestais, en particular o SPIF. “Non se abre nin se destaca nos informativos da TVG a relevancia que ten o persoal da Xunta, o SPIF”.
Así como a discriminación xerada desde a administración no mesmo SPIF entre persoal funcionario e laboral (o tope de 10 horas para o funcionario nos incendios, salvo en situación 2, e a non compensación dos domingos e festivos ao laboral. Polo a mesmo traballo reclaman as mesmas condicións.
Mellora salarial digna
Ademais consideran imprescindíbel esixir “seriamente” unha mellora salarial digna. “O exemplo da suba dun 30 % a Tragsa en Madrid apunta ben coma modelo a considerar ou a estimación dos coeficientes redutores e a segunda actividade”. Outra demanda pasa por artellar a fórmula para integrar as brigadas municipais no SPIF. “Porque, insistimos, a mesmo traballo, igualdade de condicións”.
Tamén lle esixen ao PP a expulsión “fulminante” da secretaría local do Barco de Valdeorras, “xa que infames declaracións contra o persoal máis precario do seu servizo de extinción é un insulto ao conxunto da Consellaría do Medio Rural e do SPIF. “Non facelo é denigrar a máxima institución galega (a Xunta de Galiza no seu conxunto e a quen di representar: a cidadanía galega) pouco menos que acusándoa de encubridora de delincuentes”.