Bolivia: 10 preguntas e 10 respostas sobre o conflito cos “cooperativistas” mineiros
O conflito cos mineiros cooperativistas é unha disputa entre o pobo e o capital polo excedente. O mal chamado cooperativismo quere liberdade para poder asociarse con transnacionais e explotar os recursos naturais a fin de obter a máxima plusvalía posíbel
1.- Como xorde a minaría cooperativa en Bolivia?
A minaría cooperativa ten como orixe a crise económica mundial provocada polo crack da Bolsa de Nova York en 1929. Moitas empresas transnacionais entran en crise e teñen que despedir traballadores, aos que entregan parcelas para a súa explotación.
A Revolución de 1952 trae consigo a nacionalización das minas baixo o goberno de Víctor Paz Estenssoro, e a creación da Corporación Mineira de Bolivia (Comibol), reforzando a minaría estatal e debilitando o “contapropismo”.
2.- Como se transforma en patronal mineira?
Mais non se pode entender o tránsito da minaría cooperativa, con socios traballadores como en calquera parte do mundo, á conversión en pequenos empresarios mineiros que extraen plusvalía non só dos recursos naturais, senón dos traballadores contratados, sen entender como se desenvolve o neoliberalismo en Bolivia.
É en 1985, de novo baixo o goberno de Victor Paz Estenssoro, cando se desenvolve o Decreto 21060 que permite a “flexibilización laboral” e se executan entre 1985 e 1986 máis de 20.000 despedimentos no sector mineiro estatal, que pasan a articularse en torno á minaría cooperativa.
Posteriormente é Gonzalo Sánchez de Losada, empresario mineiro, quen termina de desmontar Comibol, entregando as grandes empresas ás transnacionais, e dando en concesión e/ou transferindo a socios cooperativistas maquinaria, perforadoras, extractoras, etc., transformándoos en pequenos empresarios.
3.- Por que o sector cooperativista se converteu en aliado do proceso de cambio?
Malia ser favorecidos por Gonzalo Sánchez de Losada, os cooperativistas mineiros convertéronse en vangarda da loita contra o neoliberalismo. Foron actores fundamentais nas mobilizacións contra o goberno de Goni, chegando a tomar a Praza San Francisco, o acto militar máis forte das protestas anti neoliberais. En 2005, cando renuncia Carlos Mesa, convértense no actor principal que impide que se invistan como Presidente os dereitistas Hormando Vaca Díaz, Presidente do Senado, e Mario Cossío, Presidente da Cámara de Deputados, facilitando o acceso á Xefatura de Estado de Eduardo Rodríguez Veltzé, Presidente da Corte Suprema, que logo convocaría as eleccións que gañaría Evo Morales.
É por iso polo que, en canto a actor político de primeira magnitude, tanto cualitativo, como cuantitativo, pois das 454 cooperativas mineiras que había en 1990, se pasa a 778 cooperativas en 2005 que articulan decenas de miles de traballadores.
4.- Que di a Constitución boliviana sobre os recursos naturais, a propiedade destes, e a minaría cooperativa?
A Constitución Política no seu artigo 311, dentro da Estrutura e Organización Económica do Estado determina que “Os recursos naturais son de propiedade do pobo boliviano e serán administrados polo Estado”.
O artigo 369 indica que “O Estado será responsábel das riquezas mineiralóxicas que estean no solo e subsolo calquera sexa a súa orixe e a súa aplicación será regulada pola lei. Recoñécese como actores produtivos á industria mineira estatal, industria mineira privada e sociedades cooperativas”.
Así mesmo, o artigo 370 afirma que “O Estado outorgará dereitos mineiros en toda a cadea produtiva, subscribirá contratos mineiros con persoas individuais e colectivas previo cumprimento das normas establecidas na lei. II. O Estado promoverá e fortalecerá as cooperativas mineiras para que contribúan ao desenvolvemento económico social do país. III. O dereito mineiro en toda a cadea produtiva así como os contratos mineiros teñen que cumprir unha función económica social exercida directamente polos seus titulares”. Mais, sobre todo, o artigo 371 é claro: “As áreas de explotación mineira outorgadas por contrato son intransferíbeis, inembargábeis e intransmisíbeis por sucesión hereditaria”.
5.- Que demandan os cooperativistas mineiros?
A segunda semana de agosto, os cooperativistas mineiros anuncian un paro indefinido en todo o territorio boliviano se non se atende un prego de pedimentos de 10 puntos, que ao longo do conflito se transforma en 24 demandas, entre as que podemos salientar:
- Rexeitamento á Lei Xeral de Cooperativas Mineiras: en especial no punto que permite a sindicalización. Os cooperativistas, convertidos en patróns capitalistas, non queren sindicatos no interior das súas empresas.
- Rexeitamento á Lei 535 de Minaría e Metalurxia: Esta Lei impide que empresas privadas (nacionais ou transnacionais) poidan investir nas concesións dos cooperativistas, e obriga a que as concesións mineiras sexan outorgadas por Comibol. Actualmente os cooperativistas teñen asinados polo menos 31 contratos con empresas privadas, algunhas delas transnacionais, sendo unha delas a Comsur de Sánchez de Losada.
- Flexibilización das regulacións ambientais: As cooperativas mineiras quéixanse do estrito dos trámites para obter as licenzas ambientais, aínda que o 80% delas non cumpre con este trámite.
- Tendido de redes de enerxía con tarifas diferenciadas: Os cooperativistas mineiros demandan que o Estado instale tendido eléctrico en todos os lugares onde teñen concesións, e que ademais a súa tarifa sexa subvencionada.
- Reinvestimento dos recursos provenientes dos gravame mineiros no sector cooperativista: A demanda de reinvestimento dos gravames que pagan polas vendas de minerais, deixa ao descuberto a realidade de que os cooperativistas mineiros só pagan ao Estado o 2’5% dos gravames, fronte ao 8’5% das empresas privadas.
6.- Cal foi a postura do goberno ante as demandas?
O goberno boliviano mantivo unha posición de diálogo, convocando os cooperativistas mineiros a reunións cos ministros de Presidencia, Goberno e Minaría, ao mesmo tempo que se mostraba firme na súa posición de non violentar a Constitución fronte ás demandas corporativas dun grupo de empresarios que deixaron de pensar no país para pensar no seu lucro privado.
7.- Existiu unha conspiración como denunciou Evo Morales?
Hai 2 feitos que deberán ser investigados os próximos días, mais é unha realidade que cando máis preto estiveron as dúas partes, goberno boliviano e cooperativistas mineiros, de sentar nunha mesa, sucedeu algo que imposibilitou o diálogo:
O luns 22 de agosto “apareceu” unha orde falsa de aprehensión de dirixentes mineiros, que provocou o paso á clandestinidade da dirección cooperativista e que o martes se intensificasen os bloqueos.
O mércores 24 prodúcese o asasinato de 2 mineiros cooperativistas durante os bloqueos e en circunstancias aínda sen esclarecer, mais todos os indicios levan a pensar que se trata dunha emboscada pois a arma utilizada, de calibre 9mm, tivo que ser disparada desde moi preto para causar un dano mortal, máis aínda cando un dos mineiros falecidos foi alcanzado nun costado. Son 2 as hipóteses, ou fogo amigo (dado que foi comprobado a utilización de armas de fogo por parte dos cooperativistas) ou un disparo da policía (hipótese sustentada por unha denuncia do Defensor do Pobo). No caso de que os disparos viñesen desde fileiras policiais, este feito produciríase contravindo a orde directa do Presidente Evo Morales, non xa de non disparar, senón nin sequera portar armas de fogo no lugar dos bloqueos.
8.- Quen era Rodolfo Illanes e por que foi asasinado?
Rodolfo Illanes, militante do proceso de cambio e cunha longa traxectoria en cargos de responsabilidade, era Viceministro de Réxime Interior e Policía. Illanes ofreceuse voluntario para ir a Panduro, lugar do principal bloqueo, co fin de dialogar coa dirección cooperativista. En Panduro foi secuestrado e retido durante todo o xoves 25.
Nun terceiro momento que debe ser esclarecido, e cando o goberno e a dirección cooperativista xa se puxeron de acordo en renovar o diálogo, prodúcese un enfrontamento confuso que seica deixa un terceiro mineiro morto, o cal sería utilizado para provocar o linchamento do Viceministro Illanes, que é asasinado e cuxo corpo é abandonado nunha beira da estrada a altas horas da noite. Illanes faleceu por traumatismo encéfalo-craneal.
9.- Cal foi o papel dos medios de comunicación privados bolivianos no conflito?
Podemos distinguir 2 fases na actitude dunha boa parte dos medios de comunicación bolivianos no conflito cos mineiros cooperativistas.
Até a semana tráxica que culmina co asasinato de Illanes, a maioría dos medios de comunicación deixando por sentado de que o conflito coa patronal mineiro-cooperativista é unha pugna entre aliados políticos, rexeitando e criticando as súas demandas.
A semana que comeza o 22 de agosto unha boa parte dos medios instigan o conflito a partir das ordes de detención falsas. Mesmo dando espazo e protagonismo aos dirixentes cooperativistas para desmentir o Ministro de Goberno que declarara que as ordes eran falsas. Esa noticia incentiva as mobilizacións, e a partir de aí séguese alimentando o escenario de confrontación.
O xoves 25 e venres 26, xa cun Viceministro secuestrado, torturado e asasinado, ademais de tres mineiros caídos nos enfrontamentos, os xornalistas da dereita boliviana intentan deixar por sentado que o sucedido é froito da intransixencia do goberno e a falta de diálogo, a fin de colocar a responsabilidade das mortes en ambos os bandos enfrontados.
10.- Cal é o escenario inmediato no conflito cos cooperativistas?
O conflito cos mineiros cooperativistas é unha disputa entre o pobo e o capital polo excedente. O mal chamado cooperativismo quere liberdade para poder asociarse con transnacionais e explotar os recursos naturais a fin de obter a máxima plusvalía posíbel tanto á Nai Terra como aos seus traballadores asalariados. Nese sentido o goberno pode sentar a escoitar demandas, pero non pode violar a soberanía do pobo boliviano sobre os recursos naturais que establece a Constitución Política do Estado.
Tamén cómpre dicir que a posición dos movementos sociais bolivianos, sindicatos campesiños e pobos indíxenas, que pediron que se revertan as concesións mineiras e privilexios dos que gozan os cooperativistas.
Nese sentido, un posíbel escenario é un reaxuste na política de alianzas sociais do actual goberno, onde os mineiros cooperativistas, moi despresixiados tras unha semana tráxica que deixa un saldo de varios mortos nas protestas, perdan posicionamento e lexitimidade política. O reaxuste tamén será no seu seo, pois parece pouco probábel que a actual dirección cooperativista poida seguir conducindo o movemento, co engadido de que algúns dos seus dirixentes poderían ser procesados como autores materiais ou intelectuais do asasinato do Viceministro Illanes.
En calquera caso, é necesario determinar o grao da conspiración interna e externa, denunciada polo Presidente Evo Morales na conferencia de prensa do venres 26, pois a conspiración será un elemento determinante no aumento da conflitividade social de aquí a 2019, ano onde está en xogo a continuidade do proceso de cambio que encabeza o Presidente Evo Morales.
(*A Rodolfo Illanes in memorian, heroe defensor dos recursos naturais.)
[Artigo tirado do sitio web ‘TeleSur’, do 27 de agosto de 2016]